Jaime Borines un redondelán en Cancún

Jame Borines Concello de Redondela A Nova Peneira
Marcos Santos Artigo opinión a Nova Peneira
Marcos Santos

Jaime é un fillo de Redondela que despois de percorrer distintas zonas do mundo acabou en Cancún rexentando unha produtora que se dedica a organizar congresos e distintos eventos relacionados coa danza de zonas tan diversas do mundo como a Polinesia ou os bailes árabes

A primeira vez que migraches?

Foi a París no ano 1998, e sempre fun un fuxe fuxe, e alí estiven nove anos, pero eu son choqueiro en esencia, de feito cheguei a ser xogador do Choco, bailei a danza…

E que facías en Francia?

Traballei primeiro en seguridade para irme afacendo ao idioma, e logo cun Peruano organizando congresos de artesanía do mundo. Despois estiven un ano sabático en Manchester aprendendo o idioma.

Logo xa a México?

Si, comecei traballando nun t”ablao flamenco” moi importante “Gitanerías” que logo comprei, antes de vendelo fixen unha exposición “la expodanza” que tiña por obxecto fusionar a parte empresarial coa parte cultural. Foron máis de 15 embaixadas, milleiros de artistas, centos de empresas. Non me resultou moi rendible economicamente e decidín ir ao Caribe.

A Cancún?

Si, alí o turismo ten moita importancia e hai moitos paquetes con ofertas varias, e eu tiven a idea de incluír neses paquetes actividades de danza polinesia. En México a danza ten unha enorme relevancia e moita aceptación. Eu contrato aos mellores bailaríns polinesios, imparto seminarios e venme moitísima xente de todas as partes de México a tomar clases.

O que tes ti é unha axencia?

Si, unha axencia produtora JABO PRODUCCIONES. Eu produzo os eventos, teño como tres congresos ao ano. A medida que pasa o tempo vaste facendo un nome e meténdote no mundo, de feito acaban de contratarme para ser xurado dunha competición de danza en Puerto Rico.

Nos congresos que organizas, porque non metes a danza das espadas?

É unha boa idea, tereina que que considerar. México ten unha danza folclórica moi rica e bonita con evidentes influencias hispánicas.

A situación política de México?

Buff mala, igual ca no resto do mundo.

E a situación social?

Hai moitas diferencias sociais, a verdade intensísimas cunha penetración enorme do narcotráfico en todas as institucións.

Como nos ven aos galegos alí?

Pois hai unha visión un tanto negativa, de feito fanse moitos chistes que pretenden ridiculizarnos. Eu teño un amigo galego en México que dicía” Ti déixaos, déixaos, que mentres eles fan chistes nós facemos cartos”

O acento mexicano telo moi intenso?

Ben para eles teño acento de fóra, é o que ten a emigración, alá son estranxeiro e aquí tamén.

Tes pensado acabar a vida aquí ou en México?

Uff, non sei que dicirche, en principio teña pensado vir a Redondela pero temporadas máis grandes.