Ana Pontón, Portavoz Nacional do BNG

Ana Pontón BNG A Nova Peneira

A piques dun novo 25 de Xulio, achegámonos ata a capital do noso país a conversar con Ana Pontón sobre a situación política en xeral e do Bloque en particular

As forzas estatais pasan de Galiza, a axenda galega so existirá cando o BNG teña peso decisivo”

G.Figueiredo

O 28 de febreiro do 2016 fuches elixida portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego. Como está sendo a experiencia de ser a máxima responsable da organización política de referencia do nacionalismo galego?

Estou moi agradecida e é unha honra moi grande que os militantes do BNG me teñan dado o seu apoio para ser a súa voz. Evidentemente isto non é un traballo individual, é un traballo de equipo de moitas persoas.

No ano 2016 afrontabamos un momento moi importante para o Nacionalismo. Fíxose unha aposta moi grande pola renovación, porque outra xeración se puxera fronte dun proxecto como é o BNG que ten unha historia e unha raíz moi fonda. Sempre digo que poder traballar para cambiar o teu país é un luxo e facelo desde a responsabilidade é algo moi gratificante.

Poucos meses despois de ser escollida pola militancia fuches entrevistada no noso xornal e declarabas: “o nacionalismo é a alternativa real á situación de emerxencia nacional e social que provocaron os gobernos do PP”, como estou segura de que segues a pensar o mesmo, dille por favor a unha lectora ou lector que non o comparta, por que?

Creo que estamos nun momento no que cada vez se ve con máis claridade que a alternativa aos problemas de Galiza non vai vir de fóra, senón que a temos que construír cun proxecto propio que teña o seu centro de decisión no país, se non o que se ve e que mantemos unha situación de agravio e de dependencia que impide o noso desenrolamento pleno. Tanto nos gobernos do PP como do PSOE vemos que o trato con Galiza non varía. Iso significa que a alternativa temos que construíla desde o propio país e temos propostas moi claras:

-Acabar co espolio enerxético a través dunha tarifa propia que faga que o prezo sexa xusto.

-Galiza en períodos de crise ou en períodos de bonanza segue tendo un problema grande de migración porque non se está apoiando eficientemente o desenrolo económico no país.

-Desde o punto de vista do financiamento, un Estado centralista no que a recadación dos recursos segue estando no seu centro, sendo eles os que deciden como se distribúe. Nós temos feito un cálculo e cada ano o Estado se queda con 3.500 Millóns que se recadan en impostos no noso país. Estes cartos sería decisivos para impulsar a innovación, modernización das nosas estruturas, para unha boa atención as persoas maiores, poñer en marcha políticas de desenrolo pleno dos nosos sectores produtivos básicos.

É dicir, temos moito por gañar se tomamos o control dos nosos recursos, da nosa economía. Esta é a alternativa que lle propoñemos as galegas e galegos e que representa o nacionalismo.

Nas eleccións estatais de abril malia experimentar unha suba significativa de votos, o BNG non acadou representación parlamentaria en Madrid, consideras que coas deputadas e deputados galegos do PP, PS, C,S e Unidas Podemos, os intereses do país non están defendidos adecuadamente no parlamento do estado?, por que?

O primeiro dicir que nas eleccións xerais tivemos un crecemento moi grande e conseguimos duplicar votos, quedamos moi preto de conseguir esa representación, sabiamos que era un reto complexo.

Agora se demostra o que diciamos en campaña, que as forzas estatais pasan de Galiza, non hai axenda galega no Estado, esta só existirá cando o BNG teña peso decisivo, O PP e PSOE cambian de posición dependendo se gobernan ou non pero o que nos demostran e que non teñen un compromiso cos problemas que ten Galiza, que son moitos. Falamos das peaxes da AP9, o espolio enerxético, o noso ferrocarril, aeroportos, todos estes temas dependen do estado e a discriminación e agravio con Galiza e notoria e flagrante

Como está a situación xudicial dos 19 de Meirás?

A demanda que acaba de pór o Estado para recuperación do Pazo de Meirás a pon polo traballo e presión que se fixo en Galiza. Lembro cando o BNG levaba a reclamación do espolio do Pazo hai 15 anos quedabamos sós no Parlamento.

O que pasou hai un ano conseguindo o acordo unánime para recuperar este Pazo e por todo o traballo de sensibilización social, denuncia e implicación. Entre eles a actuación que fixeron os 19 de Meirás, creo que foi un feito fundamental que lle deu un impacto moi forte a nivel internacional e estatal ao que significaba o Espolio do Pazo de Meirás.

Neste momento a situación está pendente de xuízo, non se sabe cando se vai celebrar, pero si que a familia Franco e a Fundación Franco piden en total 237 anos de penas de cárcere e multas de máis de 500.000€. Sería un escarnio , unha auténtica aberración que nin unha soa persoa que reclamou a devolución do pazo poida ser penalizada por isto.

Este ano será o último ano de ENCE na Ría de Pontevedra?

