Trinta aniversario da Coral Polifónica Santa María das Neves

Coral Polifónica Santa María das Neves A Nova Peneira

3 décadas de éxitos

O canto coral crea un patrón emocional compartido entre as persoas que o executan. Os seus corazóns latexan ao mesmo tempo e as emocións colectivas se fusionan ,conformando unha única corrente de sentimentos que se insire na alma de todas as persoas que asisten, emocionadas, ao espectáculo musical. Ese foi o efecto que lograron en min, e estou seguro de que en todas e todos os asistentes ao concerto celebración do seu trixésimo aniversario, os compoñentes da coral polifónica Santa María das Neves, o pasado domingo día 6.Nun auditorio municipal ateigado de xente, coa presenza do alcalde da localidade, Xosé Manuel Rodríguez, e da deputada provincial Vitoria Alonso, os compoñentes da coral celebraron os seus primeiros 30 anos de vida, cun maxistral concerto que exemplificou, unha vez máis, como os proxectos colectivos desenvolvidos con amor, talento e lealdade contribúen a xerar, en todos os contextos aos que afectan, compañeirismo, responsabilidade, solidariedade, respecto ao outro e en definitiva fan mellor á humanidade. Alén de gozar do concerto, A Nova Peneira tivo tempo de conversar coa presidenta da Coral Mar Miguez, que foi a encargada de abrir o acto recitando un poema belísimo escrito por ela, e co director Rafael Pérez Dopeso

MAR MÍGUEZ MOLDES PRESIDENTA DA CORAL

Coral Polifónica Santa María das Neves A Nova Peneira

Canto tempo levas na coral Mar?

Entre tres e catro anos

Como te metiches?

Comecei na coral San Roque de Vigo, e como o director é o mesmo có das Neves, pois aquí cheguei

Que curioso que sendo ti das Neves, comezaras en Vigo?

Ten a súa historia, nós comezamos un pouco de broma, preparando unhas cancións para a voda dunha amiga e como teño unha tía e u tío na coral de San Roque fomos un día a velos e gustoume tanto, sentín unha implicación emocional tan elevada que xa non puiden nin quixen saír deste mundo

Hoxe estamos de aniversario Mar, como o vives?

Basicamente poríalle dous adxectivos: Estou nerviosa e feliz, bastante nerviosa e inmensamente feliz

Descríbenos en que vai consistir o acto de celebración?

Comezaremos recitando un poema meu

Escrito por ti?

Si

Caramba que ben, e logo?

Faremos a presentación e iniciaremos a actuación. Vannos acompañar dous grupos: Sendeiro e Argonat Band

Levades moito tempo organizando o evento?

Uns meses , si

En total cantas persoas ides subir ao escenario?

Entre 35 e 40

Moita sorte Mar, deséxoche que poidamos facer xuntos a reportaxe para conmemorar o 40 aniversario

Encantaríame e estou segura de que así será, é máis ,teño a convicción de que A Coral e A Peneira celebraremos xuntas o noso medio século de vida

RAFAEL PÉREZ DOPESO DIRECTOR DA CORAL

Coral Polifónica Santa María das Neves A Nova Peneira

Ti es das Neves Rafa?

Non, eu son de Vigo, da parroquia de Coruxo

E como un home de Coruxo acaba sendo director dunha coral nas Neves?

Eu comecei na banda de música de Rubiós, xa hai máis de 30 anos

Supoño que xa tiñas formación musical?

Si, si que a tiña

Onde a adquiriches?

Na banda de música de Coruxo

Corríxeme se me equivoco, pero creo que esa banda ten moita historia?

Abofé que si a ten, é unha banda centenaria

Ti xa tiñas antecedentes na familia, ou a afección musical veuche por outras vías?

Si, o meu pai xa fora músico tamén na banda de Coruxo

Polo pouco que coñezo das bandas de música dáme a impresión de que iso é algo moi común, a tradición de participar nunha banda soe pasar de xeración en xeración, non?

É así ,o normal é que o gusto pola música pase de pais a fillos, así sucedeu no meu caso persoal e así acontece en moitos outros

Ben, sabemos como chegaches ás Neves, pero non á CORAL?

Pois un día falando co antigo alcalde das Neves, Oswaldo González, decidimos facer un coro e comezamos

Como foron os primeiros anos?

Iniciamos a actividade con toneladas de ilusión, cun grupo de persoas que quedabamos a ensaiar ata as tantas da noite e con moito esforzo, paixón e amor chegamos a cumprir os 30

Sempre fuches ti o director?

Si, os 30 anos de maneira ininterrompida

Quédache corda para rato?

Eu agardo que si, de saúde aparentemente estou ben e os meus ánimos e a miña ilusión están a tope

Que expectativas tes para este concerto que está a piques de comezar?

En principio quixera agradecer a todas as persoas que dunha ou outra forma puxeron o seu gran de area para que isto fose posible. Nestas tres décadas, por aquí pasou moitísima xente e todas e cada unha teñen un anaco do meu corazón. E logo quixera que este concerto servise para espertar a ilusión da xente moza. Estaría encantado de recibir a máis mozas e mozos, elas e eles son a única posibilidade de que exista un longo futuro para nós.

Grazas Rafa, unha pregunta máis e rematamos. Que tal se porta o alcalde con vós, ben? Ou temos que tirarlle das orellas?

En liñas xerais ben. Sempre queres algo máis pero en xeral estamos contentos

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*