Carlos Gómez Alcalde de Baiona

Carlos Gómez Alcalde de Baiona A Nova Peneira

ESTOU INMENSAMENTE HONRADO POLA CONFIANZA DO POBO DE BAIONA, E PODO ASEGURAR QUE SEMPRE LLES VOU A DICIR A VERDADE”

Verónica Costas A Nova Peneira
Verónica Costas

Nas pasadas eleccións municipais de maio, afortunadamente para a veciñanza de Baiona, o PP perdía este concello e un goberno tripartito liderado polo socialista Carlos Gómez tomaba as rendas do goberno municipal. Cando Ángel Rodal era alcalde de Baiona, A Nova Peneira fixo varios intentos para entrevistalo. Lamentablemente, nunha mostra máis do sectarismo que adoita practicar o PP cos medios de comunicación que non lle caemos simpáticos, nunca pasamos do “Non te preocupes, deixa o teu tfn e xa te chamamos”. Nos primeiros días de outubro estivemos no concello co novo alcalde que nos atendeu con moita amabilidade e mantivemos unha longa conversa con el. Velaí vai o que deu de si

Queremos darche os parabèns pola autorización do monumento conmemorativo da “Volta dos nove”. Explícanos ese tema?

Ben , o tema da volta dos nove e un tema que non se tratara con xustiza, o que realmente buscamos e que se normalice a situación. E dignificar a memoria de persoas asasinadas por defender a legalidade, a liberdade e a democracia ten que ser o normal nunha sociedade sa.

O goberno de Baiona que ti encabezas é tripartito; o PSOE , Carlos De La Peña e o BNG compartides a responsabilidade de dirixir o concello. Como son as relacións entre os tres socios de goberno?

As relacións son cordiais e transparentes .Temos aprobado os orzamentos e estamos traballando intensamente, cos nosos respectivos programas, para poñer en común os eixos esenciais da Baiona que queremos para os próximos catro anos.

Podes dicir con rotundidade que hai un só goberno de tres forzas e que non hai risco de que existan varios gobernos nun ?

Si , dígoo con rotunda firmeza. É necesario que exista lealdade mutua, tanto dos grupos minoritarios con nós, como unha reciprocidade absoluta de nós con eles. Cando existan diferencias, porque iso é inevitable incluso en gobernos con maioría absoluta, debemos sentarnos e resolvelas de maneira leal e responsable. Estou plenamente convencido de que vai ser así. Eu traballo con moita comodidade tanto con Carlos como con Iago, trato de que eles se sintan cómodos tamén, e teño a convicción, a ilusión e a vontade de que sexa así ao longo destes catro anos.

Consideras que o tema do campo de gol de Baredo tivo que ver na derrota do PP?

Non sabería dicir en que tanto por certo influíu, pero si ,penso que si que tivo que ver. O PP intentou meter con calzador un proxecto sen sentido, e menos a verdade dixo de todo.

Pola vosa banda ese despropósito de chantar un campo de golf en Baredo está totalmente desbotado?

Total e absolutamente desbotado.

Ben, antes falabas da aprobación dos orzamentos. Concrétanos un pouco máis ?

Ben os nosos, os que serán realmente nosos serán os próximos. Estamos xa en outubro e isto foi para saírmos do paso. Lembrade que o PP trouxo os orzamentos do 19, a finais do 18 que é cando unha das súas concelleiras deixounos e pasouse a non adscrita. Estes son uns orzamentos de trámite, pero tamén quero dicir que xa lle pagamos aos traballadores do plan concellos da DEP, que aínda non recibiran o que lles correspondía da parte do concello.

Non me digas¡¡

Así como cho digo. Eu mesmo preguntara ao señor Rodal en pleno se se estaba a cumprir o convenio e mentiume descaradamente.

Entón no 2020 tedes pensado levar un orzamento xa a vosa medida?

Si claro, por iso , como che dixen antes, estamos a traballar con intensidade os tres grupos de goberno nas accións que queremos levar a cabo para os próximos catro anos.

Que tal as relacións coa Xunta, pórtanse ben ou mal con Baiona ?

Eu creo que a Xunta se porta mal non só con Baiona ,senón con todos os concellos …

Explícanos porque o teu goberno paralizou dous proxectos do plan Concellos ?

Pois por sentido común. O concello ten un problema grave de ingresos. E baixando ao terreo do concreto dicirche que un dos proxectos era un parque infantil na Ramallosa, cremos que hai outras prioridades e necesidades antes que esa. Ademais valoramos o proxecto como que non cumpría os parámetros mínimos de seguridade, porque o sitio no que se pensaba facer está próximo á estrada e entendemos que podía ser perigoso. No que respecta ao outro proxecto, era un xinnasio o aire libre que decidimos desestimar por responsabilidade porque para nós tería un coste de mantemento de 6000 euros o ano.

Alcalde, Baiona ten moitos problemas para xestionar o residuos urbanos ?

Estou de acordo e prométovos que estamos traballando nelo.

Supoño que ese “estamos traballando nelo” non será como o daquel infausto presidente que puña os pés na mesa e forzaba o acento texano para caerlle ben ao seu “xefe”?

Ha ha ha ha. Non, en absoluto, o meu é un significante plenamente cargado de significado. Neste tema como en moitos outros para nós é esencial dispor dunha RTP que lamentablemente o concello de Baiona non ten.

Toda a comarca do Val Miñor padece graves deficiencias no que ao trasporte público se refire, que opina o alcalde de Baiona ?

Inicialmente quixera dicir que é preciso unha maior concienciación social ao respecto deste asunto. En Baiona somos arredor de 13.000 persoas e existen máis de 9.000 vehículos. E no que respecta ao plan de transporte da Xunta ten que ser máis sostible, máis fluído e cunha mellor conectividade. Creáronse liñas novas, si, pero tamén se suprimiron outras e finalmente se tes que ir a Vigo, case perdes toda a mañá igual ca hai 20 anos.

Non queda moito para que vivas a túa primeira ARRIBADA como alcalde, podes anticiparnos algo ?

A verdade para min, que son natural de Baiona, vai ser unha inmensa honra. Entendo que a esa festa, que é de interese turístico internacional, cómpre darlle unha volta para aproveitar máis e mellor as inmensas potencialidades que ten. Non podo anticipar nada aínda, pero si quero dicirvos que haberá sorpresas moi interesantes e novidades de máximo nivel.

Ves a Gonzalo Caballero presidente da Xunta no 2.020 ?

Espero que si, pero temos que implicarnos todos e todas e traballar para que así pase e se garanta ese cambio. A Galicia faille falta un cambio progresista con urxencia, e só poderá darse liderado polo impulso a solvencia e a experiencia do partido socialista.

Que esperas o 10 de novembro ?

Responsabilidade de todas e todos para desbloquear a situación e que Pedro Sánchez poida formar de contado o goberno que precisa España.

Rematamos Carlos, velaí tes as nosas páxinas para que tires a mensaxe que desexes aos teus veciños e veciñas?

Eu quero dicir que estou inmensamente honrado pola confianza que a veciñanza de Baiona depositou na miña persoa e no partido socialista, e podo prometer que sempre lles vou dicir a verdade, ás veces acertarei ás veces non, pero sempre vou dar todo o que teño para facer unha Baiona máis xusta e humana, na que ninguén quede atrás, e nunca, e cando digo nunca quero dicir nunca, vou mentir.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*