Adxudicadas as obras de mobilidade peoníl en Guláns

Concello de Ponteareas mobilidade A Nova Peneira

As obras terán un prazo de execución de cinco meses e aumentarán a seguridade viaria cun paso de peóns elevado, beiravías amplas e sinalización de redución da velocidade

Ponteareas, 22 de outubro de 2019

O alcalde de Ponteareas Xosé Represas e a Concelleira de Vías e Obras Chus Garrote informan que se veñen de adxudicar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-4004 no acceso á igrexa de Guláns. Este proxecto foi adxudicado por 305.023,73€ (ive incluído), dos que a Deputación de Pontevedra financia o 80% e o concello o 20%. As obras terán un prazo de execución de cinco meses e unha vez rematadas o total do tramo reformado pasará a ser de titularidade do Concello.

A actuación, impulsada polo departamento de Mobilidade provincial a petición do concello, pretende aumentar a seguranza viaria con elementos de calmado de tráfico e unha plataforma única entre os equipamentos, de feito que se habilita unha ‘zona 30’ de velocidade máxima. Darase así resposta ás continuas reclamacións da veciñanza da zona e do alumnado do centro de ensino trasladadas polo concello de Ponteareas para rematar coas situacións de perigo para as persoas que pasan camiñando polo ámbito de actuación (un treito de medio quilómetro da estrada provincial EP-4004).

Chus Garrote explica que o proxecto, que se realizará en colaboración coa concellería de Mobilidade que dirixe Roberto Mera, inclúe a creación dunha nova beiravía na marxe esquerda aproveitando os sobreanchos existentes. No inicio da actuación construirase un paso de peóns sobreelevado, e ao final, cando se chega á zona de equipamentos (igrexa, cemiterio e colexio) habilitarase a plataforma única de prioridade peonil en formigón e franxas de pedra, todo elo nun área de velocidade máxima a 30 quilómetros por hora. Para aumentar a calidade urbana dotarase á zona dunha nova iluminación, substituíndo as luminarias e os báculos existentes por outras novas de maior eficiencia enerxética, así como instalando balizas led no pavimento para marcar a zona de convivencia.

Os traballos foron adxudicados á empresa Obras, Reformas e Saneamentos S. L. que actuará no tramo que dá acceso á igrexa e o cemiterio de Guláns, así como ao colexio Feliciano Barrera.

Primer comentario

Deixa a túa opinión