A Rede Cidadá Sare de Euskal Herria

RED SARE A Nova Peneira
Xoán Alonso

SARE é unha plataforma cidadá, que xorde da sociedade civil vasca. Eles defenden a necesidade da resolución integral do ciclo de violencia que sufriu Euskadi en base ao recoñecemento da dignidade e da dor das vítimas, e do respecto aos dereitos humanos das persoas privadas de liberdade. Nós falamos con dous dos seus portavoces; MIKEL e JOSU

O NOSO LEMA É: DEREITOS HUMANOS, RESOLUCIÓN E PAZ”

De onde vides e cales son os vosos obxectivos?

Despois de que en 2011 ETA abandonase as armas, ábrese un novo ciclo no que ao noso entender era absolutamente imprescindible o recoñecemento a reparación e a xustiza para todas as vítimas. E cando digo todas, digo todas sen excepción

Tamén traballades cos presos non?

O respecto aos dereitos humanos dos presos e presas é tamén esencial desde unha perspectiva ética. En definitiva nós reivindicamos unha resolución integral tanto no tema das vítimas, refírome ao necesario recoñecemento a esas persoas, como no respecto aos dereitos dos presos.

E cal é a motivación da vosa labor?

Pechar de maneira efectiva o ciclo de sufrimento que padeceu este pobo, e pechalo ben para que todo o mundo se sinta resarcido, e poidamos mirar cara ao futuro, sen esquecer o pasado pero construíndo todas e todos.

Cando nace SARE?

No Ano 2015

Supoño que para pechar de verdade este espantoso ciclo de dor e violencia, a sociedade civil terá que asumir un papel moi relevante?

Abofé que si, ten que ser así porque por desgraza aos partidos políticos semella que lles importa máis o interese particular da súa formación política.

Como foron estes catro primeiros anos de vida de SARE?

Ao noso entender conseguimos un acordo de base social ampla no que se refire ao respecto aos dereitos humanos dos presos, bo exemplo de elo son os acordos logrados nos parlamentos de Gasteiz e Nafarroa, ou o feito de que 60 concellos teñan aprobado mocións en prol de rematar coa dispersión.

Ese “acordo social” que mencionas é plural e transversal, ou só abrangue a unha parte da sociedade?

Se non fose plural non nos serviría, temos feito mobilizacións ao respecto que congregan a ducias de milleiros de persoas, con sensibilidades moi diversas, só así se poderá pechar de verdade o ciclo da violencia.

A política penitenciaria do goberno Sánchez mudou en relación coa do goberno Rajoy?

Practicamente nada.

E cales serían os motivos ao voso xuízo?

Interese político, por desgraza como che dixemos antes semella que o cálculo do rédito político importa máis que os dereitos humanos, o interese está por encima dos valores.

Falemos da política de dispersión?

Foi unha decisión claramente política que xera un sufrimento aos presos e aos familiares.

Se foi unha decisión política facela, tamén terá que ser rematar con ela?

Desde logo que si, e nós como rede cidadá traballamos para crear acordos sociais o máis amplos posibles que vaian nesa dirección.

Rematar coa política de dispersión sería un privilexio para presos que en moitos casos cometeron terribles asasinatos?

Non, de ningún modo sería un privilexio, só sería respectar os dereitos humanos e a lei.

Creo que vós defendedes en relación cos presos e presas catro puntos de mínimos, que considerades imprescindibles para a normalización plena do país, non?

-Terminar coa política de dispersión, só un 2% dos presos de ETA están en cárceres vascas.

-A liberdade dos presos gravemente enfermos, ou como mínimo que teñan o dereito a recibir unha atención adecuada

-A progresión de grado penitenciario. Se estás en primeiro grado é imposible acceder ás vías que non futuro che dean a liberdade. E máis do 90% dos presos de ETA están en primeiro grado, cando arredor do 80% da poboación penitenciaria está en segundo grado.

-A refundación de condenas. Se tes cumprido un tempo de condena nun país, ao nos xuízo, se é polo mesmo delito ese tempo debería ser descontado cando ingresas na prisión doutro estado. Porén por desgraza en Estrasburgo dixéronnos que non.

E vós supoño que entenderedes que os colectivos de vítimas de ETA amosen rexeitamento a ese tipo de medidas?

Nós pensamos que hai moita desinformación e que cómpre facer moita pedagoxía. Quero deixar moi claro que non queremos esquecer o que pasou, que recoñecemos a dor das vítimas e dos seus familiares, pero consideramos que debemos construír o camiño para que as novas xeracións non herden o sufrimento que padecemos.

O recoñecemento da dor causada só se lle esixe a unha parte?

Si.

Eu podo entender ,a dor de todo tipo de actores, e comprendo que quen a sufriu nas súas carnes, ou nas dun ser querido, sintan rabia e frustración ante as medidas en prol dos que a causaron. Entendo que é dificilísimo pechar feridas tan intensas, ás veces non pensades que ides demasiado rápido?

Nós respondémosche con outra pregunta; a quen lle interesa prolongar un conflito deste tipo? Quen pode querer que se enquiste na sociedade?. Nós sabemos que este é un camiño longo, duro, e moi complexo. Hai vítimas que senten rancor e incluso odio, e nós entendémolo, pero tamén as hai que comprenden que a nosa aposta é sincera e construtiva e nos apoian mesmo acoden ás nosas mobilizacións.

Eu teño a sensación de que, nas rúas, a división da sociedade en bandos afortunadamente semella que se vai esvaecendo aos poucos, creo que Euskadi se parece cada vez máis a un país normal?

Si afortunadamente é así. E nós estamos moi orgullosos de participar dese camiño co noso lema que pretendemos que sexa a nosa filosofía de traballo: ”Dereitos humanos, resolución e paz”.

Moitas grazas

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*