Gustavo Barcia, Concelleiro do BNG en Mos

Gustavo Barcia A Nova Peneira Concello de Mos

Por desgraza para os intereses xerais da veciñanza de Mos, só unhas poucas ducias de votos determinaron que o nefasto goberno dese concello, dirixido por unha alcaldesa nefasta, conservase a 9 acta na corporación municipal e polo tanto a maioría absoluta. Unha vez asegurado o control político do concello, a voracidade do capitalismo salvaxe carente de escrúpulos lánzaos a tentar arrasar cos montes do seu concello para favorecer intereses particulares nunha operación especulativa de manual: expropio o que non é meu, compro barato, e logo vendo caro. Lamentablemente aos lexítimos propietarios do monte de Tameiga, non lles vai quedar máis remedio que a vía xudicial para tentar parar semellante barbaridade. Agardemos que a xustiza dos homes sexa xusta e poña a alcaldesa de Mos no seu sitio, pero non temos ningunha dúbida de que a historia, a xuíza máis inexorable de todas ,emitirá máis cedo que tarde o seu veredicto e que este dirá con claridade que quen bipolariza á sociedade, quen a divide en amigos/inimigos en bos/malos en comigo/contra min, quen non lle importa arrasar coa natureza merece pasar á historia con letras de ouro, si, pero nos anais da ignominia política. A Nova Peneira, conversou con Gustavo Barcia, concelleiro do BNG para coñecer a súa opinión sobre o estado das cousas no que se refire ao proxecto do Celta e do PP.

Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

A ALCALDESA NON BUSCA O CONSENSO, BUSCA A CONFRONTACIÓN, QUE É ONDE ELA SE ENCONTRA CÓMODA”

100 días despois de ter tomado posesión da túa acta de concelleiro e de seres a voz do nacionalismo galego no concello de Mos, que valoración fas destes meses?

Meses moi intensos despois de comprobar que a actitude do goberno segue a ser a mesma de prepotencia e total desprezo cara a oposición, aos concelleiros e, sobre todo á veciñanza que nós representamos, que se merece tanto respecto como a dos votantes do PP. Desde logo a actitude da alcaldesa e deste goberno é todo o contrario á actitude respectuosa.

40 votos determinaron que a alcaldesa de Mos conservase a súa maioría absoluta, 40 votos decidirán que se arrasen cos montes de Tameiga?

PSOE, Gañamos e o BNG representamos o 51% dos votantes do concello, o PP, que goberna, o 47% e un 2% de votos nulos ou en branco. Foron 40 votos os que determinaron a maioría absoluta do PP, non lle restamos lexitimidade ao PP e a Nidia Arévalo para ser alcaldesa e gobernar este concello pero, que si, cando se toman decisións deste calado, si que hai que telo en conta. Igual que aos cataláns se lle di que con un 47% non se poden independizar, tampouco en Mos con un 47% dos votos sería lóxico que se arrase ou expropie con 1.000.000 de metros cadrados de monte.

Contemplas a posibilidade dunha volta atrás como, por exemplo, fixo o PP de Baiona co seu proxecto de chantar un campo de golf na Serra da Groba? ou hai tanto interese en xogo que xa o goberno de Mos non vai recuar?

Por desgraza creemos que nin por asomo ten a intención de recuar, vimos a súa actitude no pleno pasado, o desprezo co que tratou á oposición é unha mostra de que ten a intención de ir ata o final, pase o que pase, e custe o que custe.

Creemos que é unha mala nova que o único que fai e dividir á veciñanza, non só na parroquia de Tameiga, senón en todo o concello. Dividido entre bos e malos veciños.

Cando a alcaldesa antes das eleccións dicía que só se faría con acordo cos veciños, mentiu? vaise facer con expropiación ou contemplas algunha outra hipótese?

Na documentación oficial, que foi a que votamos o mes pasado, en ningún momento aparece outra palabra para a adquisición de terreos que non sexa expropiación. No documento económico a palabra expropiación aparece 22 veces e na memoria do proxecto 18. Sen embargo a palabra, negociar, negociación, mercar ou permutar aparecen 0 veces.

