La pelu de Lara

La pelu de Lara A Nova Peneira

EFICIENCIA, CREATIVIDADE E SIMPATÍA A TONELADAS EN PLENO CORAZÓN DE CHAPELA

Nalgún sitio, do que non quero lembrarme, lin que as mellores historias na vida das persoas son as que xorden de maneira espontánea, as que non planificas, se cadra porque nacen como resultado das emocións e, xa que logo, chántanse con maior firmeza no máis profundo da alma de cada un. Así me pasou a min con esta reportaxe coa miña peluqueira, non tiña intención de facela, pero un día, mentres me cortaba o pouco pelo que me queda, estaba a pasalo tan ben conversando con Lara, que pensei que sería unha boa idea prolongar a conversa e entrevistala. Si quero lembrarme de que era a escritora Carmen Martín Gaite a que dixo que non hai experiencia máis agradable que a conversa, cando quen fala sinte a necesidade de falar, e quen escoita ten gañas de escoitar, e iso, exactamente iso, é o que me pasa a min cada vez que vou cortar o pelo con Lara. Aconsello ás lectoras e lectores que non a coñezan que proben a coñecela, teño a certeza de que lles vai pasar o mesmo que a min me pasa.

Eu era cliente da peluquería Enredos e de súpeto pasei a selo da “pelu de Lara”, por que?

Pois porque eu desde o principio nunca estiven moi convencida do nome

A que te refires cando dis “desde o principio”?

Aos catro anos que levo eu co negocio

Pero esta peluquería ten moitos máis anos de vida, verdade?

Si, en total ten 48 anos

Caramba os mesmos ca min, 48 anos ininterrompidos??

Si, ela xubilouse un sábado e eu abrín a porta..

Non me digas máis, o domingo?

Ha, ha ha ha , non pero, case, ela xubilouse o sábado e eu abrín o luns

Ti levas catro anos como propietaria deste negocio, pero ENREDOS non foi o teu primeiro affaire, verdade?

Ha ha ha ha ha, vouche corrixir, xa sei que es de broma pero o termo que utilizas non é apropiado, ENREDOS non foi un “affaire” foi un asunto moi serio, pero efectivamente non foi o primeiro, xa tiña experiencia no sector pois traballei nunha pelu de Teis como empregada.

ENREDOS xa era o nome orixinal do negocio ou puxéchesllo ti?

O nome púxenllo eu, ben, mellor dito foi un consenso familiar dos meus sobriños, pois antes tiña o nome da súa anterior propietaria

E o nome ten algunha relación semántica coa túa personalidade?

Ha , ha ha ha, si algo si, confeso si

Ah si, pois non me pareces dese perfil..

Ha, ha ha, tampouco nos coñecemos tanto. Eu son moi traballadora e responsable, pero no momento da festa e da troula cando hai que “enredar á xente”, non hai quen me pare

Os cambios sempre soen ser traumáticos, non che deu algo de medo mudar o nome do negocio a “La pelu de Lara”?

Non, porque o nome de Enredos non o utilizaba ninguén, todo o mundo dicía que ía á pelu de Lara,e mira ti máis fácil imposible

Levas máis dun ano co nome novo, valórao?

Pois foi estupendo, asemade asumín novos proxectos o que é un reto importante para min

Que proxectos?

Asocieime cunha maquilladora, de San Miguel de Oia, Silvia

Vaia, fuches buscar lonxe á socia?

Ha, ha ha é que comecei como clienta, e a verdade é que conxeniamos xenial e decidimos facer eventos xuntas; vodas, bautizos, e todo tipo de celebracións

E como vos organizades?

Se son clientas miñas ven ela ata Chapela, e se son súas vou eu ata San Miguel, e ás veces traballamos fóra, especialmente cando se trata de temas de vodas que imos ata o lugar da celebración

Vaia, temos unha novidade importante?

Si, moi importante e que me ilusiona moito, desde a primeira voda que fixemos xuntas en febreiro deste ano a verdade é que non paramos

Traballades cómodas xuntas?

Comodísimas Tino, a verdade é que eu síntome de marabilla con ela

A valoración global do ano Lara?

Moi boa, para min o 2.019 no que ao aspecto profesional se refire, foi un ano de cumprir todas as miñas expectativas

Vexo que despois de case 20 anos fozando no pelo da xente, segue a ilusionarche o teu traballo verdade Lara?

Moito, ilusióname dunha maneira superlativa

Segues pensando que o mellor da túa profesión é traballar coa xente e o peor traballar coa xente?

Vaia memoria que tes , iso dixéracho o ano pasado, e si, sego a pensar o mesmo, pero afortunadamente no meu caso, no caso das miñas clientas e clientes o mellor gaña por abafadora maioría ao peor

Hai algún tema que sexa complicado de tratar con perfiles determinados de clientes?

A política, e a relixión

E sigamos coa memoria, segues tendo a ilusión de cambiar de local?

Si, claro que si, e algún día fareino, teño por costume pelexar por converter os meus sonos en realidades e neste caso non vai ser diferente. Quero un local moito máis grande con máis e mellor luz natural e onde poida ampliar os servizos de estética, poder contratar a alguén que se dedique só a homes e moitos máis sonos máis que algún día serán realidades

Acabamos Lara veste de perruqueira toda a vida?

Si, igual fago algunha outra cousiña para complementar pero deixar a miña profesión por completo ,non, de ningunha maneira

Agora si que rematamos Lara, podes aproveitar as nosas páxinas para dicir o que queiras ás túas clientas e clientes?

Eu valoro moito a lealdade nos seres humanos, é unha calidade que admiro e respecto profundamente, e teño que dicir que estou inmensamente agradecida, pero cunha inmensidade superior ao máis inmenso dos océanos, á gran cantidade de clientas e clientes leais que me honran coa súa compañía, para min máis que as miñas clientas, son xa as miñas amigas e amigos, e desde logo, a miña casa, LA PELU DE LARA, é tamén a súa, agardo ser capaz de facer que vos sintades así despois de compartir un rato comigo.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*