Festa de San Martiño de Moaña 2019

Festa de San martiño Moaña A Nova Peneira

A piques de comezar as festas patronais do San Martiño, que serán os vindeiros 2, 8, 9, 10 e 11 de novembro, A Nova Peneira conversou coa directiva da comisión de festas composta por 11 persoas. Nós falamos con Humberto, presidente; Rafael, Ana e Alberto para saber algo máis dunha das festas máis antigas do Morrazo e declarada Festa de Interese Turístico de Galicia á que se suman uns 30 ou 35 furanchos onde poder beber e saborear os sobrantes da colleita de viño.

Contádeme a historia da festa.

A festa comezou hai 70 anos, de feito está considerada de Interese Turístico de Galicia.

Celebrouse sempre agás un ano, no 1956. Este ano houbo un naufraxio do barco Ave del Mar, de veciños de Moaña, nas Illas Cíes e faleceron todos os que ían no barco, unhas 35 persoas.

A implicación dos veciños e veciñas da parroquia é total coa festa, todas e todos senten a festa como propia?

Si, totalmente. Economicamente colaboran a gran a maioría, e tamén veciños das parroquias lindeiras.

Esta debe ser unha das festas máis antigas do Morrazo, non?

Si, coido que si, e a xente tenlle bastante cariño a esta festa, respéctannos moitísimo e nós queremos continuar.

Esta comisión é nova non, cantos sodes?

Somos once membros da comisión e este ano entramos catro persoas novas, o resto xa levan algúns aniños.

Ana: Para os veciños esta festa é moi importante e hai persoas que votaron toda a vida na comisión, como meu pai, que morreu hai xa 40 anos e eu lembro que formou parte da comisión desde sempre.

E hai xente moza que tamén se implique coa organización da festa?

Non, bastante pouco ou nada, a xente moza quere vir á festa, pero o de traballar non o queren.

O traballo colectivo soe ser difícil, fácelo 11 persoas xuntas para a organización da festa debe de ser complicado, que tal os levades?

Nós levámonos moi ben, non temos problema, con algunha discusión tamén, pero saimos xuntos a tomar algo e temos un ambiente moi agradable este ano, de momento vai todo ben.

Unha cousa que me chamou a atención é que a festa comeza o día 2 e logo se interrompe unha semana e segue 9, 10 e 11 de outubro, por que?

Normalmente o concello fai un día de festa, que lle chaman a Festa da Xuventude. Sempre é a véspera, pero este ano o grupo que quería traer o concello, o día 8 non estaba dispoñible, por iso se fai o día 2, isto é excepcional este ano.

Contádenos as características máis importantes desta festa deste ano.

Este ano hai moi boas orquestras, Magos, Satélites, Miramar, Gran Parada, Capitol e La Ocaband. Orquestras con moi bo caché.

Eu son de Vigo, se quero vir aquí coa miña filla, que me podo atopar?

Churrasco, castañas, rosquillas, viño… Ven visitarnos moita xente de fóra a pasar aquí o día e se temos bo tempo o torreiro vai estar cheo de xente. Despois de rematar a procesión tanto os furanchos como o resto de postos están ateigados de persoas de aquí e máis foráneas.

E que prima máis Humberto, o sentido relixioso ou o sentido lúdico?

Hai un pouco de todo, hai xente que ven a misa e as procesións, e logo hai xente tamén que só ven pola festa e a beber viño.

Tamén pola Virxe do Carme, que está aquí na igrexa, ten algo máis de cen anos e aquí é moi venerada, cando trouxeron á virxe foi na primeira república, tivo que vir agochada e é xemelga da de Baiona. Son tres feitas polo mesmo home, a de San Martiño, a de Baiona e a de Muxía da Coruña.

Temos que ter unha cousa en conta, o patrón dos mariños é San Telmo, non a Virxe do Carme. A virxe do Carme é a patroa da Armada, por isto incluso tiven unha discusión con un cura, pero ao final deume a razón.

Que esperades da asistencia do público?

Esperamos que o tempo nos faga un chiscadela e que veña moita xente, tanto da parroquia coma de fóra do Morrazo. Aquí ten vido xente de Bélxica, Barcelona… Xente que é de aquí pero que está traballando fóra e sempre ven pola Festa do San Martiño. Esta é unha data na que nos atopamos todos os que levamos un ano sen mirarnos.

Aquí hai moito furancho e a xente do pobo pode facer unha peseta a conta da festa. Estes días de lecer temos moito familiar por fóra que ven pasar o día a San Martiño e a parroquia está chea de xente. Esta é unha forma de reunir ás familias e a todo o pobo. En todas as casas dos veciños hai familiares para o xantar chegando a xuntar nas mesas a máis de 20 persoas.

Eu son da zona de Coia de Vigo, alí usamos o dito “San Martiño, trompos ao camiño”, aquí tamén se di?

Si, é “San Martiño, trompos ao camiño” e “San Amaro, trompos ao faiado”.

Esta festa debe ser a máis importante do Concello de Moaña non?

A festa de San Martiño de Moaña e a romería de Darbo de Cangas, son as dúas festas que máis afluencia teñen. De feito, o patrón de San Martiño é o patrón de Moaña, non só o da parroquia e é festivo local da vila. O outro festivo local do concello é o do día do Carme.

Outra festa que se fai tamén aquí é a Festa da Historia non?

Si, esta é unha festa noviña que comezou hai catro anos, é unha festa bonita estilo medieval e faise aquí porque esta é a parroquia máis antiga de Moaña. Moaña naceu como concello aquí, e co tempo foi crecendo e espallándose para abaixo ata o centro da vila como está agora. O mar fixo que Moaña crecera, comezase a ter máis vida e espallouse ata crecer cara o día de hoxe.

Esta última pregunta tedes que contestarma con sinceridade absoluta, que tal se porta a alcaldesa con vós? Ben, ou hai que tirarlle das orellas?

Non, pórtase moi ben.

De feito ela é de aquí, da parroquia de San Martiño. Ten que portarse ben se non os veciños non lle falan máis na vida, gargalladas…

Queremos volver chamar á xuventude para que se implique coa festa e nos dean un relevo dentro duns aniños para que a festa poida perdurar no tempo.

Moitas grazas por atendernos, espero poder pasarme pola parroquia e gozar da festa.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*