Iñaki Anasagasti

Iñaki Anasagasti a nova peneira

A historia do moderno nacionalismo vasco non se entendería sen a figura de Iñaki Anasagasti, intelectual comprometido co seu pobo, orador brillante, Iñaki é un home que defende o que cre con paixón, rigor e solvencia intelectual. Xornalista e sociólogo, Iñaki foi portavoz do PNV no parlamento do estado entre 1986 e 2004. Os camiños da vida proporcionáronnos o agasallo de podermos manter unha extensa conversa con el, velaí vai o que deu de si

O PEDRO SÁNCHEZ QUE GAÑOU A MOCIÓN DE CENSURA,NON É O MESMO CÓ DE AGORA. HOXE TEN UN CRITERIO DE SUPERIORIDADE MORAL E POLÍTICA INCRIBLE, E ESTÁ CONDICIONADO POLAS PRESIÓNS QUE CONSIDERAN QUE O ÚNICO PACTO POSIBLE É DO PSOE CON CIUDADANOS”


Cando eu era adolescente, un dos mellores amigos do meu pai chamábase Xabier Guezala, e era un apaixonado militante do PNV. Viña pasar tempadas a Galicia, e recordo larguísimas conversacións con el nas cálidas noites do verán das rías baixas. Lembro que Guezala me falaba de Xabier Arzalluz en termos dun home que posuía unha descomunal intelixencia e integridade moral. Agora que fai moi pouco que Arzalluz nos deixou, gustaríame que nos fixeses unha valoración da súa figura ?


O mellor que se pode dicir de Xabier Arzalluz é que o PNV non sería o que é na actualidade sen o seu extraordinario liderado. Un partido de 124 anos contou á morte de Franco non só cunha xeración de veteranos envellecidos senón un profesor universitario con experiencia de vida ,oratoria entusiasta, claridade de ideas ,sabedoría profesional e ese fondo de pouso histórico imprescindible para facer política. Todo iso e unha actividade febril fixo que se construíse todo o facer político ao redor dunha personalidade brillante, valente e por tanto imprescindible e irrepetible.

E ti como vives a “xubilación” política, sentes nostalxia? Ou estás máis tranquilo?


A miña xubilación consiste en non ir a Madrid pois creo que traballo agora máis que antes que consistía nunha alta porcentaxe en viaxes e esperas. Estou en catro faladoiros, escribo libros, artigos de opinión ,promovo círculos de debate histórico, viaxo e ordeno as toneladas de papeis que acumulei en trinta anos.

Supoño que estarás orgulloso do actual portavoz parlamentario voso, Aitor Esteban, un home ao que ata os adversarios políticos recoñecen a súa brillantez?

Si, fomos poucos os portavoces do PNV e iso dá unha experiencia. Arzalluz, Biscaia, Anasagasti, Erkoreka e Esteban fomos, por esa orde os portavoces e esa cadea lévaa hoxe Esteban que no seu día foi así mesmo asistente en Deusto de Xabier Arzalluz.


Por que motivo, ao teu xuízo, PSOE e PODEMOS non foron capaces de poñerse de acordo?:

Porque o Sánchez que tivo que dimitir e gañou a Moción de Censura non é o actual Sánchez, tras un ano de Moncloa ten un criterio de superioridade moral e política incrible. Xa o confesou naquela entrevista a Evole cando falou das presións recibidas. Hoxe ese Sánchez é un home que non ten aquela frescura política e está condicionado por esas presións aumentadas que consideran que o único pacto posible do PSOE é con Ciudadanos.


A razón fundamental cal é: pola manifesta incompetencia dos negociadores?, por que poderes alleos á política non o permiten? Ou por outro tipo de motivos que non alcanzo a comprender?

Por todo iso xunto, pola inxenuidade de Iglesias que ademais ten un partido agrillado, por presión dos chamados baróns, e porque a Sánchez gústalle máis tratar con Macron e Merkel que cos políticos españois.

Luís María Ansón nun dos seus artigos defende que Pedro Sánchez non quería a Pablo Iglesias no goberno porque tiña medo de que “ llo comese con patacas ás finas herbas”. Será posible que unha pulsión, tan pueril e primaria, como os celos, poida determinar a conformación do goberno dun estado?

Non. Sánchez demostrou que ten un instinto asasino político superior ao de Iglesias e ademais está en mans dese Rasputín mediático chamado Ivan Redondo que ao que a política lle parece algo menor en comparación co mediático e o sociolóxico.


E que escenario desexas ?

Unhas novas eleccións son un fracaso e unha tomadura de pelo ao cidadán. Como non me gusta o que vota o cidadán e non podo cambiar de cidadáns, sométoos a eleccións ata que voten o que á min me convén. O malo é que a bicha está aí e que xogar con lume pode facer que a dereita se presente no Senado como España Suma e o primeiro que fagan sexa promover o 155. Sería o caos total.


