Memoria Histórica

Memoría Histórica Mos A Nova Peneira

O 6 DE OUTUBRO HOMENAXE EN MOS ÁS VÍTIMAS DO TERROR FRANQUISTA NA LOURIÑA

G.
Figueiredo e Tino Lago

O vindeiro domingo seis de outubro a carón do monumento, do artista Marcos Escudero, que lles recorda e dignifica, no exterior do cemiterio de Louredo, a comisión de familiares da memoria histórica de Mos, por undécimo ano consecutivo desenvolverá unha homenaxe ás persoas da localidade , asasinadas polo terrorismo franquista, cuxo único “crime” foi ter sido valentes e honestas na defensa da liberdade e a legalidade. E como sempre coa administración do PP, moito nos tememos que, a representación institucional do concello de Mos, brillará pola súa ausencia. O Mos digno alí estará, e nun fermoso e sinxelo acto con música, flores , poesía e unha moi elevada intensidade emocional expresará significantes como memoria, dignidade e xustiza, intimamente unidos a significados que agroman nas partes máis profundas das persoas que sufriron o asasinato dun ser querido e de todas aquelas, que non tendo padecido unha traxedia semellante, posúan un mínimo de sensibilidade cara a dor allea. A Nova Peneira é un medio de comunicación que se sente especialmente implicado na necesaria reparación da memoria das persoas que padeceron o terror do nacional catolicismo español, tanto porque familiares directos dunha traballadora deste xornal foron asasinados polos asasinos do réxime asasino, como porque, con toda a humildade, creo que podo dicir que si posuímos a sensibilidade cara ao sufrimento dos demais, que por desgraza carece o goberno de Mos. A nosa sección habitual de memoria histórica que leva por título “ As reportaxes de G.Figueiredo” e que ten por obxecto lembrar e homenaxear ás persoas asasinadas, desta volta vai ser dupla. Velaí van as nosas homenaxes a dous heroes asasinados polas bestas inmundas dun réxime inmundo: -JOSÉ FRANCÉS do Porriño ,asasinado en Tui, falamos co seu fillo Raúl, un home cun encanto superlativo e un conversador delicioso, e –ENRIQUE GÓMEZ ”O ACUÑA”, do barrio vigués de Lavadores, asasinado en Mos. Falamos coa súa neta Ana, presidenta da comisión da memoria histórica de Mos.

Levad vuestros pechos. ¡Pronto!

( Es bueno que esta gangrena

os revuelva las entrañas.)

¡Echad abajo mi celda!

Abrid mi ataúd; que el mundo

en pie de asombro nos vea

indomables, pero heridos,

sepultos bajo la tierra.

¡Que no queden en silencio

mis cadenas!

Marcos
Ana

Estes versos do poeta Marcos Ana ,preso político durante máis de 20 anos nas cárceres do franquismo, dedicámosllos os autores desta reportaxe a Raúl Francés, a Ana Aller e a todas e cada unha das persoas que coa súa loita pola memoria e a xustiza fan mellor á humanidade.

AS REPORTAXES DE G.FIGUEIREDO XXII: O ASASINATO DE JOSÉ FRANCÉS ”.

José Francés Memoria Histórica A Nova Peneira
José Francés

RAÚL FRANCÉS, FILLO DE JOSÉ FRANCÉS.

Raúl fálanos do teu pai, onde naceu e como foron os primeiros anos da súa vida.

El naceu aquí no Porriño, no Codesal e tivo seis irmáns.

Tivo unha vida normal daqueles tempos e foi a escola.

O meu avó dedicouse toda a vida a vender viños e a miña avoa, que se chamaba Orícera, dedicábase a crianza dos fillos na casa.

Cando José Francés, O meu pai, comezou a traballar, tiña 19 anos. Foi factor na Renfe, primeiro nos Valos, onde eu nacín, e logo en Porriño.

O que pesa dentro de min e non ter coñecido ao meu pai, non teño nin idea como era a súa cara, soamente teño dúas fotografía del, Eu só tiña dous anos cando o fusilaron.

