A rodaxe de Reboiras. Acción e corazón chega á súa fin coa capital galega como escenario

Moncho Reboiras A Nova Peneira

O actor Daniel Celester interpreta Moncho Reboiras nun filme de Alberte Mera onde se recrean os derradeiros días de vida do histórico nacionalista asasinado pola ditadura en 1975

A capital galega acolle a última xornada de rodaxe da longametraxe Reboiras. Acción e corazón. As inmediacións da praza de Abastos de Santiago é o último escenario de rodaxe, reinterpretando unha fotografía existente de Xosé Ramón Reboiras Noia nesta emblemática zona compostelá.

O director Alberte Mera culmina así a rodaxe das secuencias de ficción deste filme que narra a vida de Moncho Reboiras e tamén se inclíuen máis de vinte testemuños que achegan a vida, o activismo e a personalidade do histórico nacionalista asasinado pola ditadura franquista en 12 de agosto de 1975. Desta maneira, a obra comporase de entrevistas, da recreación de momentos claves a través da ficción así como de material de arquivo xa existente e documentos reunidos durante as fases de documentación e rodaxe. A que será a primeira longametraxe sobre Xosé Ramón Reboiras Noia verá a luz no ano 2020, cadrando co 45 aniversario do seu asasinato.

Algúns dos sets de rodaxe estiveron localizados na cidade de Ferrol; no barrio vigués de Teis, onde Reboiras medrou; a súa aldea natal de Imo, en Dodro, e os concellos de Arzúa, Monforte, Viveiro, Sada, Oleiros e Compostela. A rodaxe comezou pola parte documental das entrevistas. Así, iniciáronse os traballos de filmación no concello de Teo o pasado 9 de agosto, cunha entrevista conxunta ás dúas últimas persoas coas que Reboiras se atopaba antes de ser asasinado: Elvira Souto e Lois Ríos. Os tres estaban xuntos o 12 de agosto de 1975 nun piso de Ferrol cando se decataron da chegada da policía franquista e tiveron que emprender a fuxida.

Daniel Celester dá vida a Moncho Reboiras.

O actor coruñés titulado en arte dramática pola ESAD de Galicia, vén de gravar ‘Amnesia 3.0’, a primeira webserie interactiva en galego, premio ao mellor proxecto no Carballo Interplay. Tamén ten colaborado en curtametraxes como ‘La luz del camino’ e na serie ‘Vivir sin permiso’.

A actriz Lidia Veiga interpreta a histórica dirixente da Unión do Povo Galego Elvira Souto. Veiga titulouse na ESAD e no último ano colleitou éxitos coas curtametraxes ‘Trala porta’ e ‘A ninguna parte’. O elenco complétano o actor Daniel Prieto, que encarna a Lois Ríos, xunto a actriz Carlota Mosquera, Sergio Alfonso e Pablo Ríos..

Este filme documental será o quinto que dirixa Alberte Mera (Vigo, 1987) após as curtametraxes Camiño da memoria  (2011), Deixádeas Pasar (2012) e as longametraxes documentais Clamor da Terra (2012) e Lume Novo (2013), as dúas últimas tamén producidas pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas e publicadas en libro-DVD. Mera é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, con especialidade en Dirección e Guión Cinematográfico e Audiovisual (2009) e ten o mestrado en Comunicación e Industrias Creativas pola Universidade de Santiago de Compostela (2010). É xornalista en Sermos Galiza e ten tamén desenvolvido a súa carreira profesional como consultor de comunicación e deseño, realizando traballos para a Universidade de Vigo e diversas empresas consultoras.

A equipa compóñena Roberto Vilameá, presidente da Fundación Terra e Tempo e responsábel da produción executiva do filme; José Aragunde, director de fotografía;  Irene Pin, axudante de dirección; Samuel Lema, na dirección de arte; Antía Insua, deseño de vestiario; Tamara Andrés, produción; Paula Cermeño, foto fixa e comunicación; Juan Barcia, operador de cámara; Adrián Porima, son; Marco Paino, postprodución de son; NUMAX, etalonaxe e postprodución; Soraya Vilela, responsábel de continuidade; Sonia Balado, maquillaxe; Aldán López, casting.

Moncho Reboiras

O filme quere construír un retrato fiel de Ramón Reboiras Noia, a última vítima mortal da ditadura franquista na Galiza, asasinado o 12 de agosto de 1975. Con só 25 anos, Reboiras sufriu múltiples disparos da policía na rúa da Terra de Ferrol. Aquel mozo de conviccións nacionalistas convertérase moi cedo en destacado membro da clandestina Unión do Povo Galego, a través da cal foi alicerce fundamental na organización de amplos sectores da sociedade galega en frontes de actuación como a sindical, a cultural ou a política.

O réxime era sabedor das grandes habilidades de Reboiras para impulsar as organizacións de masas do nacionalismo galego, mais o propio Moncho tamén era consciente da crueldade do réxime e do perigo que el mesmo afrontaba. Este será pois o primeiro filme documental sobre o último loitador galego morto en desigual combate contra Franco.

Agradecemento pola colaboración
Grazas ao éxito da campaña de micromecenado na platadorma de Goteo o proxecto consegui xuntar máis de 20.000 euros a trav´s das doazóns de máis 500 persoas que ccolaboraron co micromecenado do filme. Alén disto, o documetal conta tamén cunha axuda da Deputación da Coruña en réxime de concorrencia competitiva.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*