O Grupo Común da Esquerda reclama que se executen os orzamentos destinados á loita contra a violencia machista

Carmen Santos Grupo Común de Esquerdas A Nova Peneira

Carmen Santos lamentou a propaganda do Executivo arredor desta cuestión e tamén esixiu un sistema de emerxencias público e de calidade na comparecencia do Vicepresidente da Xunta

Santiago, 25 de outubro de 2019

O Grupo Común da Esquerda reclamou este venres que se executen os orzamentos destinados á loita contra a violencia machista na comparecencia do Vicepresidente da Xunta e Conselleiro Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. A deputada Carmen Santos lamentou que “temos a sensación de que se amosa unha preocupación pola violencia machista, pero os datos e os feitos din que hai moita propaganda e pouca política real”.

“O resultado da súa xestión desminte as partidas que supostamente ían destinar. Deixaron sen executar case un terzo do orzamento en igualdade, 7,5 millóns de euros, sendo isto aínda máis problemático ante as cifras que temos de violencia machista. No programa de apoio ás vítimas de violencia quedou o 43% sen executar”, indicou Santos, quen tamén se referiu á escasa dotación de recursos da rede de acollida da Xunta ou dos Centros de Información á Muller.

Con respecto ao informe de impacto de xénero que acompaña as contas de 2020, Carmen Santos afirmou que o relevante é “o impacto real das medidas aplicadas, pero sempre fan propaganda e nunca temos información contrastada do impacto que teñen”. Así, indicou que “non dá resposta ao que se require dun informe deste tipo, queda só nunha descrición e nunha venda de programas do resto do mandato que nalgúns casos deixan ver, precisamente, as eivas das políticas de igualdade do PP ou a súa inexistencia”.

Ademais, a deputada do Grupo Común da Esquerda esixiu un sistema de emerxencias “público e de calidade”, instando ao Vicepresidente da Xunta a “tomalo en serio. Somos a única Comunidade Autónoma co servizo de bombeiros en mans privadas, facendo negocio coa vida da xente. Hai un sistema de emerxencias totalmente parcheado, como din os bombeiros ou os traballadores do GES. Non temos máis desgrazas pola vontade e o bo facer do persoal, a pesar da falta de medios e de coordinación”.

No ámbito da xustiza, Carmen Santos sinalou que “ en todo o que sexa incrementar as partidas e subsanar as reclamacións dos traballadores e traballadoras e as deficiencias de infraestruturas, imos estar aí para que, polo menos, sirva a presión social para conseguir melloras”. No tocante ás sedes xudiciais “agardamos que teñan en conta as demandas para a protección das vítimas de violencia machista. A ver se a partida de mobiliario lles dá para uns biombos, non pedimos moito”, apuntou.

Outras comparecencias 

Nas comparecencias desta mañá, Antón Sánchez esixiu que a Conselleira de Medio Ambiente e Vivenda cese o xefe de servizo de Conservación da Natureza de Ourense “por unhas declaracións intolerables, nas que humilla as vítimas do franquismo e incumpre a legalidade. Se o manteñen no seu posto, a Xunta será cómplice desta indignidade. Aos señores do PP pareceralles normal, pero esta persoa non pode representar a ningún Goberno democrático”. Ademais, reiterou que “despois deste cese, debería dimitir a Conselleira para asumir as responsabilidades do fiasco das súas políticas de vivenda. Vostede rise, pero mentres tanto expulsan xente das súas casas e a Xunta fai política para os especuladores”.

Pola súa banda, Marcos Cal sinalou que os orzamentos da Consellería de Infraestruturas “están feitos para o PP e non para a xente, como amosa a súa falta de concreción en actuacións concretas”. Así, criticou que “reparten uns baixos orzamentos entre todas as promesas que levan feitas con partidas ridículas. Isto só serve para que o PP faga propaganda, dicindo que están a facer, mentres a realidade é que ao final do 2020 non haberá ningunha novidade”. Tamén incidiu en que “non afrontan o cambio climático”, tachou de “fracasado o modelo de mercantilización da auga” e avogou por acabar cos agravios a Galicia co AVE:  “Queremos que rematen as obras, pero que non sexa a costa de rebaixar a seguridade ou da destrución do tren convencional”.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*