Pasou Agosto

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Movida internacional neste agosto e movidas intensas en todos os eidos sociais e da política. Sempre pasa igual cando chega agosto. E nós, cos nosos agostos de lembranzas, todos os agostos desde que foi aquela guerra e pasaron os feitos que pasaron. Van alá oitenta e tantos anos, volvendo a vista atrás e agardando a debida reparación que non chega. Facemos memoria das vítimas, cabodanos dos asasinados no 36 polos golpistas, inmunes aínda e, para máis inri, mausoleados nesta realidade tan nosa das contradicións que nos abrasan. Parece incrible pero é así, e por iso vemos a un tempo aos verdugos daquel xenocidio coas medallas pensionadas e felices mentres por outro lado están as vítimas e familiares de tanta dor e insulto no silencio. Como se as cousas sempre pasaran lonxe de nós, como se a nós non nos estivese ocorrendo. Ao lado, as vítimas sofren o esquecemento máis vil que recorda calquera historia, a das gabias anónimas que xa ninguén recoñece.

Hoxe, despois de tantos anos, lembramos a tantas e tantos. A lista é grande, moi grande para a nosa desgraza. Non se sabe de certo a onde chega a ringleira de nomes, anque o feito de lembrar supón tamén que reclamemos reparación do que non se fixo, o que –polo visto- non hai vontade de facer. Trátase de devolver a honra aos que nos honraron a nós defendendo a legalidade. Trátase de repoñer o dereito e a xustiza. Nada diso se fixo. Hai unha escura man que tapa todo, que oculta toda aquela morte e sufrimento, toda aquela persecución, aquela violentísima depuración levada a cabo polos asasinos. O delito das vítimas foi pensar e ter ideas, querer mediar para acadar outras razóns que non fosen a forza e a violencia, os medos. A nosa historia non conta como foron os feitos, os relatores son os que sempre falaron a media voz, e falan de insurrección e outros eufemismos. Case como se a culpa fose nosa, sen ousar dicir que a matanza protagonizárona outros e que andan aí os seus herdeiros. Pasa o tempo e as cousas seguen así, abafados en actos anuais que non avanzan e que, moitas veces, monopolizadas por quen non deben. Aínda non se sinalaron os culpables, os asasinos, aínda lles poñen medallas indemnizadas a perpetuidade, aínda rin de nós nas “laureadas” do seu orgullo, na notoria vergoña que producen ao sentido común e á decencia. Silencio de xustizas, silencio de relatores, silencios enormes de toda a sociedade civil. Mentres, aínda están centos de cunetas con milleiros de esquecidos agardando a vontade de recuperarnos e erguer, de ser en dignidade dignos da súa loita, da liberdade que eles defenderon e agardamos. Pasan os sucesivos gobernos e todo está paralizado e falto da decisión para acudir á reposición, á xustiza verdadeira que nos faga correspondentes do pasado e do que veña.

Anque semella que os nosos políticos tamén dormen esa compracencia dos tempos, aloumiñando supostos votos con caras sedutoras e cumprimentos de educación ousada, pero inactivos e cobrando.