A ruptura do goberno da Guarda

Concello da Guarda A Nova Peneira

Nas eleccións municipais de maio, o BNG de A Guarda obtivo unha suba moi importante de apoio popular, pasou de 3 a 5 actas na corporación municipal, e quedou a tan só 84 votos de diferenza dos acadados polo partido socialista do alcalde Antonio Lomba. A lóxica política indicaba que se debía asinar un pacto de goberno, progresista, co PSOE ostentando á alcaldía e o BNG a tenencia de alcaldía, e de feito así se fixo, pero menos de medio ano despois producíronse diverxencias importantes no que respecta á xestión da rúa Concepción Areal e os 5 concelleir@s nacionalistas, séntense agredidos porque consideran que se menoscaba a súa autonomía para xestionar unha das súas áreas e deciden abandonar o goberno. No caso de tres deles, esta renuncia implica que deixen de percibir o soldo que lles correspondía como concelleir@s. Nós achegámonos ata A Guarda a coñecer a versión do Bloque e falamos co seu portavoz Anxo Baz. En próximas edicións intentaremos conseguir a dos socialistas

ANXO BAZ,VOCEIRO DO BNG

NÓS NON CHEGAMOS AO GOBERNO NIN POLO POSTO,NIN POLO DESPACHO,NIN POLO SOLDO.VIÑEMOS A TRANSFORMAR A GUARDA, E SE O ALCALDE NON NOS DEIXA NESTE GOBERNO NON PODEMOS ESTAR”

Cando quedamos para concretar a entrevista eras o tenente de alcalde, e a idea era entrevistarche no teu despacho, e resulta que agora nin es tenente de alcalde nin tes despacho e temos que conversar nun bar. A verdade quedo un pouco descolocado, explícame que pasou?

O acordo de goberno reflectía que as áreas que asumiriamos cada un dos dous grupos políticos que o subscribimos terían autonomía de xestión, e o partido socialista incumpriuno.

O acordo de goberno PSOE-BNG foi asinado por escrito?

Si.

Ti persoalmente participaches na creación e sinatura dese acordo?

Si.

O problema veu pola rúa Concepción Areal, verdade?

Si, a nosa intención era facilitar o acceso a residentes, a servizos ea toda a xente, que debidamente acreditada , amosase que o necesitase.

É dicir, o BNG quería facer a rúa peonil?

Queriamos facer unha rúa de prioridade peonil, para nós Concepción Areal non era unha obra só, senón un modelo de organización de Vila que logo pretendiamos espallar a máis rúas de A Guarda.

Ben, e como foi a secuencia de acontecementos ata desembocar na vosa marcha do goberno?

Nunha primeira xuntanza da comisión de seguimento do pacto xa se albiscaban as diferenzas en relación ás sinais a colocar na rúa. Eles non estaban de acordo coa nosa maneira de entender Concepción Areal, e consideran que debía ser moito menos restritiva con relación ao tráfico rodado, e nesa liña están as sinais que colocaron agora.

E sentiches que a vosa autonomía para xestionar esa área de goberno, que era vosa, foi lesionada?

O PSOE reinterpreta o pacto de goberno, hai que engadir tamén a presión do PP que viu alí un filón para a división e todo iso estoupou no pleno do 30 de setembro, enormemente hostil e agresivo contra as concelleiras e concelleiros do BNG. Nese pleno viuse claramente como tanto o PSOE como o PP defenden unha mesma política conservadora.

Os insultos viñan do público?

Si, de aí viñan.

Sabes quen os proferiron?

No pobo todos nos coñecemos.

Non entendo o da reinterpretación que dis, no pacto que asinades non estaba claramente definido que cada grupo político tiña autonomía para xestionar as súas propias áreas?

Si, no punto número un.

Entón como se pode reinterpretar iso?, que argumentou o PSOE para facelo?

Nas negociacións para o acordo de goberno o tema de Concepción Areal foi do máis delicado, e no documento expresouse que se levaría conforme a criterios técnicos. Nós amparámonos nos nosos criterios técnicos, e eles agárranse a iso para dicir que teñen outros criterios técnicos diferentes.

Ben, e o alcalde ou o seu grupo de goberno fixeron algo en concreto para menoscabar a túa autonomía na xestión da túa área?

Si, como non estaban de acordo coa nosa sinalización, chaman á DEP e paralizan a obra. Logo nos remite a unha xuntanza para tentar aclarar a situación, o alcalde interpreta que esa é unha reunión de seguimento do pacto, algo que non era así. Nesa xuntanza estaban dous representantes do PSOE, e polo BNG só eu. Asemade había técnicos da DEP, que en ningún momento contradixeron as nosas teses.

En que situación estamos na actualidade?

Polas informacións que temos van poñer a sinalización que eles defenden, non restritiva á circulación, e isto acaba rachando cando eles sen avisarnos puxeron os prismas de pedra e cambian a sinalización ás sete da mañá, sen ter coñecemento nin nós nin a propia policía local.

Caramba, e quen executou tal cousa?

Operarios do concello entendo que baixo as ordes do alcalde. A propia policía local entrou a servizo sen saber que se lle cambiaba a circulación.

E que fixestes vós?

Volver a solicitar unha xuntanza, na que se nos dixo que a posición do PSOE en relación a ese tema era definitiva. Nós non viñemos ao goberno, nin polo posto, nin polo despacho, nin polo soldo. Viñemos a transformar A Guarda, e se o alcalde non nos deixa neste goberno non podemos estar. Teremos que pasar á oposición, iso si dunha maneira responsable e dialogante.

A decisión está avalada pola militancia do BNG local?

Desde logo que si. O grupo municipal trasladou a situación ao consello local, e este a asemblea de militantes que é quen é soberana na toma de decisións.

E despois da chegada, histórica, do nacionalismo ao co goberno da Guarda, deixalo con tan pouco tempo, non xera frustración?

Esta foi unha decisión moi difícil, claro que si. Eu creo que o PSOE estaba afeito a un goberno mono cor e a verdade cústalle moito asumir que a cidadanía pediu un cambio.

Agora mesmo, hai un goberno de 5 de 17, algo que non é viable. Como prevés que se desenvolverán os acontecementos?

Eu creo que esa pregunta deberías de facerlla a Antonio Lomba, pois é el quen ten que procurar solucións aritméticas que lle permitan gobernar.

Agardo que a ruptura política non se espallara ao plano persoal?

Non claro, desde logo que non. As relacións persoais que temos tanto co alcalde como con todo o grupo socialista son as mesmas que antes, cordiais e respectuosas como con calquera veciña ou veciño da Guarda.

A vosa posición é reversible?

Se nos permitise xestionar as nosas áreas con independencia ,si, podería ser reversible.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*