Ponte Caldelas protesta diante do Goberno de España e Telefónica polo atraso dixital no núcleo de Taboadelo

Ponte Caldelas protesta diante do Goberno de España e Telefónica polo atraso dixital no núcleo de Taboadelo Concello de Ponte Caldelas A Nova Peneira

Ponte Caldelas, 31 de xullo de 2019

A totalidade do municipio dispón xa de banda ancha gracias ao investimento dunha empresa local

A protesta expresada hai uns días ao alcalde, Andrés Díaz, pola Asociación de Mulleres Rurais de Taboadelo xa ten expresión oficial. O alcalde vén de remitir sendas cartas ao Ministerio de Industria, Comunicación e Turismo e a Telefónica España para protestar polo atraso no despregue de fibra óptica que está padecendo a parroquia de Taboadelo.

O escrito responde ao compromiso adquirido coa Asociación de Mulleres Rurais e explica que Taboadelo aínda dispón dun obsoleto ADSL por mor da concesión dunha subvención por parte do Ministerio no ano 2017 a Telefónica. A multinacional dispón ata o remate deste ano para executar unha obra que aínda nin sequera comezou. A veciñanza teme que, por tanto, tardará aínda bastante tempo en recibilo servizo. Mentres tanto, algúns profesionais que residen nesta zona vense imposibilitados a realizar labores dende a súa casa.

Na carta enviada, o alcalde expresa a “protesta institucional” do Concello e insta ao Ministerio de Industria e á propia Telefónica para que as obras se inicien canto antes ou, no seu caso, renuncien á subvención para que outros operadores poidan despregar a fibra óptica en igualdade de condicións competitivas.

“Non pode ser que as subvencións que, en teoría serven para impulsar a banda ancha no rural acaben converténdose nun lastre”, lamenta Andrés Díaz, quen invita ás empresas multinacionais, especialmente a Telefónica, a mirarse no espello dos pequenos operadores locais, como Áurea, ben pegados ao territorio e sensibles coas necesidades dos seus clientes.