A que obedece, ao teu xuízo, o rexurdir explícito do nacional catolicismo español?

A que espertou porque sempre estivo aí. Seguen crendo que España é unha Unidade de Destino no Universal e están dispostos a todo antes que recoñecer que se os cataláns ,tras aprobar a Constitución en 1978 nun 90% ,non queren saber nada desa marabillosa España será por algo co agravante de que España é agora Madrid.


Como é posible que un provocador profesional como Albert Rivera con innumerables exemplos concretos que demostran a distancia quilométrica entre o que di e o que adoita facer, sexa percibido por unha parte da sociedade española como alguén que vén rexenerar a práctica política?

Porque hai pouca cultura política e prima o mediático. Ten verborrea, é novo, disfraza o seu ideario e, na política que vivimos este tipo de actores dan xogo.


13 anos de cárcere por unha pelexa de bar é tan esaxerado que case me atrevo a cualificalo como unha crueldade, ves posible unha solución a curto medio prazo para os rapaces Altsasu?

Hai casos parecidos en España que só tiveron un xuízo de faltas, pero estamos en Navarra e parecería que nunha parte da xudicatura séguese estrañando a existencia de ETA. A proba está en que lles acusaron de terrorismo, unha barbaridade para unha pelexa de bar.


Como valoras o resultado final da investidura en Navarra e as reaccións do nacionalismo español?

Que non toleran a democracia. Téñense que unir en Navarra Suma para contrarrestar a corrente de fondo dunha autonomía que quere vivir en paz e en respecto. Navarra foi Reino, ten o Convenio, hai un importante sentimento nacionalista e iso non o toleran e seguen sacando ese perverso argumento que o socialismo pacta con ETA cando ETA fai oito anos non existe.


Javier Maroto quedou tan decepcionado do resultado electoral de abril, que decidiu abandonar Euskadi?

Curioso. Xefe da campaña electoral, non saíu elixido nin el, nin ninguén do PP na Comunidade Autónoma Vasca e en premio fanlle portavoz do PP no Senado e empadróase en Segovia, cando el criticou aos emigrantes polo seu empadroamento. É o paradigma do político saltimbanqui, inconsistente e con rabo de palla político.


Creo que era o avogado de Puigdemont, nunha entrevista que lin non recordo onde, dicía que a sentenza contra os membros do govern da Generalitat serían oito anos por conspiración para a rebelión para así salvar o escollo da violencia que non se atopa por ningunha parte. Ti pensas que á hora de ditar sentenza o tribunal supremo tomará en conta criterios meramente xurídicos
?

Dáme que non será tan dura como pide o Fiscal pero será unha sentenza que provocará unha reacción de indignación moi forte en Catalunya e en quen cre que as urnas e a petición dunha votación nunca poden ser delito algún. Moito menos a terrible prisión preventiva que levan os presos cataláns. Unha inxustiza total.


Ningún conflito ao longo da historia da humanidade solucionouse sen diálogo, ata as manifestacións máis repugnantes da conduta humana, as guerras, terminan cos contendentes sentados nunha mesa falando. Caerá España na conta? Ou se non que saída lle ves á situación catalá?

Os partidos políticos cataláns téñense que dar conta que España existe, esa España intolerante que como dicía Pla, é o mesmo un español de dereitas que un de esquerdas. Ante iso o pequeno ten que ser intelixente e ir acumulando forzas e traballando o horizonte europeo.


Para cando a monarquía cuxo orixe está no dedo de Francisco Franco non será máis que un recordo?


Oxalá o sexa pronto. Avanzouse pero cada día demostra a súa inutilidade para o que lle dita a Constitución que é moderar e arbitrar. E non modera nin arbitra, só reconve aos cataláns, dá a man e gasta e cando hai un bloqueo non serve para nada. O tempo fará que as novas xeracións prescindan desta herdanza de Franco.

Que a centos de persoas relacionadas co exército que asinan un manifesto pro franquista non lles pase nada, e que un cabo en activo que asina un manifesto de resposta defendendo a democracia enfróntese a sancións disciplinarias contra a súa persoa, que indica?

España é así. O exército foi e é, como di o artigo 8 da Constitución, quen asegura a unidade e permanencia e por iso ten bula. Profesionalizouse pero só gañou as guerras contra o seu propio pobo. Son intocables.


Acabamos Iñaki, agradecéndoche a túa amabilidade, e dicíndoche que nos gustaría compartir unha tapa de polbo e un albariño contigo, será posible verche por Galicia proximamente?

Pois si. Convidáronme a ir a Lugo na primavera .E Galicia é un lugar moi atractivo onde teño moitos amigos. E sempre é agradable volver estar nesa boa casa.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*