Máis dun centenar de nenas e nenos disfrutan do campamento urbano de verán en Tomiño

Campamento de verán Concello de Tomiño A Nova Peneira

Tomiño, 12 de xullo de 2019

Este ano como novidade, abriuse un aula matinal a partir das 8 da mañá, pensada para as familias con pais e nais traballadores

Un centenar de nenos e nenas acoden dende estas semanas ao campamento urbano organizado polo Concello de Tomiño, dentro das actividades de verán.

Todas as mañás, de 9 a 14 horas, debuxan, aprenden, fan manualidades, xogos cooperativos e un longo etcétera.

Coordinados pola psicóloga Andrea Iglesias, dez monitores, acompañan aos pequenos e pequenas ao longo da mañá. Ademais dos temas propios dun campamento, trabállanse conceptos trnasversais coma cuestións de xénero, reciclaxe, coidado do medio, violencia, etc.

Este ano como novidade, abriuse un aula matinal a partir das 8 da mañá, pensada para as familias con pais e nais traballadores.

Outra innovación é a inclusión dun tempo de lectura e xogos de estimulación cognitiva, estratexias de aprendizaxe e relacionais, achegados polo departamento de Educación Familiar.

Nesta nova edición del campamento, dedicada especialmente á creatividade, a arte e a cultura, confecciónanse moitas manualidades, entre elas, un mural con instrumentos musicais pintados con ceras, aínda que o que máis lles gusta son os xogos libres, de auga, etc.

Estas semanas comezan, por outra banda, os campus de fútbol (do 15 ao 27 de xullo) e de skate (do 15 ao 31de xullo). Siguen ademais desenvolvéndose os campus de tenis e padel, con máis de 50 persoas apuntadas. As pistas da Área Deportiva do Mosteiro, anexas ao colexio Pedro Caselles, arranxadas polo Concello, son as que acollen estas actividades. Neste sentido, hai que mencionar tamén dúas pistas polivalentes (balonmán, baloncesto, fútbol, etc.), cuxo arranxo vén de rematarse cun investimento superior aos 20.000 euros, e que se suman as instalacións da área do Mosteiro.

Asemade, vén de rematar o campus de rugby e quedan pendentes para o mes de agosto os de balonmán e atletismo, así comoo campamento musical. Poden consultarse todas as datas e horarios, e tamén inscribirse, na páxina web do Concello (tomino.gal).

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta o carácter amplo e inclusivo da axenda de verán, deseñada pensando en ofrecer actividades para todos os públicos, de xeito que tomiñeses e tomiñesas teñan alternativas de ocio de calidade e, na súa maioría, de balde, durante a época estival. Asemade, dende o Concello búscase axudar a conciliar a vida laboral e familiar dos pais e nais que traballan fora da casa.