No ano 36 cando comezou o golpe de estado, había 4 factores en Porriño, un deles meu pai, foron todos represaliados. El era membro activo do Partido socialista e da UXT

Cando estoupou o Golpe de Estado, cales foron as consecuencias para eles?

Isto pasou o 18 de xullo e aquí en Porriño, convocouse unha folga o día 20, a esta asistiron o alcalde, que pertencía ao partido de Azaña, Izquierda Republicana, e moitísima xente máis.

Ao meu pai viñeron detivelo ao seu traballo na Renfe, un 13 de agosto, e o 27 fusilárono.

Houbo algún proceso xudicial?

Si, despois dun xuízo-farsa “sumarísimo” que o declarou “culpable de delito de traizón á patria, rebelión militar y de declaración de folga”, condenárono a morte e foi fusilado as 11 da mañá o día 27 de agosto xunto con outra persoa máis do Porriño, xulgáronos xuntos aos dous polos mesmos cargos, e fusiláronos xuntos tamén detrás do seminario de Tui, na parte de abaixo da Alameda.

O pasado 27 fixo 83 anos que os fusilaron e fixemos alí un acto, eu axudei a que se fixera no mesmo sitio un monumento na honra dos fusilados en Tui, que foron moitos.

En que situación quedou a túa nai cando asasinaron ao seu home?

No momento do asasinato estaba en Tui rezando e escoitou os tiros, foi alí, estaba segura que acababan de asasinar ao seu marido.

Eu teño como 20 escritos dos tres últimos días para ofrecerlle asistencia relixiosa ao meu pai antes do seu fusilamento, meu pai contestoulles que llos ofreceran a quen os ían a matar, que eran quen os necesitaban.

Cantos anos tiña o teu pai?

Tiña 30 anos e dous fillos. Eu e a miña irmá maior que tiña 4 anos daquela.

Despois do asasinato a miña nai quedou viúva aos 27 anos e con dous fillos.

Pasamos a vivir na casa do meu avó materno aquí en Porriño, tiña unha tenda-taberna de ultramarinos ao carón da igrexa, puidemos vivir grazas ao negocio de meu avó, miña nai só tiña 70 pesetas e con iso non poderíamos subsistir o resto das nosas vidas e quedaríamos na miseria.

A túa nai recibiu algunha comunicación oficial de que ían fusilar ao teu pai?

Non, nada.

Soubo do seu falecemento estando na catedral, incluso estivo con miña tía, irmán de meu pai, xunto ao seu cadáver cando o fusilaron, puxéronlle un pano pola cabeza e ficaron alí ata que o levaron nun camión a unha fosa común, alí tirárono, no cemiterio de Tui, esta fosa agora esta xa non existe.

A miña avoa Orícera, á que lle mataron tres fillos no levantamento fascista, outra filla, Asunción, estivo presa 12 anos repartidos entre o campo de concentración de mulleres de Santurran, en Guipuzcua, e as cárceres de Tui e Vigo, e un fillo, que non tiña 18 anos, preso tamén no penal de Pamplona.

A miña nai e miña Avoa, falaron co enterrador de Tui e catro anos despois de matar ao meu pai, un día ás cinco da madrugada, sacaron o cadáver da fosa común e levárono para casa do Ferruxo de Tui, un activista da memoria histórica. O seu pai era compañeiro do meu pai en Porriño, dos catro foi o único que se salvou. Deixaron na súa casa os restos durante cinco días e despois a miña nai enterrouno en Porriño no panteón familiar.

De cando falamos que aconteceu isto, tivo algún problema túa nai por facelo?

Isto foi cinco anos despois do levantamento militar, sobre o ano 41.

É curioso pero miña nai non tivo ningún problema, tiña a ilusión de poder levarlle flores á tumba do meu pai, como non podía xustificalo, a través dun irmán seu que era mestre, escribiulle unha carta ao Gobernador Civil solicitándolle permiso para trasladar o cadáver do seu marido de Tui a Porriño, ao día seguinte recibiu un escrito dándolle permiso para facelo.

