O grupo coruñés Avelaíña gaña o Concurso de Gaitas do País

Gaitas Concello de Ponteareas A Nova Peneira

O segundo premio foi para o grupo Rodamuíños do concello de Mos

Ponteareas, 23 de setembro de 2019

O grupo Avelaíña de Teo, A Coruña, gaña o LII Concurso de Gaitas do País organizado polo concello de Ponteareas. O grupo formado polos gaiteiros Xesús Rodríguez Callejón e Raquel Vilas Otero, polo bombeiro Ricardo González Martín e polo tamborileiro Santiago López Suárez faise co primeiro premio do concurso de gaitas máis antigo de Galicia recibindo un premio de 1800€.

O segundo posto foi para o Grupo Rodamuíños de Cela, Mos, o terceiro para o grupo Soñíria de Vigo e o cuarto premio para o grupo Bran Cuartet. Así o decidíu o xurado composto nesta ocasión por José Manuel Gil Rodríguez, Xiana Teixeiro Rei, Antonio Gutierrez Pereira, Xulia Feixoo Martínez e o polifacético produtor e músico Cristian Silva.

Este Xurado decidíu outorgar unha mención especial ao grupo  “Aula de toque pechado de gaiteiros  das Rías Baixas” pola súa labor na recuperación de técnicas  e composicións. E outra ao grupo “Anaquiños da terra – Xuventude de Galicia” de Lisboa, polo seu labor por manter as tradicións e espírito galego fóra das nosas fronteiras.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, agradece a todos os grupos a súa participación ofrecendo unha xornada de festa, de folclore galego, de tradición e de posta en valor dunha parte da cultura galega.