Acto feminista para reivindicar xulgados específicos contra a violencia de xénero en todas as cidades galegas

BNG concentración feminista A Nova Peneira

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2019

Igual que fixemos o 28A, estamos aquí porque queríamos que o primeiro acto de campaña do BNG fose para reivindicar a forza imparable das mulleres: galegas, feministas, loitadoras.

Para reivindicar o 8M, para reivindicar a todas as mulleres que nos precederon e abriron camiño na nosa loita por un mundo no que podamos vivir libres e iguais.

Unha loita que imos ganar, pero que non podemos deixar de dar ante a barbarie do terrorismo machista que non cesa, e que ten segado a vida de 49 mulleres só no que vai de ano, cinco delas en Galiza, – Sandra, Alba, María Elena, María José e Carmen-. 1.028 mulleres asasinadas desde 2003: 64 mulleres asasinadas cada ano, unha cifra aterradora pero que, aínda así, nin sequera está formando parte do debate político nin social.

Por contra, corremos o risco de involución na loita feminista a través deses gobernos no que o PP do señor Feixóo se alía coa extrema dereita para dar pasos atrás e cuestionar a existencia mesma da violencia contra as mulleres polo mero feito de selo. Non se combate a violencia machista pactando gobernos con que negan esa violencia señor Feixóo.

Fronte a iso, o BNG quere seguir á vangarda na loita contra a violencia de xénero como sempre fixemos, como demostramos poñendo en marcha desde o Goberno a Lei contra a violencia de xénero máis avanzada do Estado, aínda hoxe pioneira en moitos asuntos, que puxemos en marcha o salario da liberdade, e que hoxe e aquí adquire un compromiso moi concreto: usar a forza que as galegas nos dean o 10N para garantir que no próxima lexislatura todas as cidades galegas terán un xulgado específico de violencia de xénero.

Hai que loitar contra a desigualdade das mulleres en todos os ámbitos: laboral, salarial, social. Pero nada hai máis urxente que parar unha violencia que atenta directamente contra a seguridade, contra integridade física e contra vida das mulleres.

Ningunha democracia avanzada, ningunha sociedade digna pode asumir con normalidade 15 denuncias por violencia de xénero cada día, que se denuncie unha violación cada semana, que haxa manadas depredadoras, nin que cada ano 60 mulleres sexan asasinadas polo terrorismo machista.

Nin é normal, nin é decente, nin é soportable. Hai que protexer ás mulleres e para iso fan falta medios: como os xulgados específicos de violencia de xénero nas cidades galegas. O compromiso do BNG é usar a súa representación no Congreso para conseguilos na vindeira lexislatura. É unha prioridade que facemos nosa.

Como As Marías, como Rosalía, como Xoanha Torres, María Casares, Rosa Park, Marcela e Elisa, María Soliño, Rosa Luxemburgo, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, e tantas outras que, coa súa forza, coa súa valentía, co seu orgullo de mulleres nos trouxeron até aquí.

A forza das mulleres que cambia o mundo.

E a esa forza apelo para abrir un tempo novo o 28 de abril, desde a ilusión e a esperanza, un tempo de cambio real, que sitúe no Congreso a outras mulleres, galegas, que dean a cara polas mulleres deste país. Deputadas como Carme da Silva ou Maite Ferreiro, orgullosas de quen son e conectadas cun fío de SORORIDADE co resto das mulleres do mundo.

Mulleres que, -como antes Olaia Davila ou Rosana Pérez-, van dar voz ás mulleres galegas que teñen salarios e pensións por debaixo da media, as mariscadoras, as redeiras, ás labregas que se abriron paso reclamando o seu sitio, ás mozas precarias, e as que por milleiros tiveron que emigrar como fixeran as súas avoas, as científicas que non queren que ser muller sexa un límite profesional.

Animo ás mulleres a que o 28 de abril usen a súa forza para mudalo todo, apostando por unha forza política como o BNG, -feminista e galega-, que vai loitar contra os teitos de cristal e os chan pegañentos desde a nosa propia realidade, con voz propia.