O BNG e o Partido Popular de Redondela alíanse para aprobar unhas asignacións económicas aos grupos municipais que o goberno rexeitou

Concello de Redondela A Nova Peneira

Redondela, 7 de setembro de 2019

Os dous partidos da oposición puxéronse dacordo para aprobar a proposta do BNG, o que supón un incremento do gasto de 90.000 euros para este mandato nas asignacións que o Concello terá que facer aos Grupos Municipais.

Secretario e Interventor puxeron reparo á proposta que foi aprobada por BNG e PP.

AER lembra que, co novo Regulamento en vigor, tódolos Grupos deberán devolver cada ano aqueles cartos recibidos e non xustificados debidamente.

No pleno celebrado onte no Concello de Redondela, os partidos políticos da oposición, Bloque Nacionalista Galego e Partido Popular, aliáronse para subir o gasto en asignacións aos grupos políticos respecto da proposta de AER que estaba en vigor no mandato anterior. Isto supón que as arcas municipais van ter que destinar 90.000 euros máis no conxunto do mandato por este concepto, un 130% de incremento respecto da anterior.

Reparo do Secretario e do Interventor á proposta do BNG aprobada.

A proposta do Goberno foi rexeitada con 11 votos contrarios: 9 votos do PP e os 2 do BNG (entre ámbolos dous teñen maioría absoluta) fronte a 10 votos favorables: 7 do PSdG e 3 de AER. Nese mesmo momento o BNG presentou a súa proposta e, tanto o Interventor coma o Secretario do Concello manifestaron que serían necesarios informes técnicos previos.

Dende AER non entendemos que BNG e PP non fagan caso ás advertencias do Secretario e do Interventor do Concello e lamentamos que, a pesar do reparo feito no propio pleno polo máximo funcionario do Concello, a oposición levase adiante e votase unha proposta sen contar cos informes técnicos necesarios.

O PP, o máis beneficiado.

Coa proposta aprobada do BNG deixan en mans do PP 57.600 euros para o conxunto do mandato (14.400 euros ao ano) fronte aos 21.600 euros se se continuara coa proposta de AER aprobada no anterior mandato. Para o PP supón un aumento na súa asignación dun 166%. O BNG practicamente duplica a súa asignación, de 13.200 a 24.000 euros.

AER, vixiante ao cumprimento do novo regulamento de asignacións aos grupos.

A Agrupación de Electores de Redondela sempre puxo moito empeño en que os cartos públicos destinados a subvencionar a actividade política estivesen absolutamente xustificados. Na súa andadura na vida política, AER foi quen de devolver cada 4 anos os cartos non gastados na actividade escrupulosamente xustificada pola actividade dos Grupos Municipais. Froito deste empeño, foi aprobado un Regulamento para este concepto a instancia de AER polo cal, en cada exercicio natural, os Grupos Municipais deberán devolver aqueles cartos que non fosen xustificados. O que era un exercicio voluntario de AER, agora é norma que obriga a todos. AER vai estar vixiante para que este regulamento se cumpra de xeito rigoroso.

Asignacións para Grupos Municipais, non para Partidos.

A proposta aprobada é a que regula as asignacións que o Concello fai aos Grupos Municipais con representación política. Estas achegas teñen que ser xustificadas cos gastos que cada Grupo teña no desenvolvemento da súa actividade dentro do funcionamento municipal, ben coma grupo de goberno, ben coma grupo de oposición. A natureza de gastos serán os chamados gastos correntes (impresións, material de oficina, etc.) do Grupo Municipal, non sendo xustificables investimentos (compras de ordenadores, etc.).

O que non está permitido no regulamento é destinar estas achegas a financiar os Partidos Políticos, os cales por lei teñen outras formas de financiamento. É dicir, que un Grupo Municipal non pode utilizar estas asignacións, por exemplo, para pagar o aluguer dunha sede permanente fóra do Concello. Ese sería un gasto do partido político, pero nunca do Grupo Municipal.