Pedro Pereira concelleiro do BNG no Porriño

Pedro Pereira Concello do Porirño

Se algunha vez exercera a responsabilidade dos recursos humanos dunha empresa , tivese que contratar comerciais, e Pedro Pereira viñera á entrevista de traballo, con certeza non o seleccionaría porque el non se sabe vender. Se tivera que escoller a un amigo para tomar unha caña e compartir unha conversa interesante con el, Pedro Pereira estaría nos primeiros postos. Se necesitase un consello rigoroso e solvente Pedro sería un aos que primeiro lle preguntaría, e se tivese que escoller un xestor honesto e eficiente para dirixir o concello no que eu vivo, Pedro Pereira seria un dos que primeiro me viría á mente, porque Pedro é unha persoa que paga a pena e un cadro político de primeirísimo nivel. Nas distancias cortas gaña moitísimo, é unha mágoa que todos os seus veciños e veciñas non teñan a oportunidade de tomar un café con el e coñecelo .

Elvira Cienfuegos

“ QUE ALTERNATÍVA HABERÍA A QUE NÓS NON ENTRARAMOS NO GOBERNO?: DEIXAR GOBERNAR AO PP?,UN GOBERNO EN MINORÍA DE TAN SÓ CATRO PERSOAS QUE TIVERA PARALIZADO AO NOSO POBO?”

Como valoras os resultados das eleccións municipais para o BNG de O Porriño?

Non son os que nos queriamos ,claro, pero nas nosas previsións estaba manter as dúas actas que tiramos nas eleccións do 2.015, e así foi. Baixamos arredor de 100 votos, pero cumprimos o noso obxectivo e estamos moderadamente satisfeitos.

O PP non acadou a maioría absoluta e ábrese un escenario complexo, no que se require de catro grupos para investir de novo a Eva García De La Torre como alcaldesa. Así se fai, e vós, que no mandato 2.015-2.019,con Eva tamén na alcaldía, estivestes na oposición, agora entrades no goberno, por que?

No primeiro mandato de Eva, houbo moitos puntos de conexión e prácticas políticas moi semellantes ás exercidas nos anteriores mandatos do PP, de aí a nosa oposición. As políticas diferentes ,transformadoras e de esquerdas que Eva manifestou que ía practicar, non existieron.

Vós no 2.015 nunca vos formulastes a hipótese de entrardes no goberno?

Nós, naquel momento estabamos dispostos a entrar no goberno de Eva García De La Torre, cunha premisa; baixo ningún concepto iamos compartir goberno con persoas que participaran na moción de censura do 2.010 Manuel Carrera e Marcelino Coto.

E, Eva non a aceptou?

Efectivamente, preferiu a outra opción. Algo que si fixo este ano, non contar con Manuel Carrera, o que posibilitou a nosa entrada.

Xa que logo, a vosa valoración do mandato de Eva 2.015-2.019 non é boa?

É mala, si.

Chegamos ao 2.019 e ides entrar no goberno con ela?

Vamos ver, estas eleccións non lle dan a maioría absoluta ao PP.

Por pouco

Quero puntualizar iso :malia que o PP vende a nivel mediático e nos seus foros internos que estiveron a tan só 59 votos dela, non é verdade .Faltáronlle 523 votos para a maioría absoluta. Nin sequera sumando os votos de C,S e de VOX terían obtido a novena acta, faltarían 7 votos.

Vaia, pois o PP vendeuno moi ben, porque eu mesma asumira como certa a teoría dos 50 votos

Pois é completamente falsa. Como che dicía os resultados deixan unha situación idéntica a hai catro anos, e Eva García de La Torre ten a opción de liderar un gobierno alternativo.

Esquerda Unida, que apoiou a investidura pero non quixo entrar no goberno, di que vos trasladaron a posibilidade de entrar eles tamén, pero vetando a Eva como alcaldesa

Nós nunca tivemos negociacións de goberno con Esquerda Unida. Si tivemos unha xuntanza con eles, na que nos trasladan a súa petición de veto a Eva. Nós consultamos coa nosa militancia e respondemos de maneira negativa. Entendemos que non abonda só con vetar, hai que formular unha alternativa realista, algo que Esquerda Unida non fixo.

