As axudas da Xunta ao galego nos centros docentes públicos non chega nin ao 20% dos importes solicitados

Non é para estar precisamente tan contentos Fala Galego A Nova Peneira Artigo de opinión

Constátase a irrelevancia das axudas á dinamización e normalización da nosa lingua e a desidia na súa tramitación.

No DOG do xoves 27 de xuño, un mes máis tarde que no curso escolar anterior, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar a resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos galegos.

As axudas ascenden a un total de 299.979€ e limítanse a cubrir o 19,8% das contías solicitadas polos colexios e institutos públicos do país, unha cifra que ascendía a 1.516.410€. Mais se xa é escandalosa a cifra global que se achega par “fomentar o uso do galego” aínda é máis significativo contemplar que implica para cada centro esa axuda. Así, podemos observar como hai 295 centros que reciben menos de 1 por cada alumno ou alumna do plan solicitado, sendo a contía mínima 0.07€/alumno. Só hai dous centros que reciben 20€ por alumna e a maioría reciben menos de 3€, ficando o promedio en 2,29€. Pode alguén pensar que se fomenta o uso do noso idioma cun investimento de 2€ por cada alumno ou alumna dun centro educativo?

Desde a CIG-Ensino denunciamos novamente o nulo interese da Xunta de Galiza polo apoio ao noso idioma e instamos a un cambio de rumbo radical, tanto no financiamento dos programas de fomento da nosa lingua como en toda a normativa que desde hai case unha década porfía en desmantelar o noso idioma, reducindo a súa presenza nos centros educativos e imposibilitando que o alumnado poda rematar a súa escolarización obrigatoria con capacidade para se desenvolver con normalidade na lingua propia do país. A consideración do noso idioma como unha lingua subordinada ao respecto do castelán, presente na propia discriminación legal fomentada pola Xunta, está detrás da perda acelerada de galego falantes entre as crianzas e a mocidade galega. Con axudas tan miserentas como as que se deron a coñecer hoxe, xa sabemos que valor ten para a Xunta o uso do galego nos centros: menos de 300.000€ e pouco máis de 2€ per cápita nos 862 centros que reciben estas “axudas”.