A mediación do Concello permite retirar o embarcadoiro do antigo ferry con Cerveira

Ferry Goián Concello de Tomiño A Nova Peneira

Tomiño, 16 de xullo de 2019

A mediación do Concello de Tomiño posibilitou a retirada do embarcadoiro do antigo ferry-boat que unía Goián e Cerveira e que, dado o seu estado de deterioro e abandono, constituía un perigo para os piragüistas do Club Deportivo Miño e público en xeral.  Logo de que repetidas veces durante os últimos anos, o Concello solicitara a Portos de Galicia, a retirada do mencionado embarcadoiro, sen resultados, o primeiro conseguiu chegar a un acordo para que un estaleiro de A Guarda se ofrecera a desmontar a antiga instalación e a levala río abaixo, sen custes para a Xunta de Galicia, a cambio de aproveitar os materiais para construír un pantalán flotante na Pasaxe.

Deste xeito, tras unha semana de arduo traballo para desmontar por partes o antigo embarcadoiro, este xa non representa un perigo para os deportistas que pasan polo río. Só resta retirar nestes días a parte flotante da instalación.