Xulio Lorenzo “ Volve a soñar”

Xulio Lorenzo Gaiteiro Concello de Mos A Nova Peneira
Marcos Santos

Ao longo da miña vida, sempre tiven predilección pola compañía das persoas xenerosas, as que che dan sen pedir, as que che acompañan sen esixir, e o noso protagonista da conversa de hoxe é unha desas persoas coas que paga a pena compartir tempo, tanto pola súa grande categoría humana como polo seu sobresaínte talento como músico. O gaiteiro mosense Xulio Lorenzo ten novo disco e A Nova Peneira conversou con el.

Acabas de quitar novo disco, e coñecéndote como te coñecemos estou seguro de que estás ilusionadísimo e con moitas gañas?

Moitas e verdadeiras despois de dous anos con “cantos da Ialma” reaparecemos con este “Volver Soñar”

Que pretendes transmitir con este disco?

O máis profundo e íntimo de min, sintetizado no propio título, pretendo volver soñar.

Corríxeme se me equivoco Xulio pero hoxe miráchesme coa camiseta de “Cantos da Ialma” e pareceume como se sentises un pouco de apuro ?

Non, todo o contrario fixéchesme sentir moi orgulloso .

Ti es un gaiteiro autodidacta, pero creo que é de xustiza destacar algunhas influencias importantes como a de Xosé de Dornelas , ou Pepe cortizo ?

Totalmente certo, son xente moi importante na miña aprendizaxe e formación musical

Na actualidade ti xa tes alumnos, sería apropiado que te chamásemos : Mestre ?

Non eu non diría tanto, eu non me considero mestre, algún rapaz que lle ensino dende moi cativo me di mestre pero ben pero eu considérome un músico

Ben, eu creo que un pouco mestre si que es, Incluso chegaches a actuar nunha barca?

Ha ha ha ha, foi algo moi bonito na presentación dunha copa europea de vela en Vigo, eu tiña que ir tocando e ao mesmo tempo baixar da gamela, e, moi ben, foi xenial .

Ti es novo Xulio, pero xa cunha traxectoria moi ampla ?

Eu teño unha natureza curiosa e inconformista, adoro aprender, e compartir experiencias con tanta xente e tantas bandas das que tanto aprendín, foi unha auténtica delicia.

Non podo deixar de preguntarche pola túa actuación na nosa gala, nós estamos agradecidísimos e moi honrados, agardo que ti o pasaras ben ?

Xenial, encantoume, foi un acto moi chulo e eu estaba moi cómodo e feliz rodeado de amigos

Que tal en Brasil?

En Brasil só estiven tres meses pero creo que si me quedaría alí, o seu dia día é máis relaxado, como mais doado…. hai unha rúa na que os artistas actúan, é moi bonito, realmente marabilloso ,logo valoran moito aos músicos

A túa profesión é carniceiro non?

Si, eu prefiro a gaita claro, pero o meu traballo gústame ….

Dime a señora Helena, unha amiga túa que che coñece ben, se agardas poder vivir da túa música ?

Esa é unha das miñas ilusións, abofé que si.

No anterior disco, San Simón ten certa relevancia, verdade?

Si, a última canción, quixen ter un recordo para Miguel Barros e para todos aqueles que sufriron a barbarie da represión.

Que opinas en relación coa polémica do Samaín en San Simón?

Penso que hai certos sitios que deben ser respectados, e coa Illa de San Simón, que tanta xente padeceu non se deberían facer frivolidades, debémosllo á memoria de todos os que alí sufriron

Temos próximo concerto ?

Si, con moitas sorpresas, unha delas a Cortizo o meu mestre, o 4 de xaneiro no multiusos da Xunqueira …. e logo tamén temos unha gravación na Rtvg, no programa Larpeiros

Antes falamos do teu último disco, e agora quixera que nos contes un pouco máis as súas características máis importantes?

Hai moita xente que lle gusta este disco di que ten outra luz, supoño que vas evolucionando e parece ser que para mellor. As fotos foron en Valença un sitio que me gusta un montón. Gravouse en Vigo nos estudos Metrópolis , con Fran Álvarez. Son xente que traballa moi ben, con moitos artistas importantes como por exemplo Belém Tajes , Andrés Pena ,Marcos Campo , Margarita Mariño …

Como te denominas ti como músico?

Eu son de confiar na xente por exemplo si ti es o guitarrista confio no teu bo facer e na túa profesionalidade, e desa maneira sentíndonos cómodos mutuamente, ao meu xuízo, acádanse mellores resultados

As lectoras e lectores que queiran coñecerte mellor como poden profundizar no teu traballo?

Na miña web xuliolorenzo. Con isto estou en facebook , instagram … todo o mundo que queira o disco estamos na web encantados de facilitarllo, en inquedanzas sonoras que nos distribúen, e se queren unha aperta do músico pois poden achegarse á carnicería na praza de abastos de Redondela.

Moitas grazas Xulio