Emiliano Lage. Alcalde de Fornelos de Montes

Emiliano Lage A Nova Peneira Concello de Fornelos de montes

Non hai mellor forma de rematarmos o ano que achegándonos a Fornelos de Montes, o pobo máis bonito do bonito do mundo, pola súa inmensa beleza física e polo acougo e serenidade que transmite, como sempre foi un pracer conversar do divino e do humano co seu alcalde.

ESTE GOBERNO TEN MOI CLARAS AS DEFICIENCIAS E AS NECESIDADES DE ACTUACIÓN QUE TEN FORNELOS,E NA MEDIDA QUE EXISTAN POSIBILIDADES ECONÓMICAS IMOS IR A POR ELAS CON ENERXÍA E CONTUNDENCIA”

Estamos a piques de rematarmos o ano, como o valoramos, alcalde?

Ben, creo que en liñas xerais foi un bo ano para Fornelos, moi intenso politicamente pois en moi pouco tempo vivimos unhas eleccións municipais, unhas europeas e dúas nacionais.

No teu pobo, o partido socialista ten a situación política moi controlada?

Eu o que entendo, e que a maioría das veciñas e veciños avalan a nosa xestión coa súa confianza o que é unha inmensa honra para min desde logo

Aquel experimento un tanto peculiar de C,S que montaron para as municipais aquí, en que quedou?

En nada, non quitaron representación e como todos os proxectos sen base real que se montan ad hoc para un proceso electoral concreto, cando o proceso remata, o experimento desaparece. Fíxate ti cal sería a miña sorpresa que á candidata de C,S nas municipais de Fornelos de Montes, mireina eu no mitin que deu Pedro Sánchez en Vigo

Ti sempre me dixeches que a única oposición real que tiñas era a que exercía o BNG, agora que Pedro xa non está, coa súa actual concelleira, Mila de Traspielas, sigue acontecendo o mesmo?

Exactamente o mesmo. A única oposición que teño aquí é a do BNG, unha oposición contundente pero responsable.

E o PP de Fornelos, segue actuando como unha procesión de caladiños?

Non fan nada, só votan o que consideren

Pero algunha moción presentarán, supoño?

Non

Alucino, en serio Emiliano?

Absolutamente en serio, nunca presentaron ningunha moción

Que tal foron as festas de Agosto?

Moi ben, malia que o tempo non axudou moito, tanto de contido como de afluencia, considero que estiveron na liña do que soen ser aquí as festas patronais

Penso que a sociedade fornelense está moi implicada nesas festas verdade?

Abofé que si, e aínda que son moitas as persoas que se implican, quixera aproveitar para destacar o traballo inmenso en calidade e cantidade de dúas persoas que colaboran de maneira superlativa: Cayetano e Eva.

No anterior mandato 2.015-2.019 tiñas a ilusión de facer realidade o Tanatorio, como así foi, que proxectos tes en mente para este período 2.019-2.023?

Ben todo dependerá das posibilidades económicas que teñamos, precisamos a renovación de varias instalacións deportivas, algo que xa lle comentei á presidenta da DEP

E a súa receptividade?

El é moi sensible ás necesidades dos concellos alén dunha persoa xusta. Tamén precisamos renovar o tellado do pavillón. Avanzar no saneamento é moi importante para nós

En que zonas?

Rematar o de Calvos, que xa non nos falta moito, o de Fornelos xa está rematado e agora teremos que meternos seguramente con Traspielas malia que a orografía desa parroquia é moi complicada xa que ten catro núcleos de poboación moi diferenciadas. O saneamento nun concello como o noso é complicadísimo, tanto pola orografía, como pola dispersión como polo custe. Fíxate a depuradora de Calvos, a nós sáenos entre 15.000€ e 20.000€ ao ano, e como comprenderás se a Xunta non se implica o que debe, pois resulta realmente difícil. E xa por último tamén temos necesidade de mellorar a nosa rede viaria. En definitiva, este goberno ten claro as deficiencias e as necesidades de actuación que ten Fornelos e na medida de que existan posibilidades de financiamento imos apor elas con absoluta enerxía e contundencia

Fan falta cartos claro?

Si, desde logo. Nas campañas electorais todos falan da “España vaciada”, pero unha cousa é falar e outra moi distinta e exercer a responsabilidade de achegar os investimentos necesarios para que o rural non se vacie.

Se algunha familia nova quixera vir a vivir en Fornelos tería facilidades para atopar unha vivenda?

Non hai moitas, a verdade é que non. Hai algunhas ruinosas que compran xente de fóra e rehabilitan, pero no aspecto da vivenda nova para mercar e alugar, eu entendo que a Xunta debería dar un paso adiante na creación dun parque de vivendas no rural a prezos asequibles para facilitar que a xente que o desexe poida vir vivir ao rural

Supoño que á hora de dar licenzas para vivenda nova o, concello non será un problema?

De ningunha maneira, todo o contrario, sempre cumprindo escrupulosamente a lei por suposto, nós damos todas as facilidades do mundo

Fálanos do Foxo dos lobos?

Pois rematámolo de limpar e preparar hai pouco, cunha subvención de turismo, e seica é o máis grande de Europa. Recentemente organizaron unha andaina para miralo e presentáronse 130 persoas

Os premios Lueiro Rei seguen indo ben?

Eu entendo que si, seguen a ser unha das sinais de identidade do noso pobo e considero que xa están inseridos no panorama cultural de Galicia como unha das citas imprescindibles e de máximo nivel

Este nadal vas pór unha noria como a de Vigo?

Ha ha ha ha, este Nadal imos pór unha decoración moi bonita e decente, conforme a nosa capacidade, como procuramos facer todos os anos

A atención ás persoas que o pasan mal, segue a ser unha prioridade?

Total e absoluta, este é un goberno sensible ás necesidades dos segmentos de poboación que sofren, e sempre vai estar para atendelos no que precisen

Quedaches contento da aperta entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias?

Si, claro que si, aínda que penso que debería terse feito antes

E para rematar, que vai pasas nas eleccións autonómicas do 2.020?

Eu creo que é evidente que a Galicia faille falta un cambio con urxencia, e só pode ser liderado pola experiencia e pola solvencia do partido socialista. Estou moi ilusionado en que o próximo presidente da Xunta será socialista