Mari Carmen Amoedo, voceira do PP de Redondela

Carmen Amoedo Concello de Redondela A Nova Peneira

Cando Aristóteles definiu ao ser humano como “ZOON POLITIKON”( animal político), Mari Carmen Amoedo non existía aínda, pero a concepción aristotélica adecúase perfectamente a arquitectura de Mari Carmen, pois poucas persoas coñezo, que vivan a política con tanta intensidade e paixón como a vive a voceira do PP de Redondela. Eu agradézolle moito a Mari Carmen que me atendera con tanta amabilidade, sabendo, como sabe, que a miña visión da realidade está nas antípodas da súa, a nosa conversa foi un verdadeiro exercicio de democracia do que estaría ben que aprenderan os representantes do PP doutras localidades próximas a Redondela

Tino Lago

ESTE GOBERNO É CARNE DE PHOTOCALL TODO O RATO, PERO NON TEN NADA DETRÁS”

Malia que a intención fundamental desta conversa é coñecer valoración do PP de Redondela sobre o novo goberno municipal, quero que comecemos falando de Javier Bas, e de cales son os teus sentimentos sobre a súa a marcha a Madrid como deputado?

Para todo o PP de Redondela e para min en particular o feito de que Javier sexa deputado en Madrid é unha alegría inmensa, e ademais teño a certeza de que fará un traballo excepcional

E non o ides botar de menos no PP de Redondela?

Eu agardo que siga colaborando con nós e nos siga axudando. El segue formando parte do noso grupo humano e teño a certeza de que a nosa vinculación afectiva seguirá intacta

Corríxeme se me equivoco pero creo que lin declaracións súas nalgún sitio nas que dicía que defendería os intereses de Redondela no parlamento, en que se concreta iso?

Pois na defensa firme dos nosos intereses; por exemplo que sen ningunha escusa se materialice xa un cronograma para a supresión da peaxe de Redondela, ou que se concreten as melloras, que xa estaban comprometidas e xa cun orzamento, imprescindibles para o entorno de Rande, Trasmañó e Chapela

A esquerda política de Redondela acúsavos de que defendedes con moita intensidade a supresión da peaxe nesta época de goberno socialista, pero que non o faciades ,nin por asomo, coa mesma forza, cando en Madrid gobernaba o PP, que tes que dicir ao respecto?

A esquerda de Redondela minte máis que fala

Non é verdade iso?

Desde logo que non, sendo goberno Mariano Rajoy fixemos unha manifestación en Chapela en contra da ampliación da AP9, sendo ministra Ana Pastor, Javier Bas reuniuse con ela para dicirlle que non quería esa ampliación. Nós si que defendemos ao noso pobo, e non a esquerda deste pobo que sempre lle dá prioridade os intereses partidistas particulares sobre os xerais do conxunto da veciñanza

Ben, como valora o PP de Redondela o feito de que o goberno municipal sexa bipartito e non tripartito?

O BNG non está no goberno de Redondela porque non lle deixaron. Non está porque AER puxo esa condición, non ten sentido que o BNG non estea e que estea unha suposta agrupación de electores que o que está a amosar é que é unha prolongación do PSOE

En serio consideras que AER é unha prolongación do partido socialista?

Total e absolutamente

Que voltas dá a vida, noutro contexto histórico, cando a abstención de AER impediu que Eduardo Reguera fose alcalde, diversas voces do PSOE, definiron a AER como a “ marca branca do PP”?

AER naceu como unha agrupación veciñal que supostamente viña ao concello non a ocupar cadeiras, senón para fiscalizar e evitar as políticas caciquís da etapa de Xaime Rei, e polo de agora na súa acción de goberno o único que están a amosar é seren unha prolongación do PSOE.AER dixo que pretendía traer aire fresco a Redondela, pero o aire que trouxeron ven bastante contaminado

O goberno de Xaime Rei era un goberno caciquil?

Eu non teño ningunha dúbida

Xa pasaron seis meses e xa temos algo de tempo para emitir unha primeira valoración do novo goberno municipal de Redondela, gustaríame coñecela?