Mentiu, ela di algo que lle debe de gustar moito ao PP como, permuta en forma de simulación en diferido, nós votamos unha expropiación e ela o que di e que vai chegar a un acordo, pero antes as nosas preguntas no pleno, nas que insistimos varias veces sobre se non hai acordo que pasa, en ningún momento se atreveu a dicir que se non hai acordo, vai haber expropiación. Sen embargo un 97% dos comuneiros dixeron que non quería chagar a un acordo, nin por expropiación, nin por permuta. Non o queren e son os lexítimos donos do terreo.

Nas xuntanzas tan tensas que está a haber estes días, o goberno de Mos facilita conscientemente a entrada aos seus acólitos e dificulta a de persoas que saben contrarias ao proxecto do Celta?

O pleno pasado foi algo bastante curioso, comezaba ás 10 pero xa dúas horas antes había xente partidaria, militante ou afín ao PP esperando nas portas. Limitouse a menos da metade do aforo que ten o auditorio do Pazo de Mos, pediuse identificación a parte dos veciños para poder entrar e chegando a non deixar entrar aos periodistas por non ter acreditación, cando en ningún momento o concello enviou a notificación de que se tiñan que acreditar e é o propio concello quen ten que dalas. Todo por non deixar pasar a uns periodistas que non son afíns á causa. Isto denunciámolo ao principio do pleno.

Tamén prevendo a situación, o xoves pasado, o BNG rexistrou por escrito no concello que se celebrara o pleno no multiusos das Pozas. É un sitio con moita máis capacidade, e se no caso que se previra algún incidente que houbera que evacuar, son unhas instalacións cuns accesos máis amplos e moito máis fácil de evacuar. Aquí non se molestaría á veciñanza e non se lle impediría a moitísimos veciños poder acceder a este pleno.

Cal é a túa valoración sobre o feito de ter obrigado a máis dunha ducia de persoas a declarar de urxencia no cuartel da Garda Civil?

Este punto non remato de entendelo. É certo que a Garda Civil citou a declarar a varios veciños polos incidentes, pero a cuestión é que se intenta criminalizar aos veciños.

Os incidentes da charla que tratou de dar a alcaldesa o martes pasado, non os iniciaron os veciños, os veciños que estaban alí foron convocados pola propia alcaldesa, nunha carta que enviou o tódolos veciños de Tameiga, na carta non diferenciaba que só podían entrar os que estaban a favor e fóra tiñan que quedar os que estaban en contra.

O conflito iniciouse no momento en que a alcaldía deu orde que se identificara aos veciños, principalmente aos de verde, temos constancia por imaxes. Hai outros veciños, probablemente partidarios, que entraban por outra porta do multiusos, e a eses non se lles pedía identificación. Aquí comezou o conflito, os veciños o único que fixeron foi protestar e esixir que se lles deixara entrar coma calquera veciño a unhas instalacións públicas.

Evidentemente, condenamos que se agrida a un veciño, pero tamén condenamos que se trate de criminalizar a outros veciños que non están de acordo coas posturas do goberno local.

Entón o goberno de Mos intenta criminalizar ás persoas que se opoñen ao proxecto do Celta?

É evidente. Se un veciño comete a falcatruada de agredir a outro veciño, hai que condenalo, pero ese veciño non responde por toda a veciñanza.

Non hai acción de goberno máis irresponsable que aquela que bipolariza á sociedade..este goberno non se decata de que está sementando a discordia entre a sociedade mosense? ou sinxelamente non lle importa?

Por desgraza parece que non lle importa.

A alcaldesa chegoume a dicir que a min me molestaban os millonarios, e non é así, a min o que me molesta é que un goberno se poña ao servicio duns particulares en contra do criterio dunha parte importante, neste caso maioritaria, da veciñanza mosense.

A Nidia dálle igual, só lle falta dicir isto vaise facer polos meus ovarios. Unha actitude totalmente irresponsable

Nidia non busca consenso nin dialogo coa oposición, o único que busca é a confrontación porque é onde se sinte cómoda. Se ela di que quere ir todos en conxunto, o normal é que se moleste en poñerse en contacto coa oposición para saber a nosa opinión, é non o fai.

E que nos dis do prezo da expropiación a 1,5€ o metro cadrado?

Aquí hai que aclaran algúns dos puntos do proxecto que non están claros, un é este.

