Trampóns

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago

Trampón, trampona: Que ten o costume de facer trampas ou de dicir mentiras.

A política de “altura” é hoxe un constante exercicio de dicir mentiras, executado por trampóns profesionais que viven de enganar. Esta é a práctica habitual cada vez que escoitamos as declaracións públicas ou os mitins dos representantes dos partidos estatais, dos seus grandes líderes até os voceiros máis insignificantes.

Os famosos debates electorais son, sen lugar a dúbida, o mellor exemplo disto.

Non fai moito asistimos a unha campaña electoral caracterizada pola mentira e a manipulación para enganar e apañar uns cantos votos. É o espectáculo. O modelo televisivo imponse na política e as intervencións públicas, debates e declaracións parecen sacadas de calquera programa de Telecinco onde o nivel cultural é baixo e os berros altos.

A isto temos que sumarlle a falta de contido deses berros. Non se fala nen se debate de cuestións fundamentais para o día a día de todos e todas nós. Só falan do tema catalán, como antes fixeron con Venezuela ou co “terrorismo, tentando buscar a quen incriminar e desviar a atención do importante.

E a táctica da confusión, a tinta do polbo que despista para que non vexamos a realidade. Trátannos coma parvos baixando o nivel do discurso até límites infantís, e poden facer isto por que os medios de comunicación, como a televisión, xa fixeron un excelente traballo para reducir a capacidade intelectual dos espectadores mediante unha programación mediocre.

Non podemos esperar outra cousa duns partidos ao servizo do estado español que teñen como misión manter o Statu Quo de dominación territorial e social. As liortas entre a esquerda e a dereita, entre os novos e os vellos partidos, son un teatro mediático para despistar. Non debemos caer na trampa.

Resulta difícil argumentar cando o discurso que se impón é o da brevidade e do inmediato, o discurso da estupidez. Pero non debemos resignármonos. O noso é un longo camiño, unha carreira de fondo, para liberar o noso país. O traballo do nacionalismo galego está cheo de obstáculos e parece que veñen tempos de centralización e desprezo do diferente. Temos que ser didácticos e redobrar esforzos para facerlle comprender ao pobo galego que a solución aos seus problemas non pasa por Madrid, non pasa por seguir aturando trapalleiros e trampóns. Pasa por reafirmármonos como pobo dono do seu destino.