Mondariz

Concello Mondariz Nova Peneira

No pleno de investidura do concello de Mondariz produciuse unha monumental sorpresa, cando todo apuntaba que Xoán Carlos Montes, Calis, líder da candidatura veciñal Alternativa por Mondariz e, gañador das eleccións ía revalidar a alcaldía, Xose Emilio Barros o candidato do BNG recibiu os votos das dúas concelleiras do PP e do concelleiro do Psoe e foi investido alcalde. A nova Peneira falou cos dous

Xosé Emilio Barros Alcalde de Mondariz

Alcalde Mondariz Xosé Emilio A Nova Peneira

Na constitución do pleno do concello de Mondariz deuse a unha sorpresa maiúscula. O candidato do BNG Xose Emilio Barros, contra todo prognóstico, é desde ese día o alcalde desa vila ao obter a maioría absoluta de 6 votos( 3 seus 1 do PSOE e 2 do PP) fronte ao anterior alcalde Calis de AV que só obtivo os 4 do seu grupo político. O concelleiro de C,S abstívose

“NON HOUBO NIGÚN CONTACTO CO PP ANTES DO PLENO, NI DIRECTO NIN INDIRECTO”

Temos que darche os parabéns Emilio?

Si claro, para min é unha honra ter encabezado a candidatura do BNG ao concello de Mondariz, e ser o seu alcalde é unha honra superlativa.

O día do pleno eu estaba na Neves e cando me informaron do seu resultado, quedei estupefacto. Cóntanos como se desenvolveron os acontecementos ata chegar á situación asombrosa de que foses investido alcalde cos votos do PP?

Nós presentamos unha candidatura ás eleccións municipais ,os resultados son os que son. O consello local analízaos e valóraos. Establecemos contactos coa forza maioritaria AV, e eses contactos non nos ofrecen a máis mínima confianza.

Fanvos algunha oferta?

Si, e nós rexeitámola.

Cal foi ?

Ofrecían unha liberación ao BNG, sen renunciar eles a ningunha das dúas que teñen na actualidade. É dicir simplemente aumentar unha liberación económica das que soporta o concello. Asemade ofrecéronnos algunha concellería . E algo que nos desgustou terriblemente foi a súa intención de privatizar algún servizo social como por exemplo o SAD.

E por que non quixestes aceptala, por unha cuestión de falta de química persoal? Por razóns políticas?

Basicamente por falta de confianza. Ao longo destes catro anos o anterior alcalde amosou que non a merece por moitas razóns.

Por exemplo?

As dúas cuestións de confianza que forzou el, algo que nós interpretamos como un abuso notorio que tiñan como obxectivo pór ao BNG entre a espada e a parede.

Cantas xuntanzas mantivestes con AV?

Dúas, e a conclusión que tiramos foi que por parte deles non se percibía ningunha vontade de cambio ao respecto da actitude mantido ao longo de todo o mandato anterior, que como che dixen produciunos unha profunda desconfianza. A oferta de AV era por pura necesidade aritmética non por ningún tipo de vontade de consenso nin de manter unha relación política de cooperación honesta co BNG, e esa falta de confianza foi o que nos levou a non aceptar a súa proposta.

Home, a confianza constrúese, ou non, en función dos feitos

Estou de acordo, pero nós xa temos feitos de abondo para valorar: o anterior mandato, e algo moi concreto de como resultan os gobernos con AV, recórdoche que o PSOE gobernou un tempo con eles, e a relación acabou como acabou. E como che dixen, nas dúas xuntanzas que mantivemos con eles a sensación que tiramos e que estaban na mesma dinámica.

Ben entón a vosa falta de confianza en AV fai que non aceptedes a súa oferta, e a vosa militancia que opina?

Analiza todas as hipóteses posibles e decide que debemos presentar a nosa candidatura. Xa hai catro anos non a presentamos para facilitar o goberno de Calis, o seu resultado foi o que foi. E este mandato hai unha novidade, a aritmética municipal fai imposible que a dereita logre a alcaldía. Entón a militancia do BNG entende que nós temos toda a lexitimidade moral e política para presentarnos e decide que debemos facelo así.

Pero esa decisión sería puramente formal entendo, porque supoño que en ningún caso ningún militante do bloque asumiría calquera pacto para chegar á alcaldía da man do PP?

Correcto, así é.

No período entre as eleccións municipais e a constitución do pleno, hai algún tipo de contacto co PP e/ou co PSOE?

Co PSOE si co PP non.

O contacto co PSOE foi a iniciativa vosa ou súa?

Foi a iniciativa nosa.

E con que obxecto?

Para coñecer a súa intención de voto.

Que vós responden?

Amosan a súa disposición positiva a colaborar con nós.

E honestamente, Emilio, co PP hai algún tipo de contacto directo ou indirecto nese período entre as eleccións e o pleno de constitución da corporación?

