Ponte Caldelas racionaliza o seu tráfico, aposta pola praza de España e gaña case 200 aparcamentos

Ponte Caldelas racionaliza o seu tráfico Concello Ponte Caldelas A Nova Peneira

O Concello detecta un incremento no número de visitantes e continúa a dar pasos para mellorala capacidade de estacionamento

Ponte Caldelas, 10 de xullo de 2019

Implantar os sentidos de circulación definitivos, incrementar o número de prazas de aparcamento no centro urbano e reforzar o carácter peonil da praza de España son os tres eixes da última fase do plan de humanización da vila termal emprendido polo Concello de Ponte Caldelas.

O traballo comezou este martes co pintado parcial da avenida de Vigo e rematará o xoves nesta mesma rúa, na nova rotonda presidida pola fonte do chafarís ao lado da ludoteca, así como na contorna da Praza de Abastos.

A avenida de Vigo quedará en sentido único de saída dende o cruzamento con Rosalía de Castro (ao lado do parque infantil). A rúa pasará a acoller unha gran bolsa de aparcamento en batería, con capacidade para case 200 coches ata a ponte vella. Os residentes nos últimos edificios da avenida de Vigo disporán da posibilidade de circular en dirección ao centro polo paseo do río.

A avenida de Vigo queda así xa coa súa ordenación viaria definitiva, toda vez que o grupo de goberno que preside Andrés Díaz, planea acometer unha obra de urbanización integral nesta rúa para redondealo proxecto da Estación Termal.

Ponte Caldelas necesita gañar aparcamento, subliña o alcalde, para seguir crecendo como centro comercial e de lecer para os habitantes de toda a contorna. O Concello tamén traballa na habilitación de dous aparcamentos na contorna do instituto e detrás da ludoteca, pero estas obras, que habilitarán preto de 400 prazas, aínda tardarán un tempo en materializarse. Xa hai acordos de adquisición cos propietarios.

Andrés Díaz indica que a política municipal de facilitalo aparcamento na vila encaixa no modelo de servizos ao visitante, especialmente unha vez que entre en funcionamento a Estación Termal, que vai supoñer un polo de atracción e, por tanto, un incremento na circulación rodada. “O aparcamento é un problema en tódalas vilas e cidades”, recalcou, “e nós queremos, a partir da realidade física da Ponte Caldelas actual, dar pasos para resolvelo”.

O segundo cambio de transcendencia é o corte ao tráfico da rúa Marín, polo que a praza de España gaña en carácter peonil. Os residentes sairán por diante da Casa da Cultura. Unha medida necesaria diante da “ocupación civil” deste novo e gran espazo urbano polos nenos e as familias. A praza de España, que agora é un auténtico centro de convivencia cidadá, verá así moi reducido o seu tráfico pasante, que xa só chegará dende a rúa Rosalía de Castro, incluídos os bus escolares, que só dispoñen deste itinerario de saída.