Néstor Rego

Néstor Rego BNG A Nova Peneira

Candidato nº1 do BNG pola Coruña nas eleccións estatais de novembro

O vindeiro 10 De Novembro teremos, novamente, eleccións ao parlamento do estado. O nacionalismo galego nas celebradas o pasado mes de abril estivo cerca de recuperar a súa representación, e desta volta semella que está moito máis preto, de feito as primeiras enquisas así o apuntan. O profesor Néstor Rego Candamil, encabezará a candidatura do Bloque na provincia da Coruña e nós achegámonos a Santiago a compartir unha agradable conversa con el. Velaí vai o que deu de si

A PROPOSTA POLÍTICA DO BNG É PARA AS MAIORÍAS SOCIAIS DE GALIZA;CADA GALEGO,CADA GALEGA,SEXAN OU NON SEXAN NACIONALISTAS, PODEN ESPERAR DE NÓS A DEFENSA ROTUNDA DOS SEUS INTERESES”

Acabamos de recibir a nova de que repites como cabeza de cartel do BNG nas eleccións estatais de novembro, pola provincia da Coruña, con que ánimo as afrontas?

Con moitísima ilusión , coa convicción de que desta vai, e coa seguridade que o BNG vai recuperar a presenza no congreso, que é tanto como dicir que Galiza vai recuperar unha voz propia en Madrid, unha voz soberana que faltou ao longo destes últimos anos

Todo indica Néstor, que haberá unha importante atomización nas propostas de esquerda que vos presentaredes a esa convocatoria electoral, e en relación con iso, dicía a deputada Yolanda Díaz que “os proxectos madrileños aquí non callan ben”

É curioso que diga iso ,cando ela representa un deses proxectos con epicentro en Madrid, ao servizo dos intereses de Unidas Podemos, que é necesario lembrar o feito de que teñen deixado de lado os intereses de Galiza en numerosas ocasións, como por exemplo os orzamentos do 2.019, terribles para o noso país, e que ela votou a favor. Ten razón Yolanda Díaz; os proxectos con base en Madrid, non son positivos para nós. O que precisa Galiza é Menos Madrid e Máis Galiza

Nestes anos nos que estivestes fóra do parlamento do estado, a defensa dos intereses de Galicia en Madrid foi menos intensa que cando estabades vós?

Eu teño a convicción de que o podemos dicir así de maneira obxectiva, e para sostelo podemos tomar diversos indicadores; desde a presenza de Galiza nos debates parlamentares ata os investimentos. No ano 2.009, nos últimos orzamentos que o BNG negociou co goberno Zapatero os investimentos en Galiza superaron os 2.000 millóns, e 10 anos despois, neses orzamentos que Podemos e Psoe votaron a favor, pouco superaban os 700 millóns.

Cales son os problemas máis significativos do país Galego que porías enriba da mesa no caso des seres deputado?

A situación das empresas en crise con milleiros de postos de traballo en risco de se perder, particularmente no sector das electrointensivas, a defensa da tarifa eléctrica galega que baixase de maneira significativa os custes de enerxía, a transferencia da AP9,a perda dos noso sectores produtivos, a perda demográfica, a destrución e precarización de servizos públicos básicos como a sanidade e a educación, a defensa do noso idioma e da nosa cultura..en definitiva todo aquelo que sexa necesario para facilitar a vida das persoas que vivimos en Galiza.

Sobre as dificultades dos sectores industrias teño que dicir que na nosa área de influencia atinxen especialmente ao sector naval; Vulcano após 100 anos pecha, e agora semella que un horizonte moi preocupante ameaza a Barreras?

É un indicativo máis da dramática situación industrial do noso país, e como non lle poñamos coto de contado pode ocasionar unhas consecuencias sociais enormemente negativas .No que se refire ao tema do sector naval vigués quero dicir que o BNG de Vigo presentou no concello a proposta dunha declaración institucional de apoio a Vulcano que non só foi rexeitada polo PP, o PSOE ,por desgraza, tamén fixo o mesmo. O que se precisa son políticas de reindustrialización, e iso pasa por asentar a pouca industria que temos. O goberno galego e o español deben de tomar en serio dunha vez o mantemento do sector naval nas Rías Baixas.

E non o toman en serio?

Evidentemente non, cando as forzas políticas que representan ambos gobernos nin sequera están dispostas a apoiar unha declaración institucional no concello de Vigo ao respecto.

En relación co tema de Endesa?

Nós sabemos que é preciso unha transición enerxética, pero ten que ser xusta co noso país. Non pode supor o desmantelamento de centos de postos de traballo sen ter unha alternativa.

Cal é a vosa posición no que respecta ás entregas a conta deses 700 millóns de € que supostamente a facenda estatal debe a Galicia?

