Jessica García Concelleira do BNG De Redondela

Jessica García BNG Redondela A Nova Peneira

Nas pasadas elección municipais, case nos minutos de desconto, o BNG de Redondela obtiña unha segunda acta, que converteu en concelleira á veciña de Vilar Jessica García. Jessica é unha moza de 25 anos, filóloga, como o que isto escribe, e dunha solvencia intelectual e moral máis que notable. Teño a convicción de que o futuro do nacionalismo na vila dos viadutos está garantido en persoas como ela, que sen dúbida terá un papel moi relevante nas vindeiras décadas da política galega. Achegámonos ata o local do bloque na vila para coñecérmola mellor.

A NOSA OPOSICIÓN SERÁ HONESTA E CONSTRUTIVA,ESTOU SEGURA DE QUE CO PSOE E CON AER IMOS TER MOITOS PUNTOS DE ENCONTRO”

Ti es unha rapaza nova, tes 25 anos, para as veciñas e veciños que non te coñezan; quen é Jessica García?

Eu son veciña da parroquia de Vilar, son graduada en lingua e literatura galega, fixen estudos portugueses en Braga, de feito estiven un ano vivindo alí. E na actualidade traballo no eido comercial no sector das telecomunicacións. A corto prazo, se todo vai ben, teño a intención de comezar un máster para opositar a educación secundaria.

Vaia, é necesario facer un máster para opositar?

Si, é necesario. Un exemplo claro das políticas do PP que elitizan a educación e complican o acceso ao mercado laboral, a quen non teña 7.000€ para pagarse un máster privado. O PP cargouse a sociedade de benestar, dificulta considerablemente que as fillas e fillos das clases traballadoras poidamos estudar e ter un traballo digno relacionado cos nosos estudos. A min, quen máis me fixo de esquerdas foi o PP.

Acabas de iniciar o mandato como concelleira da corporación redondelá, e aínda que é moi pronto quero preguntarche como te sentes?

Síntome moi contenta pola subida que experimentou o BNG de Redondela, despois duns anos convulsos, e con moitas gañas de levar ao concello o intenso traballo de rúa que desenvolve a nosa organización política.

A túa acta foi conseguida polos pelos, case nos minutos de prorroga, iso significaría alegría dupla, supoño?

A verdade a noite electoral viviuse no noso local cunha intensidade máxima, as emocións de todas e todos os que aquí estabamos mantivéronse en niveis elevadísimos; ata máis ou menos o 65% do reconto dábannos dous, logo caemos a un e finalmente arredor do 98% recuperamos a segunda acta.

E cando, con case o 100%, confirmouse que eras concelleira?

Celebrámolo como se gañaramos a alcaldía.

Nesa suba que experimentastes o traballo de Xoán Carlos que parte de “culpa” ten?

Eu creo que moita, considero que no mandato anterior, Xoán Carlos foi a oposición real ao PP. A oposición do BNG foi a que levou as propostas realmente relevantes.

Por exemplo?

As cuestións sociais , ou as traídas de augas.

E a túa valoración xeral dos resultados en Redondela?

Penso que quedou claro que a maioría de Redondela non quere ao partido popular. A nosa valoración é moi positiva polo cambio de goberno.

Imaxino que tamén valorarás de maneira positiva que, por primeira vez na historia, Redondela teña unha alcaldesa?

Desde logo que si, para unha muller feminista coma min, é unha circunstancia que me enche de alegría, alén de que as mulleres sexamos maioría no pleno.

Non entendo as motivacións que vos impulsan a non entrar no goberno, e francamente penso que choca co discurso que estivestes mantendo estes anos?

Pois eu entendo que a nosa, é unha decisión moi responsable. Desde o primeiro día apoiamos a Digna para que ela puidese ser alcaldesa. Nos non entramos a formar parte dese goberno porque nun tripartito con 2 representantes de 12 non teriamos as capacidades para desenvolver o proxecto autónomo que ten o BNG para Redondela e para Galiza. Nós temos a intención de manter canles fluídos de comunicación co goberno, e imos facer unha oposición honesta e construtiva.

Tal como quedou conformada a aritmética municipal vós ides ter un papel moi relevante; 10 o goberno 9 a oposición do PP e vós sodes 2 que seredes decisivos en moitas ocasións; non che dá medo ter que coincidir en votacións coas posicións do PP e que se formule a hipótese, que tanto lle gusta ao PSOE, da pinza , neste caso BNG/PP?

Non. Estou segura de que co PSOE e con AER imos ter moitísimos puntos de encontro, ademais nós somos xente seria e honesta e a nosa oposición será construtiva, teño claro que a do PP non. Que algunha vez poidamos coincidir co PP, pois non che digo que non, pero tamén sucedeu estes anos.

As liñas políticas básicas que ides tratar de desenvolver?

Esencialmente meterlle man aos servizos sociais, para que dunha vez sexan eficaces e útiles na atención ás veciñas e veciños que peor o pasan. A regresión en algo tan relevante, nestes anos de nefasto goberno do PP, foi horrible e cómpre reconducir a súa xestión de contado. Por outra banda non queremos que o feminismo sexa algo meramente estético senón que todas as áreas de goberno desenvolvan políticas autenticamente feministas. Cónstame que esa é a intención da alcaldesa, e alí terá ao BNG coa man tendida. Queremos mellorar substancialmente as traídas de augas, recuperar a cultura como un sinal de identidade do noso pobo, pero todas as expresións culturais independentes e libres….

Que pasou co facebook do Concello de Redondela?

Seica estaba manexado por unha persoa de confianza do PP e ben, di que como estaba ao seu nome bórrao e listo.

Falemos de país, como ves para o BNG a situación cara as eleccións autonómicas do ano próximo?

Ben, entendo que a tendencia a alza do BNG é incuestionable. A nosa posición de cohesión interna é inmellorable e considero que o noso traballo é enormemente valorado polo conxunto da sociedade galega. As perspectivas para o BNG son moi positivas e estou segura de que teremos unha suba moi importante e seremos decisivos na conformación dun máis que necesario goberno alternativo ao PP.

Rematamos Jessica; que pode esperar un veciño ou veciña de do traballo político da concelleira e do concelleiro do Bloque na corporación de Redondela?

Que os defendamos sempre, que os seus intereses sexan os nosos, porque nós somos como eles, e os seus problemas son tamén os nosos.