A mostra ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista’ chega ao IES pazo da mercé de As Neves

Rexas As Neves exposición mulleres no franquismo A Nova Peneira

A comisaria da exposición, a xornalista de Vilagarcía Montse Fajardo realizou un traballo brillante, amosando as diferentes formas de terror que padeceron as mulleres a mans do nacional catolicismo franquista. Elas non só sufriron asasinatos, torturas e humillacións cando tiñan algún tipo de compromiso político ou social, tiveron que soportar, en moitas ocasións, o engadido da violencia sexual, e incluso padecer terribles episodios de abusos por seren parellas, nais, irmás ou simplemente por ter algún tipo de vinculación afectiva con homes que eran considerados inimigos polos representantes do réxime de terror e escuridade que arrasou coa luz da ilustración da II República. Só nos queda parabenizar a Montse,e a o Instituto Pazo da Mercé D’AS NEVES por ter organizado un acto imprescindible para que o terror franquista nunca se esqueza, para que sempre estea presente na alma das persoas das novas xeracións e para que nunca volva suceder nada semellante

A exposición da Deputación, que recolle as historias de 172 mulleres represaliadas, inclúe tamén á veciña da zona Cándida Castro

Para que contara o agocho do home, os golpistas foron buscar a Cándida Castro Araújo á finca na que regaba o millo e, descalza, levárona detida ao cuartel. Ela lles dixo que el marchara ao Brasil e non soubera máis, pero o certo é que Eduardo Rodríguez Gil cruzara a fronteira con Portugal. Algunhas noites volvía de regreso ás Neves e traballaba na leira para axudar a Cándida a sacar a casa adiante, pero nunca se achegaba a ela para que non os descubriran. Co tempo, fixéronlle un agocho na casa da súa nai, Josefa a Castellana, e dixéronlle á súa filla, Carmiña, que aínda era pequena, que lle chamara avó, para que non se lle escapase que tiñan agochado ao seu pai. Nunca máis foi quen de chamarlle así, nin de falar sen murmurar.

A veciña das Neves, Cándida Castro é unha das 172 mulleres recollidas na exposición ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista’ da Deputación, do departamento de Memoria Histórica que dirixe María Ortega. A súa historia foi contada hoxe ao alumnado do IES Pazo da Mercé con motivo da inauguración da mostra nas súas dependencias, onde permanecerá toda a semana. Castro é una das oito mulleres que nela representan ás “sobreviventes”, mulleres de fuxidos, de asasinados, de presos, que viron como a súa vida quedaba truncada pola represión sobre os homes e que se viron obrigadas a convivir cos responsábeis, que en moitos casos as sometían a continuos rexistros, depuracións ou abusos.

Con elas, na mostra tamén se fala das mulleres asasinadas na provincia de Pontevedra, das que ficaron presas por parentesco ou po mor da súa ideoloxía e a súa militancia en agrupacións políticas e sindicais. Fálase das mestras, das exiliadas e tamén das mulleres rexas que, a pesar de todo o sufrido foron resistentes e transmitiron a memoria do que pasou ás xeracións seguintes.

En total, “Rexas” fala de 172 mulleres, 90 delas incluídas nalgunha das 80 imaxes que recollen os paneis, con inclusión de historias de todas as comarcas da provincia.

A selección das mulleres mestura nomes máis coñecidos como os de Urania Mella, María Gómez, Josefa García Segret, Placeres Castellanos ou Josefina Arruti, con outros máis anónimos, na maioría de perfil humilde, que tiñan máis risco de ficar no esquecemento. Así, xunto as mulleres máis fáciles de atopar na bibliografía da temática, inclúense biografías ata o de agora inéditas como a de Dolores Buján (Cuntis), Asunción Berea (Marín) ou Elena Valverde (Porriño).

Conscientes de que faltan moitos nomes de pontevedresas represaliadas, en Rexas intentouse seleccionar casos representativos das distintas tipoloxías de castigo sen deixar fóra ningunha comarca, tendo en conta as especificidades da represión sufrida polas mulleres galegas de toda condición social, e cunha idea básica a transmitir ao público, neste caso ao alumnado das Neves: Co golpe de Estado fascista, todas as mulleres perderon porque deixaron de ser consideradas cidadás para quedar entre as reixas dun réxime que só as visualizaba como nais e esposas. No golpe de Estado fascista, toda a sociedade foi vítima.