O presidente Feixoo estivo alimentando durante meses, por intereses partidistas, un debate fraudulento. É verdade que é inxusto que o goberno español reteña eses cartos, pero, o problema de fondo é que o goberno español controle os nosos impostos. O BNG defende que nós recademos os nosos impostos e nós decidamos en que os investimos e que nun acordo co estado entreguemos a parte que poida corresponder aos servizos que dependan do estado, é dicir un modelo de concerto económico como ten Euskadi.

Un modelo económico como o de Euskadi, é factible para o noso país?

É factible no inmediato, se houbera vontade para facelo. Non é verdade que nós vivamos da solidariedade do estado, ese é un discurso radicalmente falso. Nós vivimos do noso traballo e do noso esforzo. Galiza perde cada ano 1.300 millóns de € entre o que pagamos en impostos e o que recibimos vía transferencias do estado, sen tomar en conta que hai moitas empresas que operan en Galiza e que pagan impostos en Madrid, como é o caso por exemplo de Endesa.

Os datos do IGE ,que acaban de saír, sobre a saúde do noso idioma son estarrecedores, a batalla polo idioma está perdida?

Eu creo que non, ten moito que ver coa vontade política de normalizar o uso do noso idioma e de incentivar a autoestima colectiva como pobo galego. Os datos aos que te refires, efectivamente son dramáticos e, non son máis que a plasmación do resultado das políticas contrarias ao idioma de Galiza que ten desenvolvido o PP.

Ti es un dos 19 de Meirás, como vai ese asunto no momento presente?

Continuamos pendentes de que nos comuniquen a data na que se celebre o xuízo.

Vaia, finalmente vaise chegar á situación da celebración dun xuízo ?

Todo indica que si. É evidente que é un despropósito tanto político como xurídico. O que semella claro é que esa acción simbólica tivo un efecto moi positivo para situar na axenda política a necesidade de recuperar non só o Pazo senón todo o patrimonio espoliado polos Franco.

Nunha cadea supostamente progre, un xornalista presuntamente progre recentemente entrevistaba a un deputado de ERC, e falando sobre os CDR detidos preguntoulle se tiña algunha proba de que esas persoas non fosen terroristas

É escandaloso, é un síntoma da escasa calidade democrática do estado español e dos evidentes intentos de criminalizar ao nacionalismo. Non é o acusado o que ten que amosar que é inocente, é o que acusa quen ten que demostrar a culpabilidade do acusado, isto é de primeiro de dereitos humanos, pero neste caso, se un é nacionalista dáselle a volta é ten que demostrar que é inocente. A defensa da democracia e os dereitos cívicos é para nós unha prioridade e o BNG unha das primeiras cousas que vai defender no congreso é a derrogación da lei mordaza, porque incriblemente o PSOE que leva máis dun ano no goberno, co apoio de Podemos, non a tocou.

Dicía o SX do PSdeG nunha entrevista que lle fixemos recentemente que non a tocaron por falta de tempo

O que non tiveron foi interese político en facelo como tampouco o tiveron en derrogar a reforma laboral.

Se ti es deputado as traballadoras e traballadores deste país poden ter a convicción de que vas manter unha posición belixerante contra a reforma laboral?

Si, rotundamente si. O BNG non só di que está en contra da reforma laboral senón que se mobilizou na rúa co sindicalismo nacionalista en todas as protestas contra ela e na necesidade de recuperarmos dereitos laborais e sociais. A precariedade e a pobreza están xeneralizadas e incluso atinxen a persoas que teñen traballo, que hoxe xa non garante unha vida digna.

Se non hai adianto electoral, nun ano teremos autonómicas, como as afronta o BNG?

Coa expectativa da necesidade do avance do nacionalismo para podermos acabar con este decenio negro do presidente Feixoo. Nós temos a certeza de que, como cremos que vai ser, se o próximo 10 de novembro conseguimos recuperar a presenza en Madrid, poderemos fortalecer as nosas opcións, xa agora moi positivas, para as autonómicas do ano próximo.

Ves a Ana Pontón presidenta da Xunta?

É un obxectivo ambicioso pero é a perspectiva coa que imos traballar. Non se trata de quitar ao PP para pór a outro partido de ámbito estatal que faga políticas semellantes. O modelo económico non serve para darlle solución aos nosos problemas, hai que superalo e ir a un modelo que nos dea soberanía para decidirmos sobre os nosos asuntos e control sobre os noso recursos e infraestruturas.

Diríxete aos non convencidos, que poden esperar dos deputados e deputadas do BNG no parlamento español?

A firmeza absoluta na defensa dos seus intereses, a firmeza para erguer a voz e que todo aquelo que atinxa a Galiza estea presente nos debates.

Sen ser nacionalista pódese votar BNG?

Claro que si, a nosa proposta política é para o conxunto de Galiza, para as maiorías sociais que representan as clases populares. O noso compromiso e estarmos sempre a dispor da maioría social para defender aquelo que é de xustiza.

Rematamos Néstor, poderemos tomar o ano próximo ese café que temos pendente en Madrid?

Desta vai, agardo que o ano próximo tomemos ese café en Madrid.