Dani Boullosa, Concelleiro de Cultura do Concello de Redondela de AER

Concelleiro Cultura Concello Redondela A Nova Peneira
Concelleiro Cultura Concello Redondela A Nova Peneira
Marcos Santos

Despois de dous mandatos na oposición, por fin AER asume responsabilidades de goberno no concello redondelán. A cultura, unha área esencial na idiosincrasia da sociedade choqueira, está nas mans dun Concelleiro de AER, Dani Boullosa, e o que se pode dicir deste home, despois dunha longa conversa con el é que encaixaría perfectamente no perfil de “Emilio” a novela de Rousseau, pois Dani é unha persoa esencialmente boa, á que lle desexamos moita sorte, e éxitos que estamos seguros que si terá.

CREO QUE AS RELACIÓNS COS COLECTIVOS CULTURAIS XA ESTÁN MOITO MELLOR, E A NOSA INTENCIÓN É QUE SEXAN SEMPRE FLUIDAS ,CORDIAIS,E CON ESCRUPULOSO RESPECTO DO CONCELLO PARA QUEN TANTO MÉRITO TEN NO DESENVOLVEMENTO CULTURAL DE REDONDELA”

O primeiro parabéns que hoxe estás de aniversario.

Moitas grazas. Entrevistádesme nunha data moi especial, no meu 42 aniversario.

Chegando aos 100 días no goberno, que balance fas deste inicio na corporación municipal ?

En AER traballamos como asemblea, calquera decisión importante facémola a través dun grupo de traballo e iso leva a que non sexa tan doado. Creo que estámoslle dando unha boa volta ao traballo municipal.

O entroido de verán organizástelo nun mes non?

Si, e para uns saíu ben, para outros, como sabes, déronos moita caña, de feito seguen sacando o tema nos plenos.

E tamén saíu máis barato, non?

O que non queriamos era investir nunha festa de 8 horas 160.000€, non entra na cabeza de ninguén minimamente sensato que tal como está a programación cultural do Concello, se poida investir tal cantidade de cartos nunha festa dun día. Temos claro que isto foi, non un ensaio, pero si unha primeira edición como toma de contacto. Sabemos que o entroido de verán foi creado polos hostaleiros da vila e dalgunha maneira terá que volver a eles, non quero dicir que o teñan que costear eles, pero si que terán que tomar gran parte das decisións sobre que tipo de festa queren facer. Hai 4 ou 5 anos o concello apoderouse desa festa e non se ten en conta a súa opinión.

Realmente non foron os hostaleiros da vila, fomos 15 loucos que decidimos disfrazarnos e a raíz de aí comezou a xurdir esta festa. A cousa creceu e o concello apropiouse dela.

Si, e había unha obsesión coa cantidade de xente que asistía á festa. O nivel de éxito da mesma medíase pola cantidade de xente. Chegou un momento no que nos atopamos que os redondeláns ese día escapaban de Redondela porque non soportaban este tipo de festa. Temos que volver aos inicios para que a xente de Redondela o pase ben. Non algo tan pequeno pero que a xente de Redondela o goce.

O mes que ven comezan as xornadas de piano? E que máis actos poderemos gozar en Redondela no que á túa responsabilidade de goberno se refire?

Xa estamos co ciclo de piano. Inaugurouse a exposición do “Ciclo de Piano Juan Durán”, Premio Raíña Sofía das Artes. Unha persoa con operas presentadas en Arxentina, Brasil, Chile ou Nova York. Comezou cun ciclo de conferencias que remata na última semana de outubro.

Agora xuntásenos varias cousas:

O Samaín, queremos recuperar esta festa tirándolle a etiqueta de festa americana, en breves serán proxectadas as actividades recuperando a Alameda como recinto para ese día.

A batalla de Rande o 19 de outubro, o domingo 13 ven á vila e cortaremos o tráfico na tarde do domingo, esperemos que a choiva nos respecte. Irán caracterizados do ano 1702 todo o colectivo. Destacar que a festa nace dunha asociación de Redondela.

A contorna coñece a Redondela pola súa actividade cultural, pero non sempre é o concello o encargado de facelas, temos que dar as grazas ás asociacións pola súa implicación coa cultura da vila.

Como son agora as relacións cos colectivos da vila?, antes estaban moi tensas.