Ningún, nada en absoluto. E que nin queremos nin podemos facelo, a propia asemblea do BNG de Mondariz, que é a que manda, determinou que nós presentaramos a nosa candidatura pero que baixo ningún concepto tiñamos nada que falar nin co PP nin con C,S.

Non se cheiraba socialmente nada de que podía pasar o que finalmente pasou?

Si, é certo que nas rúas existían certos rumores ao respecto de que o PP podería votar polo candidato do BNG.

Ti dabas crédito a eses rumores?

Non, eu pensaba que malia que as concelleiras do PP local puideran terse formulado esa hipótese, baixo ningún concepto a dirección do PP teríaa autorizado.

En que situación anímica entras ao pleno?

Con total serenidade, tiñamos totalmente interiorizado continuar na oposición como fixemos este último mandato.

No momento que as concelleiras do PP levantan a man e veste como alcalde, que pensaches?

Nun primeiro momento invadiume un sentimento de sorpresa, creo que común a todas as persoas que estabamos na sala.

Se non hai nada falado co PP, cal sería a motivación que impulsou ás súas concelleiras a posibilitar que Mondariz teña un alcalde do BNG?

Habería que preguntarlle a elas, eu o que lles escoito dicir nos medios de comunicación e que elas emitiron o voto nesa dirección non como un voto a prol do BNG senón como un voto de castigo á xestión política do anterior alcalde.

A conciencia tela tranquila?

Total e absolutamente.

E agora que?

Agora a gobernar e a tentar levar a cabo o noso proxecto político, coa axuda do resto da corporación, un proxecto pensado para as necesidades de Mondariz a medio e a longo prazo. Se o resto de forzas políticas non apoian medidas que serán directamente beneficiosas para o conxunto da veciñanza, terían moi difícil xustificación diante da sociedade de Mondariz.

Xoán Carlos Montes Bugarín “Calis” exalcalde de Mondariz

O exalcalde “Calis” lidera Alternativa por Mondariz, este grupo local gañou as eleccións municipais de maio, e todo apuntaba a que revalidaría a alcaldía. Porén no pleno de investidura o candidato do BNG , Xose Emilio Barros, recibía os dous votos das concelleiras do PP, máis o do concelleiro do Psoe ,e unidos aos tres do propio bloque sumaban a necesaria maioría absoluta para facelo a el alcalde.

NON HAI POSIBILIDADE DE PECHAR AS FERIDAS ENTRE ALTERNATIVA POR MONDARIZ E O BNG. A SOLUCIÓN TERÁ QUE VIR DA MAN DE PERSOAS QUE HOXE NON ESTÁN AQUÍ”

Hoxe, mes e medio despois do pleno de constitución no que Xose Emilio Barros foi investido alcalde de Mondariz, cales son os teus sentimentos ao respecto?

Os meus sentimentos son encontrados, por unha banda está o enorme orgullo que me produce que o resultado das eleccións avalara a nosa xestión, pois gañamos en 9 das doce mesas, gañamos no casco e gañamos nas parroquias, por outra banda sinto incredulidade porque sucedera o que sucedeu. Xa ao día seguinte das eleccións o ruxe ruxe era notorio polas rúas do pobo, sinto tamén certa frustración por non poder ter rematado o traballo e estupefacción porque nun concello con 8 concelleiros de esquerdas de 11 totais, o alcalde actual tivera que apoiarse na dereita para poder ser investido. Por último invádeme unha enorme tranquilidade de espírito, pois tanto eu como todo o meu equipo saímos coa cabeza moi alta.

E no momento do pleno, que se che pasou pola cabeza cando as dúas concelleiras do PP levantan a man para votar á candidatura de Xose Emilio Barros, e constataches que non ías revalidar a alcaldía?

En certo modo alivio, nese instante quitáronse a máscara e puxeron as cartas sobre a mesa. Nós, despois das eleccións intentamos negociar co BNG e a receptividade deles foi nula, todo o que nos trasladaron foron reproches. A nós danos traslado da decisión da súa asemblea do xoves antes do pleno, e ese mesmo día ás nove menos cuarto, antes da asemblea emiten un comunicado de prensa dando o seu resultado. Son adiviños?.

Cando entrevistamos ao novo alcalde, díxonos que eles non falaran previamente nada co PP, pero que se cheiraba no ambiente das rúas de Mondariz, que o PP podía votar o que finalmente votou, ti nos días anteriores tiñas esa mesma percepción? Ou algún indicio de que tal cousa puidese acontecer?

Si, como che dixen antes, ese rumor comezou a espallarse polo pobo xa o día despois das eleccións. Para min, non todo vale en política, está claro que non todos poden dicir o mesmo.

Di o alcalde, que o que manifestan desde o PP local, é que o seu voto non era un voto en prol dun alcalde do BNG senón un voto de castigo á túa xestión. Que tes que dicir ao respecto?

