Gonzalo Caballero

Gonzalo Caballero PSdG A Nova Peneira

Gonzalo Caballero é o SX do PSdeG, será o seu candidato á presidencia da Xunta, sen ningunha dúbida, nas eleccións autonómicas do ano próximo, e en verdade que ten moitas posibilidade de ser o próximo presidente da Xunta. Un ano máis tivo a xentileza de atender á Nova Peneira e con el mantivemos unha moi longa conversa na que falamos de todo; de política local, de política nacional e de política estatal. Gonzalo é un home tranquilo, pero á vez afronta con ilusión e intensidade a posibilidade, máis que verosímil, de protagonizar un cambio histórico que poña fin ao decenio negro de Feijoo na Xunta.

HAI UNHA NOVA MAIORÍA SOCIAL EN GALICIA, UNHA MAIORÍA PROGRESISTA QUE NOS DEBE LEVAR A UN NOVO CICLO POLÍTICO”

Imos comezar forte; estamos a falar co próximo presidente da Xunta?

Ao longo das tres convocatorias electorais no 2019 amosouse que hai unha nova maioría social no país, unha maioría progresista que fixo que o PP perdera eleccións en Galicia. Un 55% dos galegos votaron por forzas progresistas fronte a un 44% que votaron pola suma das tres dereitas, polo tanto hai un impulso de cambio, despois de 10 anos de Feijoo, que creo que debe levar a un novo ciclo político. Os socialistas galegos estamos preparados para gobernar se así o deciden as cidadás e os cidadáns galegos.

Esa resposta é moi parecida á túa primeira intervención no parlamento galego, na que tamén dixeches :”Señor Feijoo, deixe de confrontar e póñase a gobernar”. Explícanos iso?

O balance de 10 anos de Feijoo, é moi malo. Explícome: Perdemos poboación, perdemos dinamismo económico e carecemos de estratexia industrial, as políticas socias recortáronse drasticamente, a sanidade pública está nunha moi mala situación, o medio rural está abandonado…Galicia necesita un cambio, nesta lexislatura Feijoo non atendeu os problemas dos que aquí vivimos. Queda un ano e Feijoo debe decidir se se pon a gobernar dunha vez, ou se segue buscando escusas.

Antes confrontaches o voto progresista co das tres dereitas, no caso de que a ultradereita acadase representación no parlamento autonómico e cos seus votos Feijoo tivese opción de conservar a presidencia da Xunta, ti pensas que o PP recorrería a eles?

Non teño ningunha dúbida de que Feijoo pactaría coa ultradereita se lle fose necesario para manterse no poder. O mellor exemplo viuse en Ourense, cando dicía que Jácome era un alcalde letal para a cidade, e finalmente acabou por botarse aos seus brazos. Feijoo xa aplaudiu o pacto do PP con Vox en comunidades como Andalucía, Murcia e Madrid.

A facenda estatal débelle 700 millóns de € á Galicia, por que motivo non se soluciona ese tema?

Galicia careceu dunha política económica activa nos últimos anos. Nos últimos tempos Feijoo está formulando un relato do discurso do agravio con Galicia, que en realidade é a busca dunha táboa de salvación ante o seu fracaso, facendo un discurso falaz e demagóxico, que busca a confrontación seguindo os ditados da rúa Génova. A actualización das entregas a conta está garantida polo goberno de España.

Si vale, pero por que non se fai?

O partido socialista levou uns orzamentos ao parlamento que incluían 7.000 millóns máis para o financiamento das distintas comunidades e que incluían as entregas a conta. O PP vetou eses orzamentos e deixou un goberno en funcións .O PP sabe perfectamente que non se poden actualizar as entregas a conta mentres haxa un goberno en funcións.

É legalmente imposible?

A avogacía do estado ten clarificado que é inviable. O goberno está plenamente comprometido coas entregas a conta e está a buscar o mecanismo legal, excepcional, que o permita facer de aquí a fin de ano. Todo o relato de Feijoo do agravio vai rematar moi pronto, xa veredes como é así. Montoro negaba por carta ás comunidades facer as actualizacións e Feijoo calaba e aplaudía, e agora non fai máis que teatro.

Antes falaches do deterioro do sector industrial. Que faría para revertelo un goberno presidido por ti?

Non hai que terlle medo á política económica que inclúe á acción positiva na procura de investimentos, a definición de obxectivos que marquen sectores económicos prioritarios, os grandes acordos cos axentes económicos e sociais, a potenciación das áreas punteiras..en definitiva o grande reto é ter política económica.

Neses sectores estratéxicos que mencionas está o sector naval?

Este é un sector que ten que manter a súa actividade, pero adaptándose aos novos tempos. A actividade deste sector acadou cun goberno socialista o investimento máis alto, e me refiro á construción das 7 fragatas de Ferrol.

O de Ferrol está moi ben, pero cal é a túa opinión sobre o peche de Vulcano?

Hai actividades industriais con situación moi complexas e desde logo hai que buscar mecanismos de saída, ou polo menos de substitución de actividade que permitan acompañar aos traballadores.

En relación coa situación do naval podemos falar da viaxe do presidente á Arxentina?

Si, igual ca no caso de PEMEX, unha nova promesa de fume.