Agora están moito máis engraxadas. Nos primeiros 100 días xa nos xuntamos case todos e tramitamos as subvencións para as asociacións culturais e deportivas. Eles non poden subsistir sen subvencións.

Xuntámonos con xente do Viso, de Rande, centros culturais de Cesantes, de Cedeira. Temos claro que a programación cultural está moitas veces de mans das asociación.

Tedes pensado exportar esa cultura ás parroquias?

Ata o momento está todo moi centrado no centro da vila pero xa este primeiro verán houbo chiscadelas a Reboreda, Cesantes e Chapela. O que temos claro é que queremos espallar a actividade cultural a todas e cada unha das parroquias do noso concello

Na xornada de piano boto en falta a un dos mellores pianistas de Galicia, é de Redondela e chámase Alberto Vilas, como non está?

Fixeches unha gran definición del, mellor pianista galego e premio Martín Códax.

Xa tivemos unha xuntanza con el e temos dous proxectos:

O ano que ven, coincidindo co seu 50 aniversario, faremos algo en Redondela, pero non che podo adiantar máis.

E neste nadal haberá un concerto de Alberto Vilas con dous amigos del e grandes interpretes, o Trío Circus, no multiusos de Redondela.

En marzo volvera á rúa o piano, para que os alumnos e alumnas do conservatorio poidan tocalo e gozalo. Non ten sentido que se investiran tantos cartos nel para que agora estea agochado no almacén do multiusos sen darlle uso.

A posición de AER en relación á casa de apostas, non é un tanto ambigua?

Non se interpretou ben a nosa posición . A AER non lle gustaría esa casa de apostas en ningunha localización de toda a vila, a nosa posición é totalmente contraria á apertura desa casa de apostas. O que non podemos pedir é que un técnico do concello faga un informe negativo porque poderíamos caer case nun delito, cando ese informe é positivo. Non nos podemos meter no traballo dos técnicos do concello e confiamos plenamente neles.

Esteamos presentes ou non nas manifestación en contra da súa apertura, a nosa posición segue a ser a mesma, non queremos unha casa de apostas.

Estamos seguindo as manifestacións convocadas en todo o territorio nacional como Madrid, A Coruña… apoiamos todas as convocatorias cidadás porque sabemos que este é un problema moi grave de toda a sociedade.

Que vai pasar coas antigas casas dos mestres?

Esta semana tivemos unha xuntanza con urbanismo por este tema, déuselle moitas voltas ás casas dos mestres que están afectadas pola lei de Costas, estas son, agora mesmo, xestionadas polo concello.

Afortunadamente, en Redondela non hai necesidade de que todas as casas sexan destinadas a asuntos sociais como se contemplou nalgunha ocasión, hai unha serie de colectivos da vila como Colectivo Republicano, Alén Nos, Millo Verde, Paxaretas , Arte e Lixo e Siña Paca que teñen demanda desas casas e vaise traballar para poder facelo. Sabemos que o anterior goberno tíñaos de lado e sen ningún apoio. Xa rematamos de facer o inventario de bens culturais que ten o concello para facer prestamos aos colectivos da vila.

É o local de ensaio?

O local de ensaio tubo unha iniciativa moi boa pero comezou a desaparecer material e a ser esnaquizado. Agora mesmo, para min, está inutilizado.

Este local ten que ser un espazo para que un colectivo que queira gravar un disco teña o material axeitado para poder editalo e que se colabore dende o concello, de feito, hai varios colectivos que están con esta idea.

Estas dúas últimas preguntas fíxoas un veciño da vila que se acercou ata a mesa onde se estaba a desenrolar esta entrevista.

E para rematar, lémbraste da exposición do Colectivo Republicano, que fora c secuestrada. Vai poder este colectivo repoñer esta exposición novamente na Casa da Cultura?

Isto está falado no grupo de cultura de AER, vaise recuperar pero temos que chegar a un acordo de calendario, a data aínda está sen pechar pero, terá que ser recuperada porque este foi un caso flagrante de censura e de Lei Mordaza no pasado ano 2017.

Moitas grazas e moita sorte.

Grazas a vós e ter un pouco de paciencia, chegar ao concello e intentar mudar as cousas non é tan doado como a intención que tiñamos.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*