Iso non é máis ca un intento de xustificar o que non ten xustificación. Eu interprétoo en chave vendeta ,pero por todas as partes. O BNG quixo cobrarnos a factura de ternos marchado do Bloque no seu momento, o PP de terlles gañado as eleccións no ano 2.015 e o PSOE de non ter rematado con eles o mandato anterior. É incrible que as filias ou as fobias persoais poidan determinar o goberno do noso pobo.

Por favor responde con claridade, Calis, SI ou NON; a túa opinión é que existiu unha negociación previa BNG -PP que propiciou o sentido da votación das dúas concelleiras do PP?.

Si.

Cóntanos a túa versión de como foi o proceso de negociación co BNG e os motivos polos que non chegastes a un acordo?

Tivemos dúas xuntanzas co BNG, nas que lle ofrecemos a tenencia de alcaldía remunerada, porque cando alguén se dedica en exclusiva á función pública debe cobrar, desde logo que si. Non houbo máis porque eles non quixeron, como dixen antes a súa receptividade foi nula, entendo que motivada porque eles tiñan claro o que ía acontecer.

O alcalde di que non aceptaron a vosa oferta de goberno conxunto por un motivo de desconfianza, e puña como exemplo a vosa ruptura co PSOE no anterior mandato, por que se produciu aquela ruptura?

Nós rompemos co PSOE por unha máis que evidente falta de química persoal, pero é curioso que pasando o que pasou o BNG fale de desconfianza.

A semana pasada enviabades unha nota de prensa cun ton realmente duro, sobre a suposta falta de transparencia do novo goberno municipal. Non é moi pronto para falar de falta de transparencia?, non lle ides dar ao novo goberno nin os 100 días de cortesía?

Si que llos imos dar, pero o tema da transparencia é especialmente grave porque foi o seu mantra ao longo de todo o mandato anterior. Acusábanos a nós de non exercela continuamente ,e agora pedimos o acordo de goberno co PSOE e non nolo dan. A nosa política vai ser moi clara, calquera cousa que consideremos boa para Mondariz, ímola apoiar. O contrario que fixeron eles.

Por exemplo?

Pois o seu voto contrario ao plan de mobilidade. Un plan construído conforme aos criterios do BNG da DEP, e o BNG de Mondariz vota en contra¡¡¡.Como se explica iso se non é por puro interese en facer a puñeta.

A situación aritmética do goberno é realmente débil, teñen 4( 3 do bloque e 1 do psoe) de 11 concelleiros, que tipo de mandato prevés?

Débil e inestable.

O goberno actual láiase de que non fixestes traspaso de poderes e tiveron que coñecer a situación do concello polos funcionarios, que tes que dicir?

Cando eu fun investido alcalde, chamei a Julio Alén, quedei con el e púxome ao día de todo. O lóxico sería que o alcalde actual fixera o mesmo comigo. Esa chamada nunca se produciu.

A dimisión en bloque da comisión de festas de agosto foi unha decisión política de Alternativa Por Mondariz?

Non de ningunha maneira. É unha comisión independente que decidiu irse nese momento pero como hai xente próxima a min, en concreto o meu irmán pois saíron con iso. El había tempo que quería deixalo. Nestes anos a nosa familia pasou por circunstancias desgraciadas e o meu irmán quería deixalo. Dígoo rotundamente, non foi unha decisión política de Alternativa por Mondariz, que quede ben claro.

Hai uns días comía eu nun local de Mondariz, do que non che vou dicir o nome, e o seu propietario dicíame que tanto Xose Emilio coma ti, pareciádeslles dúas grandes persoas, e que esta situación de hostilidade entre dous grupos políticos BNG-APM, ideoloxicamente tan próximos, parecíalle delirante. A medio prazo Calis, non hai posibilidade de irdes pechando feridas e camiñar cara a algún tipo de reconciliación?

Non, non hai posibilidade. A solución terá que vir a longo prazo da man de persoas que hoxe non están aquí.

E o futuro de Alternativa de Mondariz?.

Un futuro esperanzador, cheo de traballo e amor polo noso pobo con moita xente nova que achega frescura ,honestidade e compromiso.

Vós apostastes polo proxecto de En Marea de Luis Villares, todo indica que ese proxecto camiña cara a irrelevancia, se así fose cabería a posibilidade dun cambio da estratexia global de Alternativa por Mondariz?

Non, esa aposta non se produciu. Foi unha decisión persoal miña, Alternativa por Mondariz, é un grupo local, e vai seguir séndoo.

Rematamos agradecéndoche a túa amabilidade e cunha última cuestión; o futuro de Calis?

Eu sigo a ser a mesma persoa no goberno ca na oposición. Son traballador dunha empresa de automoción, e xa estiven oito anos na oposición e no meu traballo, e así seguirei.