Que lembranzas tes ti da túa infancia en relación a ese episodio tan dramático Raúl?

De pequenos nunca nos falaron disto.

Eu aos dez anos fun para o colexio de orfos ferroviarios de Madrid, levoume miña nai en tren un 5 de agosto do ano 44. Alí quedamos unha noite na casa dun amigo da familia para o día seguinte ingresar na escola, aos catro día de estar no colexio atopo na miña cama o uniforme da falanxe, eu non sabía que era ese traxe, o que pensei e que ía estar moi guapo con el. Conteillo a miña nai por teléfono e ela negouse a que vestira aquel traxe, se tiña que poñelo marchaba de volta para casa. O director, que sabía que eu quería quedar na escola, non me obrigou a vestir aquel traxe para que puidera quedar no colexio.

Alí pasei catro anos, coido que os mellores da miña vida, onde fixen amigos e compañeiros para o resto da vida.

Estando un verán de vacacións na casa, mirei un papeis ofrecendo traballo en Zeltia, presenteime e comecei a traballar aos 14 anos.

Eu quixera saber como soubeches do acontecido ao teu pai?

Eu sabía que meu pai morrera na guerra, pero non en que circunstancias. Desde o tema do traxe, miña nai comezoume a contar algunha cousa, pero non moito.

Raúl Francés

Cando comezou a túa labor de investigación para tratar de esclarecer as circunstancias da morte de teu pai?

Exactamente non che sei dicir, pero despois do falecemento de miña nai, sentino moitísimo e coido que foi aí cando comecei a investigar e buscar información, conseguín en Ferrol 500 escritos en relación ao seu falecemento, ela xa non podía contarme nada.

Hai algo máis de 20 anos, nun acto celebrado en Tui que organizaba o Ferruxo, convidoume a subir a mesa dos oradores, foi un acto onde as emocións as veces non che permitían falar. Ao decatarme de que todos tiñan moitos papeis e informacións intereseime en onde se podían conseguir e aí comecei a facer a miña procura de documentos no Arquivo Militar de Ferrol.

A represión cebouse especialmente na túa familia non Raúl?

Na familia si. O meu pai e dous irmáns, José, Eleazar e Antonio asasinados, Eladio estivo 18 anos preso en Pamplona, Asunción, presa tamén 12 anos en Santurran, no penal máis duro de mulleres en Guipúzcoa. Tres asasinados e dous presos. Dos sete fillos que tivo miña avoa paterna Orícera, só Josefa e Raquel libráronse da represión franquista.

Pero no só na miña familia, só en Porriño houbo 74 mortos, 50 porriñeses e 24 foráneos. Na volta da Moura 7 e en Tebra 5. En total foron 134 fillos orfos por culpa da represión.

E sentes algún tipo de rancor?

Eu non teño rancor ningún.

España, despois de Camboya, e o segundo estado do mundo que máis xente ten sen identificar soterrada nas estradas ou cunetas. Que lle dirías a aquelas persoas que poden simpatizar ideoloxicamente coa dereita, que consideran que non se debe tocar ese tema porque pensan que é abrir vellas feridas?

Paréceme unha hipocrisía moi grande, hai que seguir buscando.

Eu agora só me dedico á memoria histórica, vou a charlas, busco papeis. Vou organizar o acto da Volta da Moura, alí hai un monumento que aos poucos días de poñelo sufriu un atentado fascista. En Tebra fixemos outro monumento hai menos dun ano, alí mataron aos dous tíos meus, aos 8 días tamén apareceu picoteado, que pase isto é verdadeiramente incríbel. O da Volta da Moura houbo que mudalo e fíxose outro cun poema que escribiu o meu sobriño, este non, deixámolo así.

A miña nai tamén lle mataron a un irmán que era funcionario do Concello de Porriño, Víctor Valverde Mallo, fusilárono o 5 de agosto. Colleron na central de Porriño ao meu tío e tres máis, metéronos nun camión para trasladalos, creo que foi o meu tío que pediu unhas mantas e o camioneiro contestoulle que non lle ían facer falta, ao chegar ao alto do Confurco, estaban esperándoos alí e fusiláronos.

