40 anos sen Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro A Nova Peneira
É o momento! construírmos o futuro Galicia en común Podemos

O pasado 30 de agosto cumpríronse corenta anos da morte dunha das figuras máis representativas da poesía galega e considerado como un dos maiores poetas de século XX. A súa obra caracterizouse sempre polo seu compromiso coa cultura e a política na súa amada Galiza. 40 anos sen un gran escritor, poeta, político, periodista, profesor, avogado e sobre todo, boa persoa cun amor infinito cara a súa muller “Moraima”.

Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu en Celanova un 6 de xaneiro 1912 e finou en Vigo o 30 de agosto de 1979 aos 67 anos.

Pertencía a unha familia acomodada campesiña e galeguista. Aos 20 anos, en 1932, organizou con Xosé Velo Mosquera, entre outros, as Mocidades Galeguistas de Celanova e participou na constitución da Federación de Mocidades Galeguistas en 1934. En 1935 publicou con Xosé Velo, “Cartafol de poesía”, un conxunto de poemas que os autores remitían desde Celanova as persoas interesadas neste proxecto. No 1936 foi designado polo gobernador civil, representante das Mocidades Galeguistas na corporación da Fronte Popular en Celanova, pero Celso Emilio renunciou á acta de concelleiro. Ao estalar a Guerra Civil chamárono a filas cos mozos da súa quinta, tivo que combater no bando franquista e foi destinado á fronte de Asturias. En setembro, tamén en Asturias, coñece á que sería a súa futura muller, María Luisa Moraima Loredo. En 1937, durante un permiso, detivérono por facer un comentario político en público publicado en Guieiro, revista que el mesmo dirixía, e foi encarcerado nunha cela de pedra do convento de Celanova. No ano 1939 xa rematada a guerra, retorna a Celanova onde obtén o título de Bacharel, alí exerceu con Xosé Velo a docencia na súa vila e iniciou por libre estudos de Dereito e Maxisterio. No 1940 opositou e gañou o posto de secretario e despois de xefe de Xustiza na Fiscalía de Taxas de Pontevedra, onde traballou ata 1950.

En 1943 casou coa súa amada Moraima o día 15 de xullo e estivo con ela o resto da súa vida. Desde este mesmo ano ata 1946 foi redactor xefe na revista “Finisterre”, dirixida por Emilio Canda e desde 1944 ata 1952 colaborou en Sonata Galega, revista na que coordinaba a sección de “Seleccións literarias”.

Entre 1948 e 1949 participou nas emisións radiofónicas do Galician Programme da BBC de Londres, que coordinaba Francisco Fernández del Riego.

No ano 1949, xunto con Sabino Torres Ferrer, Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás leva adiante a colección Benito Soto de poesía, primeira empresa editorial que daría a coñecer poemarios en galego na posguerra.

En outubro de 1949 obtén o título de Procurador dos Tribunais e en setembro de 1950 vaise para Vigo a exercer como tal.

Celso Emilio Ferreiro Príncipe Vigo A Nova Peneira
Celso Emilio e Moraima na rúa do Príncipe en 1951, cando se instalan a vivir en Vigo (Foto Company, Vigo)

Fonte foto: Fundación Celso Emilio Ferreiro

En xullo de 1964 cofunda a Unión do Pobo Galego e no ano 1966, o 15 de maio celebrouse unha homenaxe de despedida a Celso Emilio antes da súa partida a Caracas, alí viviu no exilio e traballou no gabinete do presidente Rafael Caldera. Instalado xa en Caracas ocupouse da dirección, redacción e confección do xornal quincenal Irmandade, da dirección e orientación do Cinema Club da sociedade, da dirección e redacción da emisión radiofónica Sempre en Galicia e da dirección e orientación da Escola Castelao, participou tamén na fundación do Padroado dá Cultura Galega na Irmandade Galega venezolana.

No 1967 funda e preside a Agrupación Nós e en xullo do ano 1968 recibe comunicación oficial da Irmandade da súa expulsión nunha carta cofirmada polo presidente e o secretario xeral. Este ano publicou tamén “Viaxe ao país dos ananos” e “Cantigas de escarnio” e maldicir, asinada polo seu heterónimo satírico Arístides Silveira.

En 1970 edita os “13 poemas iracundos e unha canción inesperada”, separata da revista caraqueña Expediente, como adianto editorial da súa obra Antipoemas. Deste enviou a tradución ao castelán ao “IV Premio Internacional de Poesía Álamo de Salamanca” e resultou gañador. No momento de ser impresa a esta obra premiada, o no ano 1972, os editores censuraron sen permiso de Celso dez poemas. Como resposta, Ferreiro publicou en Venezuela unha separata co título “Poemas prohibidos”.

A comezos do ano 1973 retornou de Venezuela con destino a Madrid onde traballou desde 1974 no Ateneo Científico, Literario e Artístico de Madrid, no que desempeñou o cargo de Director da aula de Cultura na sección de Literatura Galega desde o primeiro de xullo.

No ano 1976 é premiado de novo, “Premio da Crítica de Poesía Galegapola obra “Onde o mundo se chama Celanova”.

En 1977 concorre como candidato da fronte multipartidista Candidatura Democrática Galega ao Senado polo Partido Socialista Galego, aquí gañou un escano de senador pola provincia de Ourense nas primeiras Eleccións Xerais de 1977.

A súa obra, traducida ao castelán, tivo unha gran repercusión nacional e foi mesmo cantada en multitude de ocasións, sendo neste momento o poeta galego ao que máis se lle puxo música, con máis de 100 versións musicais.

Entre as súas obras máis salientables destacan ” Cartafol de poesía” (1935), obra representativa dos seus primeiros anos; “O soño sulagado” (1954); “Longa noite de pedra” (1962), durante a guerra escribiu moitos dos poemas que logo configurarían este libro, que se esgotaría en poucos meses e que se reproducía en multicopista, chegando a ser un referente constante para o movemento social, “Viaxe ao país dos ananos”” (1968) e “”Terra de ningures”” (1969), ambas influídas pola experiencia do exilio; “ “Cimiterio privado”” (1973) e “ “Onde o mundo se chama Celanova”” (1975), o último volume de poemas publicado en vida de Ferreiro, no que plasma a visión melancólica do paso do tempo. E aquí onde publica o belísimo poema de amor escrito á súa muller “Moraima”, este é considerado uns dos poemas de amor mais relevantes da poesía europea. Despois de 33 anos casado coa súa muller, que Celso Emilio puidera seguir vivindo o amor con tanta intensidade e lealdade a súa esposa, e dunha maneira tan fervente e emotiva, coido que podería dicir que é o mellor poema de amor escrito no mundo.

Ferreiro tamén publicou obras en castelán, como “ “Antipoemas”” (1972) e a biografía de “Curros Enríquez” (1954); así como en prosa, xénero no que destacan “”A fronteira infinida”” (1972) e “”A taberna do galo”” (1978).

O 30 de agosto de 1979 faleceu na súa casa de Vigo e o 1 de setembro é enterrado na súa vila natal Celanova. Postumamente apareceu “O libro dos homenaxes”, do que entregara o seu orixinal ao seu amigo Xesús Alonso Montero oito días antes de falecer. Esta máxima figura da poesía social galega ben mereceu que se lle dedicase o día “Día das Letras Galegas en 1989”, des anos despois da súa do seu falecemento.

Pra Moraima, sempre.
Moraima: diario de a bordo.

Xaneiro 1972, II

Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non decir Moraima.”

Onde o mundo se chama Celanova (1975).

Primer comentario

Deixa a túa opinión