Democracia, poder económico e manipulación

Evo Morales A Nova Peneira

O pasado día 2 de novembro podíamos ler na edición dixital do xornal español EL MUNDO a nova deste espantoso episodio, un máis, de violencia de xénero, ilustrada coa imaxe que a continuación aparece, unha fotografía do presidente Evo Morales retratado nunha pose que denota certa agresividade

Muere una adolescente víctima de una brutal violación grupal en Bolivia”

Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Imaxinémonos amigas e amigos que o estarrecedor suceso da violación e asasinato desa moza tivese acontecido en Madrid no canto do país boliviano, e supoñamos que, case con absoluta certeza, ese mesmo xornal informaría puntualmente ao seus lectores e lectoras de tan horrible suceso. E agora ven a pregunta chave: cren que a nova do asasinato sería ilustrada cunha imaxe de Felipe VI?

A resposta é máis que evidente, xa que a pregunta era moi doada, pero esta xa é un chisco máis complicada de responder, por que en Bolivia si, e en España non?.

O presidente Evo Morales accede ao poder en xaneiro do 2.006, e entre os principais logros do seu mandato podemos destacar: a nacionalización dos recursos hidrocarburíferos do país que ata entón eran explotados por compañías multinacionais entre as que cabe salientar a española Repsol e a brasileira Petrobras, a estatalización dos ferrocarrís bolivianos, o que afectaría fundamentalmente a capital transnacional chileno, sete decretos sobre a nacionalización de terras que entregaban a súa propiedade a campesiños pobres, especialmente indíxenas, a rescisión do contrato de subministro de auga ao departamento de LA PAZ que estaba en mans dunha empresa francesa, a nacionalización de Entel, a maior compañía telefónica de Bolivia, que ata ese momento dependía dunha multinacional italiana, a campaña de alfabetización YO SI PUEDO que ensinou a ler e a escribir a 1.200.000 bolivianos e bolivianas e que logrou a erradicación do analfabetismo endémico do país, a segunda fase desa mesma campaña que consistiu en alfabetizar á poboación nas linguas orixinarias da rexión; o quechua o aimara e o guaraní, o proceso de nacionalización de todo o sector eléctrico…

O resultado de xestionar ao servizo das persoas e non a modo de lacaio da oligarquía económica foi que durante o seu mandato o PIB creceu unha media do 5,2%,logrando o maior crecemento económico en tres décadas, de feito no ano 2.010, como consecuencia do devandito crecemento económico unha institución, tan pouco sospeitosa de bolivariana, como o Banco Mundial, sacou a Bolivia da lista de países con ingresos baixos e colocábaa na lista de países con ingresos medios. O director, naquel momento, do Banco Mundial para os países andinos Felipe Jaramillo declaraba :” vemos un progreso notorio no país, na economía, nas cifras da pobreza e nas cifras sociais un manexo macroeconómico san e estable….”

Fronte a esa fervenza de datos empiricamente obxectivables a nova presidenta boliviana Jeanine Añez esgrime dúas medidas que producen un intenso arrepío : A biblia “LA BIBLIA VUELVE A PALACIO” e A APROBACIÓN DUN DECRETO QUE EXIME ÁS FORZAS DE SEGURIDADE DE RESPONSABILIDADE PENAL, é dicir darlles a liberdade de poder reprimir as protestas da poboación civil, ata co asasinato se o consideran oportuno, porque xa teñen a seguridade xurídica de que nada lles vai pasar. A día 17 de novembro a CIDH( comisión inter americana de dereitos humanos) elevaba a 23 o número de mortos e a 715 o de feridos como consecuencia dos incidentes acaecidos nas protestas ante o golpe de estado da oligarquía económica contra o lexítimo presidente boliviano. As redes sociais ferven con imaxes e vídeos estarrecedores da salvaxe represión que os militares e policías exercen mesmo con fogo real contra a poboación civil que protesta.

En Bolivia, ou en calquera parte do mundo, a democracia, entendida como o imperio da vontade da maioría ,pero con escrupuloso respecto ás opinións das minorías, non será nunca unha realidade mentres o poder económico teña a posibilidade, coa vergonzosa complicidade do poder mediático, de pór ou quitar presidentes segundo conveña aos seus intereses. Agardo, con humildade, que poidan comprender os motivos polos que sería absolutamente absurdo ilustrar a nova dunha violación e asasinato machista en Madrid coa imaxe de Felipe VI, pero faise con normalidade cun presidente como Evo Morales.