Para rematar, a sensibilidade da administración cara este tema, para ti é axeitada ou insuficiente?

Foi insuficiente desde o primeiro momento, pero aínda así hai xente que si se implica nos actos.

ANA MARÍA ALLER, PRESIDENTA DA COMISIÓN DE FAMILIARES DA MEMÓRIA HISTÓRICA DE MOS

Ana Aller A Nova Peneira
Ana Aller

Esta entrevista facémola en Marín, como é que unha persoa do Morrazo é presidenta dunha asociación da memoria histórica da Louriña?

Eu son a presidenta dunha comisión de familiares de persoas que foron asasinadas pola barbarie franquista no termo municipal de Mos.

Cantas persoas asasinadas en Mos tedes contrastada?

Temos contrastadas a 28 persoas, malia que no monumento decidimos reflectir a 29, porque incluímos á esposa de Ángel Matilde, el asasinado en Mos, e ela natural de Mos, asasinada dous días máis tarde en Salceda

E non contemplades a posibilidade de que sexan máis?, porque eu coñezo algún caso de persoas represaliadas que non aparecen nin en “Nomes e Voces”( estudo das tres universidades galegas que identifica a máis de 5.000 persoas que padeceron a represión franquista en Galicia) nin en ningún outro sitio

Sen ningunha dúbida que é así. E non poder ter identificadas a todas as persoas que sufriron calquera tipo de represión é unha frustración inmensa para min.

Como comezaches a implicarte na memoria histórica Ana?

Hai 12 anos, nunha visita ao rexistro civil de Mos, na procura da partida de nacemento dunha das miñas avoas, descubrín a partida de defunción dun dos meus avós.

E que descobres?

Que foi asasinado en Mos na estrada que vai de Redondela ao Porriño, no kmt 7 á altura de Louredo. Desde aí comezo unha labor de investigación continua ata que un día nun xornal da Louriña descubro unha relación de asasinados en Mos.

Supoño que ese episodio faría que a túa implicación emocional xa fose imparable?

Si, abofé que si. Cando coñecín esa terrible listaxe dedícome a ir constantemente ao rexistro civil de Mos a buscar a partidas de defunción de todas esas persoas, e ir unindo os nomes dos asasinados coas súas mulleres e os fillos e fillas que deixaban.

Vaia Ana, pero ese é un traballo de chinas

E non quedou alí, logo fun buscando na guía telefónica os nomes de todas as persoas que coincidían e chamándoos un a un.

Encontraches a algún?

Si, a algún si, e automaticamente póñome en contacto con dous familiares de asasinados, en concreto con Antonio Monroy e con Moncho Pérez.

Son netos de asasinados?

Non, son fillos, que pertence á asociación da memoria histórica de Vigo. Reunímonos na casa do seu presidente Telmo Comesaña, e eu cóntolles cal é a miña idea.

Cal é?

Trasladarlle ao concello a necesidade de recoñecer a memoria e a dignidade das persoas asasinadas a través dun monumento.

De que ano estamos falando?

Entre o 2006 e o 2007, estaba María Jesús Escudero na alcaldía de Mos.

Que sensibilidade encontraches no goberno que había daquela en Mos, o bipartito PSOE BNG?

Marabillosa, tanto por parte do Psoe como por parte do Bng, só podo dicir cousas extraordinarias en relación á sensibilidade coa memoria histórica do anterior goberno de Mos.

O monumento fíxoo Marcos Escudero verdade?

Si, de feito a nós presentóunolo María Jesús. El soubo entender perfectamente cal era a nosa idea e o que el fixo era exactamente o que nos queriamos.

O familiar teu asasinado era o teu avó materno non?

Si, el era Enrique Gómez Lores “O Acuña”.

Enrique Gómez A Nova Peneira
Enrique Gómez Lores “O Acuña”

Cóntame a súa historia?