O mesmo día que facemos esta entrevista, o BNG, na xunta de voceiros do concello de Vigo, formulou unha proposta para que o Concello emitise unha declaración institucional de apoio á continuidade de Vulcano, e o PP vetouna, pero o PSOE tamén, que tes que dicir ao respecto?

Ese tipo de cuestións locais debería respondelas o responsable local, pero eu teño clarísimo que non hai ninguén que defenda os intereses da cidade de Vigo como o seu alcalde e o goberno socialista. Supoño que o motivo é que habería algo no texto que non puidese ser asumido.

O único responsable da falta de acordo entre o PSOE e PODEMOS é Podemos?

O partido socialista gañou as eleccións e foron as outras forzas políticas ás que bloquearon a investidura .Non hai ningunha alternativa a un goberno presidido por Pedro Sánchez.

Recentemente lin un artigo no que o articulista manifestaba que se equivocou co seu voto ao partido socialista e que se decatou da súa equivocación xusto o día das votacións ao constatar a cara de manifesta incomodidade de Pedro Sánchez cando os e as simpatizantes socialistas berraban:” Con Rivera no, con Rivera no”

Ben, esa é unha apreciación subxectiva que eu non comparto. O partido socialista chegou a ofrecer a Podemos unha vicepresidencia e 3 ministerios que eles non aceptaron, o que amosa con claridade que nós si intentamos un goberno de coalición.

Que escenario contemplas o 10 de novembro?

España non pode correr o risco de retroceder da man das tras dereitas. O PSOE é o partido que mellor conecta coas maiorías sociais para construír unha maioría progresista. A España foille ben co goberno de Sánchez; subíronse as pensións, avanzouse na loita pola igualdade e na protección dos segmentos máis vulnerables.

Non tocastes nin a lei mordaza nin a reforma laboral?

Foi menos dun ano de goberno en circunstancia moi complexas, pero sen dúbida hai moitas cousas que tocaremos no futuro, pero o que temos enfronte é a involución e o retroceso social.

Falemos do máis próximo, os concellos. Supoño que os resultados globais das municipais de maio en Galicia deixaríanche moi satisfeito?

Si claro, gobernamos 5 das 7 grandes cidades e 3 das catro deputacións. E só o esperpéntico pacto do PP con Jácome, impide que gobernemos Ourense tamén. Temos 1.181 concelleiras e concelleiros e máis de 100 alcaldías. O 55% das cidadáns e cidadás de Galicia están gobernados por alcaldes ou alcaldesas socialistas.

E achegándonos á nosa área de influencia, supoño que a satisfacción é maiúscula?

Pois a verdade é que si, que dicir dos históricos resultados de Vigo, e nas vilas da contorna pois tamén, resultados como as maiorías de Nigrán, Tui, Gondomar ou Pontecaldelas, a recuperación para a esquerda de Redondela ou Baiona…fixéronme moi feliz, porque teño a certeza de que suporán que as persoas teñan unha administración municipal máis xusta e máis eficaz ao seu servicio.

No concello de Porriño conservastes a alcaldía por 9 votos fronte a 8,sendo decisiva a posición do concelleiro independente ex pp Manuel Carrera, que pouco despois de darlle o seu voto á alcaldesa do PSOE Eva García De La Torre foi contratado pola DEP de Pontevedra. Tiveches ti algo que ver nese asunto?

En Porriño mantense o proxecto socialista ao fronte do Concello, e a alcaldesa que soubo realizar por vez primeira na historia políticas de progreso nese Concello.

Xa para irmos rematando Gonzalo, situándonos nun escenario realista es consciente de que se o PP perde a maioría absoluta ti vas ter que pactar con outras dúas forzas?

Nós temos que dedicarnos a convencer ao noso electorado para unha mobilización masiva para botar á dereita e desde logo que desexo que o resto de forzas progresistas fagan os seus deberes da mellor maneira posible.

Pero ti non terás ningún problema, supoño, en sentarte con Ana Pontón con Eva Solla ou con quen faga falta para pactar o que sexa necesario?

Eu teño claro que o diagnóstico de todas as forzas progresistas coincide na necesidade de botar á dereita da Xunta de Galicia.

Que tal a túa experiencia no parlamento?

Estou cómodo e agardo estar á altura das circunstancias.

Agora si que rematamos, se es presidente da Xunta vas seguir conversando de cando en vez con este humilde xornal, ou pasarás a ser inaccesible para nós?

Se as galegas e os galegos danme a inmensa honra de ser o seu presidente, seguirei concedendo entrevistas á Nova Peneira, como xa temos feito noutras ocasións.

1 Comentario

  1. Eu quixera dicirlle a Gonzalo que así non, que non pode pasar de longo ante a aporofobia que practica o seu tío Abel en Vigo, que non temos confianza algunha nunha muller que ama o poder e os seus beneficios (practicando o nepotismo cada vez que ten oportunidade!)

    Sentimos vergoña de ser vigueses… Así non !
    https://twitter.com/GamelaNova/status/1175305920370434048

    A democracia non é “contara xente” senon que a xente conte!
    https://twitter.com/GamelaNova/status/1176053032506859520

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*