Tal e como está redactado, non se sabe canto se vai pagar, ese 1.5€ sería o prezo medio que se pagaría de indemnizacións sobre o que hai no terreo como alpendres, alboios, plantacións, depósitos… Despois hai un apartado que di que o custe total das indemnizacións e de terreo ascendería a case 14.000.000€, pero no fai diferenciación, no documento non aparece realmente o prezo do terreo.

Cal vai ser a acción política que vai desenvolver o BNG no futuro inmediato no que respecta a este asunto?

Vaise basear en varios eidos.

Vai ser o combate político a nivel local no pleno, mostrando a nosa postura contraria; combate administrativo presentando as alegacións pertinentes e buscaremos o combate político a nivel doutras institucións, porque creemos que tamén teñen que dicir algo sobre este tema.

Estades en contacto coas outras forzas da oposición para desenvolvelas en conxunto?

O que temos claro e que para nós isto é un “pelotazo”, que se compra terreo de monte barato para recalificalo como urbanizable para que logo o Sr. Mouriño o venda xunto co Celta, xa se demostrou que é o que quere.

Coa oposición temos as nosas diferenzas. O BNG está en contra de todo o proxecto, outros partidos teñen unha postura diferente, pero o que temos claro é que é un pelotazo urbanístico con tódalas letras e con eses pequenos matices que poidamos ter, nese eido estamos unidos e trataremos de levar ao máximo posible esa unidade de acción para intentar que isto non siga cara adiante.

Contemplades a posibilidade , como BNG, de chegar a xudicializar o tema?

Creo que a xustiza ten que ser case o último recurso á hora de facer política, pero non o descartamos. Creemos que aquí hai argumentos e indicios suficientes para que isto non se leve a cabo. Nós seguimos sen ver o interese público deste macro-proxecto do Centro Comercial, por moito que diga alcaldesa que en Mos non ten onde mercar zapatos, como dixo no pleno, para nós o de ir mercar zapatos non é de interese público.

Entón ao goberno de Mos o de fomentar o comercio local dálle igual?

No pleno deixou entrever que en Mos non hai comercio local e deixou entrever tamén que lle da igual.

Tamén lle da igual o pequeno comercio de Vigo ou do Porriño, unha postura que non entendemos. Nidia chegou a dicir literalmente que defende ao territorio, como se estiveramos na Idade Media. Só lle falta saír a cabalo e enfrontarse a Abel Caballero nunha xusta.

Reiteramos que non ten que defender ao territorio, ten que defender aos veciños e veciñas do Mos, como aos cidadáns neste caso, non pode dicir que lle dan igual os veciños do Porriño porque convivimos con eles.

Rematamos Gustavo, se como parece o PP perde a Xunta no 2.020, poderase parar este despropósito?

Da a sensación de que iniciaron este proceso axiña precisamente polas elección á Xunta. Se nada muda e non hai retrasos nos informes pertinentes, isto aprobaríase definitivamente en maio do 2020. Da que pensar de que queren apurar os prazos para que se aprobe antes de que haxa eleccións.

Eu creo que si muda a Xunta isto non sae adiante, non por que cambie a cor política, senón porque se lle vai dar prioridade e ter en conta cousas tan importantes como é o Medio Ambiente. Este proxecto é unha desfeita medioambiental, ou o tema de interese público. Interese público é un hospital ou un instituto, non un Centro Comercial.

Moitas grazas Gustavo, queres dicir algo máis para as veciñas e veciños?

Dicir que é lamentable o pleno do luns, a actitude de desprezo e de falta de respecto que tivo a alcaldesa aos concelleiros da oposición é algo lamentable e triste.

Tamén e triste que se utilice á veciñanza para aplaudir ese tipo de actitudes e que non se permita ás veciñas e veciños acceder ao pleno. Foi algo sub-realista, con mencións persoais no pleno cara concelleiros. Os concelleiros tamén somos veciños e creemos que nos merecemos o respecto do goberno, e non se está facendo.

Quizás sexa a parte máis triste de todo isto, confrontar aos veciños, e todo propiciado para favorecer a un señor empresario que só vai mirar polos seus intereses monetarios, non ven a agasallar nada ao concello.