Foi, este ano, en San Simón

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

É impresionante a capacidade dos humanos a perder memoria, e con ela a voz. Sucede día a día. Ás veces mesmo nos damos conta, e outras nin paramos sequera a considerar a terrible eiva que supón non volver a evocar, non volver á consideración dos feitos. Pero se iso é terrible, máis terrible é non querer volver, non querer lembrar debidamente, non querer á memoria voluntaria que nos faría donos de nós nesa reconstrución e restablecemento, nese refacer. E iso supón un mal, unha perda, un mal sempre que é intencionado. O mal de non querer aprender do reconto, en acertos e en erros. Sucede moito por mor da “corrección”, da aplicada educación aparente que tantas veces, pola contra, oculta a verdade e destrúe a ponderación do rescate. Cando oculta a verdade é porque protexe algunha  inxustiza e sobre todo porque non contempla a reparación dos danos que puido ocasionar. Esquecer para non sentir a responsabilidade nin a culpa, é unha pequena traizón. Esa é, precisamente, a técnica dos verdugos. Aqueles que pretenden escudarse na ignorancia do debido. Pero nós sabemos que cómpre aprender e rememorar, cómpre non caer na trampa da mentira nin do esquecemento. Cómpre saber que a Memoria, sobre todo aquela que nos doe, a que é colectiva, é moito máis grande que as siglas de calquera partido e se nalgún caso fose por estas manipulada, causaría un caos e, aqueles, os de detrás, perderían o creto e a capacidade do encontro, do acordo, da lembranza común. Tamén aí está a capacidade da emenda, da rectificación, do endereitamento. Curando as feridas coa testa ergueita e facéndonos asistentes dun porvir mellorado que nos envolva a todos. Recoñecendo erros, os moitos erros. Pero vexo que non aprendemos.

É bo lembrar. E sobre todo a aqueles que deron exemplo de integridade. D. Darío Rivas que hai uns anos estivo alí, naquel mesmo sitio, anunciando a querela ao franquismo que promoveu, e que pasou aos eidos da nostalxia hai uns meses. Aquel home pensaba liberdade. Quixeron facerlle homenaxe e só puideron citalo. Non souberon nin deixaron. Non cansarei de dicir que nas súas verbas sempre había esa denuncia da ausencia da nosa liberdade. Ninguén o dixo, ninguén se fixo responsable. Sempre me dicía que aquí aínda non respiramos libres, que isto que nos quedou –após da suposta transición- non é limpo, non é garante de esperanza e moito menos de dignidade. Está cuberto de néboas que ocultan a verdade. A liberdade ten ulido e ten cores, a liberdade ten un recendo gratificado de sosego, de paz, de música e cancións, de viño compartido, de ausencia de medos, de pracer e aventura, de cultura e conforto. Ninguén pode –como vos sucede a vós, dicíame- cometer delito por pensar e menos por soñar; ninguén é máis valente por ousar facer liberdade, ou por opoñerse á inxustiza manifesta, ninguén debe ser reprimido por ser e sentir. E non teremos máis límite que a liberdade allea, que tamén debe ser respectada. Esa posibilidade de voar inclúe a capacidade de abrirse, de facer curar feridas, de superarse, de emanciparse, de navegar novos horizontes, de ser donos do noso destino, de camiñar en igualdade, ser donos das nosas fames e desexos. Anque tamén lonxe de manipular ou monopolizar, impedir outras voces para tamén lembrar á última guerrilleira galega, case con cen anos, que morreu no exilio: Chelo Rodríguez. Para saber dela buscade nas redes “La isla de Chelo” e veredes a heroicidade dos feitos, non só das palabras. Tamén se lle citou unha soa vez, sen máis. Que pobreza de memorias este ano, na Illa de San Simón. En verdade non saben o grandes que son! Lonxe de aí habita a liberdade: nos feitos. Esa   agardada, a que aínda non temos e eles sementaron. Semella non chegar nunca. Está lonxe de tanta censura e prohibición, de tanto gueto partidista, protagonismo cego, egoísmo ou  patente de corso, espécime de imbéciles e, por suposto, lonxe de tanta estupidez, mediocridade ou silencio. Seguimos regulados, dentro e fóra, por leis obsoletas e franquistas que non consideran o aroma indescritible da verdade e da ilusión, do desenvolvemento, da confianza, da facilidade en felicidade, da liberdade: chave de porvir para a Nación.