Juan Puertas, xogador de fútbol sala de Ventosela

Juan Puertas Fútbol Sala Ventosela A Nova Peneira
Marcos Santos

Juan é un mozo de Redondela que foi xogador de fútbol sala de elite, transitou por diversos equipos da primeira división española, e incluso probou sorte na exixente competición italiana. Após de colgar as botas, repasamos con el a súa extensa traxectoria deportiva

Cando comezas a xogar ao fútbol Juan?

Comecei a xogar ao fútbol sala no colexio, logo no C.C. de Redondela, despois en Pazos e a partir de aí fun subindo ata chegar á primeira.

Cando tiña 17 anos, o presidente do Pazos de Borbén tiña amizade no Celta de Vigo, probei co Celta xuvenil e despois de estar un par de semanas probando, atopábame como desprazado e logo desas dúas semanas non volvín máis, non estaba cómodo. A partir de aí só xoguei ao fútbol sala sempre.

E de aí ao Leis F.S., non?

O Leis foi o primeiro equipo co que debutei en primeira división, teño unhas lembranzas moi bonitas.

Cando debutei, na primeira volta non xoguei nada, era o novo xogador e principiante e non me deron minutos. Na segunda volta houbo baixas e lesións e comezaron a darme minutos, marquei 18 goles, foron uns moi bos números que ata puiden chegar a Pichichi.

Que ten máis presións, xogar en primeira ou en equipos máis pequenos?

Eu creo que non lle podemos chamar presión porque estás a facer algo que che gusta e que queres desde pequeno, tes que coidarte moito e estar a pleno rendemento na competición, pero é bonito e satisfactorio.

Canto tempo xogaches no Lobelle F.S.?

Aquí estiven un ano e logo marchei para o Carnicer de Madrid, esta foi a primeira vez que saía da casa e ao principio custoume adaptarme, cidade nova, lonxe dos amigos e da familia, foi duro pero estaba facendo o que quería. Esta experiencia logo foi moi boa e fíxome crecer como persoa.

Logo pegas o salto fóra?

Si, con Ramiro, un adestrador galego de Vigo, con el marchei a Italia. Outra experiencia impresionante, idioma novo, cultura nova. Ao final é o que che queda, as experiencias vividas no fútbol sala. Grazas a el fun a Asia, xoguei en Kuwait e Vietnam, aquí só foron 15 días para os Playoff, pero unhas experiencias incribles.

E isto a coa familia como se leva?

E duro, estás lonxe dos amigos, da familia, tamén da moza. Ela tamén estaba estudiando fóra e foi complicado, pero estoulle moi agradecido polo seu apoio, ela sabía que era a miña paixón.

A verdade e que cando comecei a xogar nunca mi imaxinei como ía ser a miña traxectoria, un mozo de Ventosela xogando ao fútbol sala polo mundo adiante.

Logo de todo isto, voltas e que pasa?

Volto para Gran Canaria, un equipo que estaba para salvarse do descenso. Conseguímolo, foi algo histórico para o equipo e, a verdade, outra lembranza incrible.

Eu lin un artigo no que te chaman o “trotamundos do fútbol sala”, e verdade?

Si, por moitas circunstancias.

Un equipo no que xoguei desapareceu, ou por deixar de pagarnos o salario e marchar a buscarte a vida. Trotamundos si, pero é un orgullo que os equipos te chamen, fíxense en ti e queiran contar contigo. Por desgracia hai xogadores que quedan sen ofertas e teñen que deixalo.

Remataches o ano pasado en Noia?

Si, aquí estaba Paula embarazada e xa non ía xogar máis, pero Julio Mougán, de aquí de Redondela, era o adestrador e chamoume para que lles botara unha man. Fun para alá a xogar ata que botaron a Julio en xaneiro do equipo por malos resultados. Co adestrador novo xa non estaba a gusto, non quería tolerar algunhas cousas, xa tiña unha experiencia e nin tiña 20 anos. A un mes de rematar a liga falei co presidente e decidín colgalas botas, tiña que viaxar ata Noia e xa estaba cansado.

O que nunca chegou foi a chamada da Selección?

No, a da Selección Galega si, pero a Española ten a mellor liga do mundo, hai moi bos xogadores e esa chamada nunca chegou.

Xogaches na Selección do mellor país do mundo, que é Galicia non?

Si, levar a camiseta galega si que é un orgullo.

Hai dous anos fixestes aquí un campus non?

Si, dous anos seguidos.

Por diversas circunstancias non se puido facer máis pero, é algo que me gustaría seguir facendo polos nenos e nenas da vila. Gustaríame traballar con eles e ensinarlles e formalos, gustaríame adestralos. Encántanme os nenos e foi unha pena que non se puidera seguir facendo.

En que consistía o campus?

Era multideporte, facían de todo un pouco onde o máis importante era divertirse. Procurar que entre eles se levaran ben, ensinándolles valores de como hai que tratar aos compañeiros, aos adestradores…

Xogaban ao padel, piscina, balonmán, para que probaran e elixiran o deporte que máis lles gustaba. Esperemos que para o ano que ben poidamos ter campus outra vez.

Que plans tes agora, que é o que queres facer?

Quero comezar a traballar e seguir vinculado ao deporte, pero está a cousa complicada.

Teño unha oferta para traballar nunha tenda de deportes, pero prefiro quedarme aquí en Redondela. Ao ser pai teño outras prioridades e se non sae nada pois a traballar como calquera outra persoa que non me caen os aneis.

E de adestrador?

Si, pero o que me gustaría e traballar en formación aos nenos pequenos, sigo moito o fútbol sala pero só me gustaría ensinar aos pequechos, non a maiores, non me apetece. Foron moitos anos e quero desconectar un pouco.

Tamén gustaríame traballar de observador para algún equipo, iso si que me gustaría porque ver os partidos de fútbol sala é algo do que gozo e sigo facéndoo.

Tamén gustaríame xogar algo nun equipo por aquí cerca para tirar un pouco o mono do xogo.

E para rematar, dáme a túa opinión sobre as estreas de fútbol que saen anunciando as casas de apostas?

Este é un tema que non me gusta, sobre todo pola xuventude e os rapaces que comezan a apostar como algo novo, gañan e aí comeza a súa perdición, converténdose nun problema grave.

Non queda bonito que os deportistas de elite se presten a publicitar estas cousas, os nenos fíxanse na súa imaxe, son os seus ídolos, e non me gusta. Espero que este non sexa un problema para a xuventude.

Moitas grazas Juan, e moita sorte

Moitas grazas a vós por lembrarvos de min.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*