Escola

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

O inicio do curso escolar é boa ocasión para nos recordar o carácter político da escola. Do mesmo xénero que o xudicial e o da prensa. Os tres son lugares para a liberdade e a verdade. Os xuíces teñen que poder investigar libremente e resolver conforme á verdade dos feitos. Os feitos dos que informa a prensa, pola súa banda, teñen que ser establecidos con probas contrastadas. E os contidos escolares deben basearse en feitos obxectivos e responder a máxima esixencia de rigor intelectual.

Do carácter científico dos contidos das materias de ciencias, polo común, non se dubida. No entanto, lembremos aquí algunha excepción. A teoría da evolución sigue espertando sospeitas en certos sectores de opinión, ou, neste mesmo campo das ciencias da natureza, as arduas controversias relativas ao cambio climático. Malia que a maior parte dos especialistas o consideran un feito obxectivo, poderosos grupos de opinión negan esa obxectividade ou, se non a negan sen máis, relativizan o seu efecto remitindo ao lector a esperanza de que, como xa sucedeu no pasado, a humanidade desta vez volverá a resolver a situación. Estes grupos teñen, case está de máis dicilo, unha forte presenza nas empresas editoriais dos libros e texto.

Porén, son os contidos das materias non científicas, as que se chaman de “letras” ou “humanísticas” as que directamente lle dan un carácter político á escola. Os seus contidos fixan a identidade nacional. Establecen os feitos sobre os que se constrúe ese “nós os galegos” ou “nós o que sexa”. Feitos que deben ser admitidos por todos ou pola maioría e que, chegado o caso, deben servir para distinguir entre “nós os galegos” e “vós os portugueses”, por exemplo.

Agora ben, o xeito en que se establecen os feitos históricos ten unha índole máis problemática que os feitos das ciencias naturais. Estas contan, digamos, coa imparcialidade do comportamento da Natureza. Se algo é un feito natural, será igual nun lugar que no outro. Pero no caso dos feitos históricos non contamos con ningunha imparcialidade dese tipo. No seu lugar debemos confiar na fiabilidade das testemuñas e dos documentos.

Pois ben, é a escola, son os docentes en xeral, os que deben garantir que eses feitos sexan obxectivos e que os documentos sexan fiables. Pero, contra este labor docente, ocorre que a escola é unha institución política nun segundo sentido. No sentido en que político se define como de parte. De parte do goberno. En efecto, é a institución que ten o encargo de impartir os contidos que o goberno establece. Os gobernos, porén, non soen desaproveitar a ocasión para elixir aqueles sucesos que favorecen a opinión na que se sustentan.

Daquela, de aceptar os docentes uns feitos falsos ou dubidosos, pasarían de ser peritos da verdade histórica a ser peritos de parte do goberno. Deixarían de ser funcionarios públicos para se converter en funcionarios do goberno. Neste caso, hoxe tan común, a escola deixaría de ser pública. Velaí o perigo máis frecuente de privatización da escola.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*