O goberno amósase optimista ante a tramitación na Xunta da aprobación definitiva do PXOM

PXOM Concello de Ponteareas A Nova Peneira

A Dirección Xeral de Urbanismo iniciou a revisión do Plan e solicitou documentación ao Concello

Ponteareas, 24 de outubro de 2019

O goberno local de Ponteareas amosouse optimista ante a tramitación da aprobación definitiva do PXOM por parte da Xunta. O Alcalde Xosé Represas explicou que a Dirección Xeral de Urbanismo xa iniciou hai varias semanas a revisión do Plan aprobado en agosto e requiríu documentación ao Concello coa intención de aprobalo definitivamente no prazo de 3 meses.

Concretamente, a Xunta solicita 39 fichas de elementos patrimoniais, das máis de 2.500 coas que conta o Plan enviado á Dirección Xeral. A concelleira Chus Garrote explicou que “o equipo redactor non adxuntara esas poucas fichas, unha cuestión menor, doada de subsanar e que non conleva ningún retraso para a aprobación definitiva”.

Tamén requiren a subsanación dalgunhas incidencias, de carácter informático, detectadas na reprodución dixital dalgúns documentos.

Represas e Garrote explicaron que “estas solicitudes da Xunta entran dentro do habitual na tramitación dos PXOM por ser documentos moi complexos con milleiros de documentos e centos de planos” e non descartaron novas subsanacións formais. Parte do solicitado foi enviado xa directamente por correo electrónico co visto bo da Xunta e para outros é necesaria a formalidade da aprobación no Pleno.

Respecto ás críticas da oposición, o Alcalde amosouse “sorprendido polo interese do PP e ACIP na tramitación dun PXOM que rexeitaron cos seus votos e que, se deles dependese, aínda non estaría na Xunta”. Pola súa banda Chus Garrote amosou a súa satisfacción “pola grande preocupación que o PP e ACIP teñen agora porque o Plan se aprobe definitivamente”.