E a partir de aí houbo máis contactos con EU?

Non.

Cando ti mesmo valoras de maneira negativa a xestión da alcaldesa no mandato anterior, entrar nun goberno con ela, non che fai sentir persoal e politicamente incómodo?

O BNG analizou todas as opcións posibles e tomou a decisión coa mellor das vontades e o pleno convencemento de que o que sucedeu no pasado non presupón o que vai acontecer no futuro.

Como din os bancos “rendibilidades pasadas non presupoñen rendibilidades futuras”

Ha ha ha ha, non sei as teorías dos bancos, pero en política é así. Ademáis que outra alternativa habería?, que goberne o PP? Un goberno en minoría de tan só catro concelleiros do PSOE e ter ao Porriño catro anos máis paralizado?. Non é máis razoable tratar de incidir en positivo na xestión pública e levar a cabo proxectos que o BNG tiña no seu programa?. Nós somos xente seria e responsable e imos intentalo.

A decisión xerou debate na vosa militancia?

Si, houbo un debate intenso, como é normal nunha organización política, democrática e asemblearia como a nosa, non foi resolto por unanimidade. A posición maioritaria foi a que resultou, entrar no goberno.

Cales son eses proxectos que queredes levar a cabo?

Nós non imos ter un goberno paralelo ao partido socialista. Nós imos impulsar as peonalizacións no centro urbano, ter unha nova casa de xuventude e sacar adiante o novo plan de ordenación para o Porriño.

Unha persoa de San Benito, dicíame recentemente que todo o mundo promete actuacións alí, pero que ninguén fai nada

O BNG non ten responsabilidades de goberno desde o ano 2.010.En San Benito hai que actuar, claro que si, é necesario, como tamén o é realizar actuacións en moitas outras zonas de O Porriño.

Que máis obxectivos tendes?

Gañar espazo na zona do río Louro para o lecer da veciñanza. No eido cultural normalizar as relacións con todo o tecido asociativo, crear un novo regulamento de participación veciñal, desenrolar dentro del os distintos consellos sectoriais…

De ánimos e folgos como andas?

O espírito de colaboración e participación en mellorar a vida do meu pobo, sigo téndoo intacto, exactamente igual ca cando empecei no asociacionismo na miña parroquia de Atios nos anos 90. Agora ben, tamén teño moita cautela, ben sei que as cousas non se resolven só con dicilas.

Sempre che pregunto o mesmo, pero é que case sempre que veño ao Porriño toleo para aparcar, agora que ides estar no goberno, que imos facer para solucionar o problema de aparcamento que ten a Vila?

É necesario facer algo, claro que si, de feito nós temos un anteproxecto do ano 2.010 de facer algo no entorno do pavillón. Hai que miralo moi ben porque non é doado, no Porriño non sobran os terreos para unha obra dese calado. Ao mesmo tempo, coa redacción do Plan Xeral, hai que ver a posibilidade de dotar a zona de Leandro Diz coa posibilidade de zonas de equipamento para poder situar alí un novo aparcamento.

Cando imos comezar a pagar as facturas da conta 413?

É unha conta cun volume elevado, na cal hai facturas que veñen do 2.016.Hai que buscar unha solución e pagar, o provedor que actúa de boa fe non é responsable dunha demora no pago. Agora ben, distinto é que haxa algunha factura na que o seu procedemento non sexa o establecido na administración e outra cousa é que o seu importe en relación co seu prezo de mercado non estea xustificado. É probable que nos primeiros plenos ordinarios deste mandato vaian un número importante de facturas a recoñecemento con cargo a remanente.

Tamén quero dicir con moita claridade que neste mandato que vai estar o BNG o control e a disposición de gasto ten que mudar. Hai que marcar claramente as prioridades de gasto deste concello.

Imos ter orzamento?

Hai un compromiso claro, non só do BNG senón das forzas que apoiaron a investidura que ten que haber un orzamento para o 2020, aprobado antes de final desde ano.