Gustaríame dicir que si, pero teño as miñas dúbidas. Isto está pendente dunha resolución xudicial.

A posición do BNG é moi clara, creemos que hai que sacar a ENCE da Ría porque impide o desenvolvemento pleno da mesma, e debemos acabar tamén co peso que ten ENCE na política forestal do noso país, non poden seguir inzando Galiza de eucaliptos para que eles teñan máis beneficios e deixar o noso país nun problema ambiental dun calibre grandísimo para o presente e futuro de Galiza.

Cando a petroleira mexicana Pemex entrou en Barreras, Feijóo vendeuno como o negocio do século, agora os mexicanos participantes naquela operación teñen problemas coa xustiza por suposta corrupción, cal é a valoración do BNG?

Aquí hai dúas partes. Por unha banda están as mentiras tóxicas de Feijóo coa súa propaganda, o anuncio fíxose no medio dunha campaña electoral na que se prometían inversións multimillonarias con creo que 2.000 ou 3.000 postos de traballo, logo todo quedou en nada.

E finalmente está a situación do futuro de Barreras no que se mal vendeu unha parte da tecnoloxía que era un dos valores engadidos máis grandes que tiñan.

Como valoras os resultados obtidos pola coalición “Agora Repúblicas” da que formou parte o BNG nas recentes eleccións ao Parlamento Europeo?

Creo que tivemos un gran resultado electoral que situou ao nacionalismo de estado como un actor determinante.

Ás veces a política europea semella que queda un tanto lonxe e non nos decatamos da súa incidencia real, para quen non a coñeza explícanos o máis significativo do traballo político da Eurodeputada galega do BNG Ana Miranda?

Unha valoración moi positiva ao seu traballo, tanto polo seu activismo como polos resultados obtidos na defensa de temas moi importantes. Conseguiu solucións como no caso do Xeito, o envorco que se lle deu a toda a investigación sobre o Alvia, denuncia constante sobre a situación das Rías, o apoio a que haxa un marco enerxético para que as nosas empresas poidan ter tarifas que lle permitan competir con Alemaña ou Francia.

O cabeza de cartel de Agora Repúblicas; Oriol Junqueras, está no cárcere: el e os seus compañeiros e compañeiras son para ti presos políticos?, por que?

É evidente que no Estado Español a situación que se vive en Cataluña demostra os grandes déficits que ten este Estado.

É inconcibible que persoas como Oriol Junqueras estean e sigan no cárcere despois de tanto tempo. O xuízo que se deu do Procés tamén deixou claro que era un xuízo de tipo político onde se estaba cuestionando era o dereito a Autodeterminación dos pobos.

É necesario denunciar esa anormalidade democrática que hai no Estado Español.

No Reino Unido Escocia expón con normalidade referendos sobre autodeterminación, vótase e todo o mundo acepta o resultado da votación. Esa é a lóxica democrática que vai a acabar tendo que impoñerse no Estado Español, o que non podemos aceptar e que a solución sexa encarcerar a líderes políticos por defender unha idea democrática .Os pobos existimos e tenos dereito a decidir o noso futuro. O que está a ocorrer no estado español é moi grave , pero é unha derivada máis dunha democracia de baixa calidade onde atácase aos dereitos colectivos e individuais. Temos dereito a unha vivenda digna, ao traballo, a unha morte digna, a ter uns mínimos vitais, estes son os pozos negros que nos deixou unha transición que está moi lonxe de ser modélica.

Como valoras o resultado global das eleccións municipais para o BNG no noso país?

Un proceso que sigue constatando que estamo a alza, remontando. Que o BNG está nun novo ciclo.

Tiñamos o obxectivo de volver a estar en todas as cidades, o facemos con forza e gañando peso desde o punto de vista do goberno. Despois de 20 anos mantemos a Alcaldía de Pontevedra, un ascenso espectacular en Lugo…

Creo que nos concellos o BNG ten demostrado e acreditado que hai outra Galiza posible, outra forma de entender a política e é unha base moi solvente de cara as vindeiras eleccións Galegas.

Falemos Ana, da situación de distintos concellos na nosa área de influencia, e quero comezar por Soutomaior:

A asemblea do BNG en Soutomaior é excepcional, calidade humana, traballo político, cun gran resultado e apoio. Non conseguimos o obxectivo de darlle un cambio a Soutomaior pero estou convencida que nas próximas eleccións imos facelo. Para nós é unha asemblea referencial e é un orgullo compartir organización con persoas tan entregadas, honestas e traballadoras.

Estou convencida de que están pensando xa nas elección galegas neste 2020 e que virán cunha forza tremenda á manifestación deste 25 de Xullo a Santiago.

En Mondariz Balneario estivestes só a 3 votos da alcaldía, presuntamente o día das eleccións a vila recibiu numerosas visitas de persoas alí censadas, que non viven no pobo, pero que por algún tipo de misteriosa confluencia astral ese día casualmente alí estaban. Fixo ou vai facer algo o BNG ao respecto?

É unha cuestión que están a analizar alí a asemblea de Mondariz Balneario.

