A Concelleira de Benestar Social participou na clausura do programa ‘Verán activo 2019’

Verán Activo Bueu A Nova Peneira

O programa de actividades desenvolveuse do 1 de xullo ao 29 de agosto nas instalacións do CEIP A Pedra, e nel participaron setenta rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos

Bueu, a 30 de agosto de 2019

Un total de setenta rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos participaron durante xullo e agosto no programa ‘Verán Activo’, posto en marcha polo Concello de Bueu co obxectivo de dinamizar as vacacións estivais con actividades lúdico – educativas e de animación e que se celebraron nas instalacións do CEIP A Pedra.

Precisamente, este venres, a concelleira de benestar social, Macu Rodríguez, visitou os obradoiros coincidindo coa clausura dos mesmos, onde participou no festival organizado para as familias e no que os pequenos e pequenas sorprenderon cunha serie de coreografías e interpretacións preparadas na última semana.

Co obxectivo de combinar coñecemento con diversión, ao longo destes dous meses realizáronse diversos xogos nos que se uniu os contos co deporte, con temática de piratas, indios, mariñeiros e exploradores. Ademais realizaron visitas ao Museo Massó, e recibiron ás persoas maiores do Centro de Día Pescadoira e da Protectora de Animais do Morrazo, para a que organizaron un mercadiño solidario no que recadaron 315 €.

Este programa forma parte do fomento de actividades de lecer que traballen desde as idades máis cativas sobre o propio medio ambiente, a vila e a historia, co obxectivo de facelos partícipes do conxunto da cidadanía, tal e como destacou a concelleira.