O Concello de Nigrán sinaliza o camiño portugués pola costa na súa variante non oficial polo litoral do municipio

Camiño portugués pola costa A Nova Peneira

As novas indicacións foron elaboradas dende o obradoiro Valmiemprega II. O obxectivo é ofrecer unha maior visibilidade desta alternativa e evitar as confusións actuais

“Trátase dun trazado elixido por moitos peregrinos que prefiren ir a pé de praia e que estaba deficientemente sinalizado pese ao seu gran atractivo”, recoñece o alcalde, Juan González

Nigrán, 31 de agosto de 2019

O Concello de Nigrán rematou a sinalización do Camiño Portugués pola Costana súa variante non oficial polo litoral do municipio, un trazado que elixen moitos peregrinos polo atractivo diferente que presenta pero que está deficientemente indicado. Así o recolle o propio proxecto elaborado dende o obradoiro de emprego Valmiemprega II, que no seu estudo pormenorizado empregado polo Concello de Nigrán a este efecto destaca a necesidade de mellorar a sinalización para evitar as actuais confusións. De feito, tamén se indica con maior claridade a pequena alternativa ao oficial no Porto do Molle, onde o Concello opta porque os peregrinos camiñen pola senda do río Muíños en lugar de utilizar a PO-552.

“O trazado litorial é elixido por moitos peregrinos que prefiren ir a pé de praia e que actualmente está deficientemente sinalizado pese ao seu gran atractivo paisaxístico, polo que dende o propio consistorio solventamos esta situación”, explica o alcalde, Juan González. “O Esteiro de A Foz, Monte Lourido, Praia América, Panxón, a Praia de Patos ou das Canas son parte esencial da riqueza paisaxística de Nigrán, polo que era obvio a necesidade de reforzar e promover esta alternativa ao camiño oficial”, insiste. Así, moita da sinalización consistía en pegatinas en mobiliario urbano ou mesmo pintadas verdes que non son fácilmente visibles e que confundían aínda máis aos peregrinos. Por este motivo, elimináronse todas estas vellas indicacións e sustituíronse por outras en paneis de calidade.

A variante litorial, que conecta finalmente co trazado oficial que une os municipios de Nigrán e Vigo, arranca dende a propia marisma ao pé da ponte románica de A Ramallosa. Nesta intersección de saída da ponte nova da Ramallosa co Paseo Torrente Ballester colocouse un panel informativo facendo constar a entrada ao Concello e diferenciando a continuidade do Camiño Oficial cara o Pazo de Pías e o inicio da opción do camiño pola costa cara a Praia América, eliminando actuais sinalizacións precarias en farolas que dan lugar a confusións. Os camiñantes que elixen esta opción o farán polo paseo marítimo de A Foz ou Esteiro do Miñor, pertencente á Rede Natura 2000 e que se estende ata a península de Monte Lourido. Trátase dun ecosistema de alto valor ecolóxico pola súa biodiversidade de flora e fauna, e de gran valor ornitolóxico por ser refuxio de aves migratorias. Ao seu final, xa no cruce de camiños cara a Praia América, refouzouse a sinalización e borrouse a actual marca no reverso dunha sinal de circulación. O peregrino é guiado para camiñar polo paseo marítimo de Praia América e Panxón e, ao longo do mesmo, elimináronse as pegatinas en farolas e papeleiras pola nova sinalización co obxectivo de evitar confusións. Esta vólvese a reforzar no fin do Paseo de Panxón para que o camiñante se dirixa sen dúbidas cara a praia da Madorra e posteriormente pola rúa Tomás Mirambell cara a praia de Patos, praia das Canas a continuación polo paseo da Areosa e, finalmente, rúa Caranquexo cara o Camiño Oficial pola Costa xa no termo de Saiáns (Vigo).