Pontón propón a vía xudicial para reclamar os 700 m€ e un concerto económico que de a Galiza a chave dos seus recursos

Ana Pontón A Nova Peneira

O país non pode aturar máis un goberno de “palla”, sentencia, e pide a Feixóo que abandone o papel de “recadeiro” de Casado

Ironiza sobre alternancia do “bipartismo harmónico” PP-PSOE á hora de discriminar a este país

Santiago de Compostela, 11 de Setembro 2019

A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a sesión de control para advertir que Galiza ten graves problemas “e non pode seguir máis tempo cun goberno de palla e cun presidente que ten como máxima preocupación ocultar o seu fracaso”.

Neste sentido, pediu ao xefe do Executivo que abandone “o seu papel de presidente acomplexado cegado polo centralismo” para poñerse do lado de Galiza empezando pola defensa dos intereses do país en materia de financiamento, a raíz da retención das entregas a conta por parte do Goberno do Estado.

Para iso, a líder do BNG formulou unha dobre proposta a Núñez Feixóo: presentar un recurso xudicial para reclamar os 700 M€ que debe Madrid e apostar por un concerto económico que lle permita a Galiza ter a chave dos seus recursos.

“Minte cando di que se debe máis aos galegos e ás galegas que o PP, se fose así iría á cuestión de fondo: o modelo de financiamento, e reclamaría un concerto económico como o que defende o BNG, do que xa desfruta Euskadi e Navarra e vailles moi ben”, salientou Pontón, ademais de lembrar a responsabilidade do inquilino de Montepío. “É o responsábel de que Galiza teña que mendigar 700 M€ porque o actual sistema de financiamento foi asinado por vostede. Se os cartos son nosos, xestionémolos nós”, instou.

A dirixente nacionalista acusou a Feixóo de tentar tapar o seu fracaso na defensa dos intereses de Galiza repetindo fórmula.

“Antes era recadeiro de Raxoi e agora é recadeiro de Casado, quen lle ordena que use Galiza na súa estratexia de desgaste de Sánchez que, hai que dicilo, ponllo bastante fácil”, indicou, ironizando sobre o que cualificou de “bipartidismo harmónico PP-PSOE, que rapidamente se pasan o relevo cando se trata de discriminar a Galiza, e ao que agora parece que se quere sumar Podemos”.

De feito, os problemas de financiamento non son unha novidade, argumentou. En 2016 e 2018 era o ministro Cristóbal Montoro quen reducía as entregas a conta a Galiza porque Raxoi non tiña orzamentos, “e vostede mudo e calado”. En 2019 é a ministra María Jesús Montero quen xoga idéntico papel con idénticos argumentos, “e como non goberna o PP e Casado xa lle deu permiso para disparar contra Sánchez agora si abre a boca, pero para facer seguidismo”.

Dez anos de xestión fracasada

Pontón reprochou a Feixóo “a inutilidade dos deputados e deputadas do PP que non defenden a Galiza senón o que lle interesa a Casado”, e instou ao xefe do Executivo a abandonar o seu papel de “recadeiro do centralismo madrileño”. Xunto os 700 M€, botoulle en cara o seu silencio ante a débeda do 200 M€ en dependencia ou os 2.000 M€ de euros orzamentados polo goberno de Raxoi pero nunca executados.

“É triste ter un presidente que non confía neste país e prefire que os nosos recursos os xestionen desde Madrid”, criticou, tras salientar que Navarra, con un PIB tres veces inferior ao de Galiza, ten un concerto económico que Feixóo rexeita.

A líder nacionalista aproveitou a sesión de control para facer repaso do “fracaso” da década de Goberno do PP, coa perda das caixas, o deterioro dos servizos públicos, a crise demográfica, o incremento exponencial da débeda ou as promesas incumpridas con PEMEX. “Ía ser un maná e terminou con seus amigos mexicanos imputados por corrupción”, ademais de denunciar a proliferación de chiringuitos de ex altos cargos do PP no sector privado, o último da man do ex alcalde da Coruña Carlos Negreira e do ex director do IGAPE para xestionar axudas precisamente con esta institución pública.