Que volva o trole!

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago

Non fai moitos anos, cando aínda existían as cintas de casete e a EXB, de Marín a Pontevedra circulaban uns autobuses cuns paus enriba conectados a unha liña eléctrica. Os troles.

Como ven sendo habitual neste noso país alguén considerou que este método de transporte eléctrico era pouco moderno. O avanzado era o motor de explosión, cos seus gases facendo xogo co fume da Celulosas. É unha tradición moi nosa, moi de Marín, tirar coas cousas vellas que xa non serven como o Priorato, a Villa Echegaray ou calquera edificio vello de pedra con valor histórico.

Hoxe as cidades europeas presumen de atraso enchendo as súas rúas de modernos tranvías funcionando con electricidade sen emitir fumes noxentos. Non saben o que é bo.

Tamén teñen o vicio, como fan os nacionalistas de Pontevedra, de sacar os coches do centro da cidade e transformar as rúas para desfrute das persoas. Así lles vai. Non poden ir co coche á porta dos comercios, nin mercar tabaco aparcando alegremente diante da porta do estanco.

Chegan ao extremo de non necesitar o vehículo particular para moverse entre as cidades e as vilas, e contan con redes de transporte público integradas que os levan e os traen con facilidade e con amplos horarios. En calquera deses lugares poderíase ir de Marín a Lugo en transporte público, incluso até Ourense, en pouco tempo e a prezos accesíbeis a todos os petos.

Que parvos son. Tendo os salarios tan altos como teñen, non coma nós, ben poderían mercar coches de alta gama e encher os depósitos de combustíbel para ir de norte a sur e de este a oeste a toda velocidade.

Agora en serio.

Marín ten un problema de mobilidade que se resume na ecuación: mais coches X menos aparcamento = atascos. Necesitamos cambiar a ecuación e só podemos facelo reducindo o número de coches que entran na nosa vila desesperados por atopar un sitio onde aparcar, especialmente cando hai algún evento que mobiliza moitas persoas.

O novo invento que pretenden vendernos é a “cidade intelixente” como solución. Xa non chega con facer aparcamentos disuasorios para saír do paso ante o cabreo xeral, necesitan adubalo con terminoloxía técnica e moderna como a “Mobilidade Smart”, algo que ninguén sabe o que significa. Porén, se debullamos un pouco esa “cidade intelixente” sacaremos como conclusión que consiste en vendernos a obra da Avenida de Ourense adornada de frase feitas repetindo moitas vedes as verbas sustentábel e eficiente.

A alternativa pasa por mellorar o transporte público.

Necesitamos unha rede que comunique a vila coas parroquias e facilite a mobilidade sen necesidade de coller o coche, e iso ten que vir da man de todas as administracións. Deben implicarse en mellorar o modelo de transporte público e non, como fai a Xunta, deseñar plans de transporte para beneficio de determinadas empresas do sector.

Necesitamos que se melloren as comunicación con Pontevedra, que se amplíen os horarios e se reduzan os prezos. É incomprensíbel que non exista un bus nocturno entre Marín e Pontevedra os fins de semana, no verán ou cando hai eventos importantes.

Necesitamos que o Morrazo teña unhas comunicacións modernas que conecten todos os concellos.

O que non queremos é que nos tomen o pelo con propostas de “converter progresivamente o concello de Marín nun territorio Smart, centrado na Mobilidade Smart”. @s que esnaquizan o noso patrimonio non poden vir agora a vendernos a moto dunha Cidade Sostíbel, moito menos cando están ao servizo da Celulosas. Se realmente queren un futuro sustentábel demóstreno deixando de apoiar a esta empresa, e deixando de botar abaixo canta edificación de máis de cen anos temos en Marin.

O que queremos é unha implicación real das administracións para mellorar a nosa calidade de vida. Queremos unha Cidade Sostíbel real, non de cartón pedra e propaganda, aínda que lle chamen Smart. Queremos un transporte público en condicións.

Sr. Feixoo, Señores Conselleiros e Conselleiras, se non queren escoitar ao alcalde de Pontevedra explicarlles o modelo de cidade, cando menos aproveiten as viaxes que fan a conta nosa para aprender un pouco do que hai noutros países.

Queremos que volva o trole!