Para que serve unha maioría absoluta?

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xabier Rodríguez BNG de Nigrán A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán

Despois do extraordinario caudal de apoio acadado polo partido socialista nas pasadas eleccións municipais, non tardamos en ver a concreción práctica de obter unha maioría absoluta. Realizados os plenos de organización dos concellos, inmediatamente modificaron o réxime de sesións e retribucións dos órganos de goberno en tres sentidos, subir os soldos, incrementar o número dos mesmos e reducir a transparencia.

En Nigrán, iso significa que das 3 persoas que no mandato anterior tiñan dedicación exclusiva con cargo ao presuposto local pasouse a 7, ás que hai que engadir á concelleira de facenda que percibirá a súa retribución da Deputación Provincial.

En total 8 dos concelleiros socialistas dispón de dedicación exclusiva ou parcial para exercer a súa labor, o que unido ao importante incremento tamén rexistrado nos emolumentos do persoal de confianza, supón duplicar o gasto destinado ao goberno municipal.

Pero por se non fose suficiente multiplicar o persoal a soldo do concello, estes tamén se ven incrementados, pasando as dedicacións exclusivas de 33.000 a 36.000 euros e aumentando un 33% as retribucións do persoal de confianza.

Ben poderiamos resumir esta primeira decisión do Pleno de Organización de Nigrán co lema de “Soldos para Todos!”.

Por outra banda, a desaparición do BNG da Corporación xa ten tamén unha primeira consecuencia, o cambio no número de membros das Comisións Informativas, que pasan de ser de un representante por grupo con voto ponderado, ao adoptarse o sistema que eu mesmo propuxera no pasado mandato, a ter 5 membros do PSOE e un do PP, que verán así mesmo como se incrementa 25 euros a dieta por asistir ás mesmas ata alcanzar os 150 euros.

Teño que sinalar que unha das cousas que me pareceron máis vergoñentas da política local cando accedín ao concello foi precisamente esta articulación das comisións. Sentábame eu daquela con 5 concelleiros do PP e 3 socialistas e as reunións transcorrían, as máis das veces, co seguinte patrón. Tras unha sucinta exposición do propoñente do asunto, a maioría das veces o alcalde, sucedía unha inusitada (por infrecuente ata ese momento) intervención miña na que pretendía facer unha mínima discusión do punto. Normalmente era seguida da do Partido Socialista que frecuentemente consistía en “nosotros nos abstenemos” por toda argumentación. Daquela eran 125 euros de dieta por asistencia así que botade contas. 600 euros que recibían os concelleiros do PP por apenas expoñer o asunto o alcalde e 375 os do PSOE por dicir: nosotros nos abstenemos. Ou sexa, unha dieta de 125 euros por palabra.

Pois ben, ese é o sistema que Juan González recupera.

Por se isto non fora pouco sinalar a incoherencia no cambio de hora das sesións plenarias, pois despois de ter criticado abertamente no 2011 a Alberto Valverde por facelas en horario matutino argumentando que impedía que os veciños puideran acudir aos plenos, agora, ao calor da maioría absoluta, a Juan González xa non lle parece unha prioridade facilitar a asistencia e pasan a ser ás doce da mañá.