Pontón: “Obxectivo cumprido, Galiza vai ter voz propia no Estado”

Ana Pontón BNG A Nova Peneira

Avanza a disposición favorable a un Goberno de progreso e lanza como reto inmediato ser clave para conseguir un cambio real en Galiza nas eleccións de 2020

Rego compromete un traballo firme a favor de Galiza no Congreso e destaca que o resultado é unha proba “da autoestima e do orgullo do pobo galego”

Santiago de Compostela, 10 de Novembro

Obxectivo cumprido: Galiza vai ter voz propia no Estado da man do BNG e, a partir de agora mesmo, a traballar para ser a clave para o cambio real nas eleccións galegas de 2020. Así sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, a valoración dos resultados electorais do 10N, avanzando que o BNG está disposto a facilitar un Goberno de progreso pero cunha axenda de país no centro da súa acción política e da defensa dos dereitos sociais e da democracia.

Pontón subliñou tamén outra das razóns para “sorrir” no feito de que o escano do Bloque freou a entrada da extrema dereita en Galiza.

“Hoxe é un día no que moitos galegos e galegas recuperaron o sorriso porque Galiza volve estar en Madrid con voz propia da man do BNG. Imos ser garantía da defensa dos intereses deste país, de defensa dos dereitos, das liberdades e da democracia, imos defender un futuro mellor para para os galegos e as galegas traballando desde o Congreso para conseguilo”, salientou Pontón. “Non imos fallar, imos estar á altura deste momento e da súa confianza”, recalcou.

A líder nacionalista, avanzou que, ante o “escenario complexo” que se abre no Estado, “no Bloque estamos dispostos a colaborar para que haxa un Goberno de progreso, pero a axenda dos galegos e das galegas estará no centro da nosa política, non imos permitir máis discriminacións con este país”, recalcou. Ademais, “este resultado danos motivos adicionais para sorrir porque dixemos en campaña que eramos o muro de contención da extrema dereita, e grazas ao escano do BNG Galiza non terá ningún representante desa extrema dereita racista, machista e antigalega”.

Recuperada voz propia no Estado, insta a poñerse a traballar desde xa de cara ao gran reto das eleccións galegas nas que o BNG, -dixo-, vai a por todas.

“O obxectivo en 2020 é desaloxar da Xunta á dereita do PP e a Feixóo, imos ir a por todas porque estas eleccións tamén deixan claro que hai ganas dun cambio político neste país”, recalcou. “Este resultado danos moito ánimo, ilusión e forza para seguir sumando máis e máis cidadanía arredor do proxecto BNG, o impulso deste resultado é decisivo”, argumentou. Ademais, nun escenario no que se vai tratar o marco institucional e no que, ante a estratexia da recentralización e do discurso da extrema dereita, “non imos permitir nin un paso atrás, porque temos un proxecto político pero, sobre todo, temos un proxecto de país”.

Neste sentido, Pontón destacou o avanza das forzas nacionalistas dos diferentes territorios do Estado, fronte aos que queren impoñer unha España monolítica negadora das nacións e dos pobos. A líder nacionalista agradeceu o apoio da militancia e dos simpatizantes, aos que atribuíu o mérito do resultado, e agradeceu tamén todos os apoios que, a título individual e colectivo, -con mención especial a CxG-, se sumaron ao proxecto nacionalista.

Campaña heroica fora dos platós

Pola súa parte, o deputado electo Nestor Rego declarou a súa satisfacción polo resultado.

“Cumprimos o obxectivo marcado: a volta do BNG ao Congreso como garantía de voz propia para Galiza nunha campaña heroica e desde fora dos platós de televisión, que foi posible grazas á militancia e a todas as persoas e colectivos que se sumaron e manifestaron o seu apoio ao Bloque. Foi moi emocionante ver como fomos a máis, sumando día a dí,a e esa suma no proxecto nacionalista é un obxectivo estratéxico”.

Para o xa deputado o resultado “demostra o orgullo de país e a autoestima do pobo galego” e reafirmou ao seu compromiso “na defensa firme dos intereses de Galiza por riba de todo. O verdadeiro traballo empeza agora, o compromiso é máis firme que nunca, estamos no congreso para defender este país e a xente deste país”, proclamou.

O apoio ao BNG supón tamén “reforza a conciencia nacional e, no máis inmediato, coloca ao BNG nunha excelente oposición para afrontar o reto das elección galegas na que o obxectivo e conseguir o cambio real na Xunta, no só unha alternancia senón unha verdadeira alternativa que so garante o Bloque”, concluíu, expresando o seu agradecemento e recoñecemento á militancia nacionalista.