En Mondariz Pobo, acadastes a alcaldía cos votos de dúas concelleiras do PP, explícanos a versión do BNG sobre este estraño episodio?

A Verdade que é unha situación bastante sorprendente que non nos esperabamos. Iniciamos conversa con Alternativa Por Mondariz e as forzas de esquerdas e non houbo acordo. Fomos ao pleno sen maioría e levamos a sorpresa. Estas concelleiras do PP explicaron que foi un voto de castigo pola campaña tan sucia que fixeron sobre elas.

O que podemos garantir e que o BNG vai desenrolar o seu proxecto electoral sen ningún tipo de pacto coa dereita e esta sorpresa vai ser positiva para pór en marcha un proxecto transformador para o Concello.

En Bueu ides seguir gobernando con comodidade pero Félix Juncal experimentou unha preocupante baixada de votos, perdeu 1.000, e de actas perdeu 4,cal é a túa explicación?

Esta é a cuarto mandato de Félix, cando un leva tempo no goberno pode sufrir desgaste pero o importante é manter a alcaldía cun proxecto sólido. Os compañeiros e compañeiras de Bueu van traballar con forza para recuperar eses 1000 votos porque o seu compromiso con Bueu está intacto.

E no Rosal, unha alcaldesa con maioría absoluta de tan só 26 anos como a valoras?

Eu quero falar de todo o Baixo Miño, o BNG quedou como primeira forza política, este é un resultado espectacular en toda a comarca. Organización sólida cun proxecto referencial, o de Tomiño, que levan 12 anos demostrando que as cousas se poden facer doutro xeito.

No Rosal dáse unha combinación de varios factores. O máis importante, un equipo de xente nova e renovada que foi con moitísimas ganas, pateouse todo o Concello e demostrou que pode ser posible.

Falemos agora das vindeiras eleccións autonómicas, con que perspectivas realistas as encara o BNG?

Un reto moi importante, ilusionante que enfrontamos con moitísimas ganas e sen poñernos límites.

E ti persoalmente como estás de ánimos e ilusión para competir pola presidencia da Xunta?

No BNG aínda non se abriu o debate sobre quen vai ser o candidato ou candidata á Presidencia da Xunta. É un debate que facemos de maneira democrática, no que se poden formular diferentes alternativas, a decisión hai que tomala unha vez aberto ese proceso.

Eu son militante do BNG, podo traballar en moitos ámbitos, fágoo desde que teño 16 anos. O que podo dicir e que estou moi orgullosa de ser a Portavoz Nacional do BNG .

A derrota de Feijóo, e a formación dun goberno alternativo na que estea o Bloque é unha posibilidade verosímil, a modo de síntese dinos cales serías as liñas políticas básicas que desenvolvería o bloque se ten oportunidade de gobernar o país?

Un proxecto de país pensado para que en Galiza haxa máis oportunidades que, sobre todo, a xente nova poda mirar con esperanza o futuro, non como o que temos agora que moitas persoas viven entre a resignación e a migración. Creemos que hai que darlle a volta a esa situación e para iso hai que apostar claramente para poñer o país a producir. Temos moitísima capacidade e riqueza en Galiza para que os nosos sectores produtivos básicos xeren valor engadido. Unha aposta estratéxica polo agro e polo rural senón tamén no centro dese valor produtivo á innovación. Queremos unha Galiza onde se garanten servicios públicos de calidade na Sanidade e Educación cunha terceira pata, que necesitamos empoderar Galiza con máis poder político.

A penúltima pregunta atínxeme persoalmente: eu vivo nunha parroquia do rural galego, acaban de dar orde de pechar o colexio no que estudiaron meus pais, meus irmáns, eu, e no que estudou a miña filla ata este curso; que tipo de políticas defende o bloque para que as mulleres e homes que vivimos no rural poidamos ter servizos suficientes e dignos para podermos desenvolver un proxecto vital onde nacemos, se así o desexamos?

O que non podemos permitir e que siga este proceso de extinción do medio rural galego, este é un proceso programado.

Esta lexislatura Feijóo dixo que era a lexislatura do rural, o que estamos vendo e que é a do desmantelamento do rural..

O que creemos e que hai que facer unha aposta estratéxica polo medio rural, por recuperar a actividade, ten que haber un peso agrario e forestal de aproveitamento do monte moi forte e ao mesmo tempo unha estratexia de diversificación da actividade económica.

E a última tamén me afecta emocionalmente, en A Nova Peneira estamos moi agradecidas pola túa compañía nas nosas galas do 2017 e do 2019, agardamos que te sentiras cómoda e esperamos poder brindar contigo na do 2021.

Encantadísima sempre de poder acudir pero non podo pechar a axenda dous anos antes, sería moi atrevida. Senón son eu, desde logo será outra persoa a que estará representando ao BNG. Creo que é moi importante que existan medios como A Nova Peneira, independentes, que fan prensa desde o local, porque o local é un elemento esencial de identidade que axuda a diversificar un pouco o ecosistema mediático galego.