El era de Lavadores, e foi asasinado en Mos. Estaba casado tiña 33 anos e cinco fillos, era dunha familia moi coñecida que alcumaban “os carabillóns”.Toda a súa familia era de esquerdas, e o día da lectura do bando de guerra en Vigo ,van á manifestación, suben e nese momento prodúcese o asalto ao chalé de Núñez, e os “carabillóns” son sinalados como parte dos asaltantes.

E foron a polo teu avó?

Si, aos poucos días, os asasinos foron buscalo á súa casa. A miña nai lembra como a miña avoa lle dicía: ”HENRIQUE NON ABRAS,HENRIQUE NON ABRAS” e el contestoulle: ”NON TE PREOCUPES VEÑO PRONTO”

A represión, na túa familia non só afectou ao teu avó verdade?

Efectivamente, da casa da miña bisavoa leváronse a catro homes e só se salvou o máis pequeno.

Asasinárono xa?

Non, el conseguiu escapar , e estivo fuxido nos montes ata o 12 de xullo de 1.937 que foi cando o asasinaron.

Caramba, estivo case un ano fuxido?

Si, case un ano agochado nos montes de Mos.

Como o collen?

No sumario figura que se elabora unha partida para “ limpar os montes de Mos”. Hai unha denuncia previa dunha veciña de Mos que lles di onde están agochados o meu avó e as persoas que estaban con el. Ese día seica ía unha calor abafante, houbo un enfrontamento armado e o meu avó foi asasinado xunto con tres persoas máis Aurelio Souto, e os irmáns Guillén.

Onde foi exactamente?

Pasando o alto dos Valos, onte na actualidade se encontra a empresa Dicardi, na estrada que sobe a Santiaguiño.

Ti fuches falar coa irmá da muller que fixo a denuncia verdade?

Si, pregunteille por que, e non me soubo responder , só me dixo que son cousas que pasaron hai moitos anos.

Onde os soterraron?

No osario xeral do cemiterio.

A sensibilidade da actual administración municipal de Mos é a mesma cá anterior?

Non. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo nunca participou nin se implicou na memoria histórica, pero tamén teño que dicir que tampouco nos puxo problemas. Nós consideramos que a memoria das persoas que defenderon ás liberdades fronte a barbarie do franquismo, merece un recoñecemento sen distinción partidista algunha.

Sentes rancor?

Non, de ningún tipo, nin sede de vinganza tampouco, só ansias de coñecer todo o que pasou e de tratar con xustiza a memoria de quen sufriu represión.

Que lle dirías ás persoas que simpatizan coa dereita ,estas que se refuxian no manido :”Iso pasou hai moito tempo, non é necesario abrir vellas feridas, miremos ao futuro e non ao pasado..”?

Ese tipo de persoas soen ser cristiás, levamos máis de 2.000 anos lembrando a memoria dun ser ao que non coñecemos que tiña unhas ideas marabillosas. Se eles poden recordar a un ser que pedía xustiza, amor e caridade, nós despois de 80 anos temos o mesmo dereito.

Rematamos a conversa Ana agradecéndoche a túa atención e convidándoche a que nos contes o máis salientable do acto que celebraredes o 6 de outubro?

Esta será a undécima edición, como cada ano reunirémonos as familias das persoas represaliadas convocando ao pobo de Mos a que participe con nós. Será o 6 de outubro ás 11,30 da mañá, e un acto familiar sen simboloxía política. Haberá música, poesía, intérprete de lingua de signos, lembranza as vítimas e unha ofrenda floral.


1 Comentario

  1. L
    Linda homenaxe feita por duas persoas
    Que loitan por que os nossos familiares sejam recoñecidos como personas que so querian igualdade de dereitos para todos !!!isso que se tiña votado nas urnas cando gañou à Republica…Eles non querian à igualdade de coñecimento para todos para acabar con à sumision dos pobres!
    Nos queremos justiza ,réparacion e mémoria historica para que nadie olvide e se habran as fosas en todas as cunetas de España. .

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*