O primeiro que quero dicir é que si, eles teñen as portas abertas, pero o problema é que non están nos despachos. En seis meses de goberno bipartito co apoio cómplice do BNG que non lle está a facer ningunha oposición a pesar de ter motivos sobrados para poderlla facer, non foron quen de presentar nin sequera un borrador de presupostos, e están a traballar cos nosos do 2.018 prorrogados

Ben, aínda non comezou o ano

Xa pero concellos como Vigo, Salceda ou Salvaterra por exemplo xa aprobaron os seus, pero o goberno de Redondela só se pode definir como un goberno da mentira e da xustificación

A mentira por que?

Porque entran dicindo que van limpar o aire que supostamente nós deixamos sucio e nin o aire que nos deixamos tiña un átomo de sucidade, nin limpan nada en absoluto

E da xustificación por que?

Hai que deixar moi claro que nós gañamos as eleccións municipais, a realidade é que AER perdeu un concelleiro e moitos votos, eles dicían en campaña que xa estaban preparados para gobernar, e o certo é que a sociedade redondelá díxolles claramente nas urnas que non os querían no goberno pois sufriron unha perda significativa de apoio, por outra banda a señora Rivas tivo 1.000 votos menos que Borrell nas europeas( que foron o mesmo día cás municipais). É dicir; 1.000 votantes socialistas si votaron ao psoe nas europeas pero non a Digna Rivas como alcaldesa. E no caso noso 3.000 persoas non votaron ao PP nas europeas pero si votaron a Javier Bas como o seu candidato á alcaldía de Redondela.

E de aí ven o da xustificación, porque para xustificar que Redondela precisaba un cambio de goberno, case case hai que aceptar “ polbo como animal de compañía”. Nós deixamos 2,4 millóns en obra para comezar a facer xa, que corren o risco de perderse

Por que? E dime algún exemplo?

Por desidia, por apatía total e absoluta. E algún exemplo pois a casa da cultura de Quintela, a única parroquia que non a ten, a área recreativa de Santo Estevo, despois do que nos costou conseguir eses terreos, agora están completamente enlamados. Este goberno non está preparado e tratan de xustificar o que non ten xustificación. O problema é que a alcaldesa durante os catro anos que foi deputada provincial e concelleira da oposición, en realidade só foi deputada provincial

O entroido de verán deste ano como o valoras?

O botellón foi o mesmo ou máis que en anos anteriores, e en canto a asistencia de visitantes foi arredor dun terzo menos que o habitual. Este entroido foi un absoluto fracaso. Este equipo de goberno traballa por impulsos e afogado polos tempos non son capaces de concretar unha soa medida en beneficio de Redondela. Este goberno é carne de photocall todo o tempo, pero sen nada detrás.

E en canto á vosa oposición?

Como debe de ser unha labor de oposición, fiscalizar a acción de goberno, e levar ao pleno propostas en positivo para que mellore Redondela

Non acabo de ver en que beneficia ao pobo de Redondela a vosa teima co asunto da exposición do colectivo republicano, do que pouco menos que fixestes casus belli

Nós apoiamos ás forzas de seguridade do estado despregadas en Catalunya, de feito levamos unha moción a pleno sobre este asunto, aprobada cos nosos votos e cos do PSOE e co voto en contra de AER e do BNG, e non pode ser que unha semana despois se coloque unha exposición dunha suposta represión contra os cidadáns de Catalunya

Segues avalando, entendo, aquela decisión do voso goberno de retirar esa exposición?

Si, claro que si, é que se nos estamos gobernando esa exposición non se fai

Que ambiente percibes pola rúa, non digo dos simpatizantes vosos, senón da veciñanza en xeral?

En xeral, que a alcaldesa actúa por impulsos, que non ten idea de onde se meteu, e que a atención á veciñanza é moi deficiente, e ata se pode dicir que en ocasións inexistente

Como está sendo a túa experiencia como deputada provincial?

Enormemente enriquecedora, pois coñezo moitas particularidades doutros concellos que doutra maneira non podería coñecer, malia que a miña valoración do goberno provincial é moi semellante á do municipal; gobernan só para a foto

Ben, pero supoño que non poderás dicir que no reparto de fondos a DEP utilice camiños diferentes á equidade?

No plan concellos existen criterios obxectivos, alí si, pero é que aparte están os convenios, que a presidenta asina con quen ela quere, e alí si que beneficia con claridade a grandes concellos como Vigo e Pontevedra. A realidade é que agora mesmo a DEP parece un pleno da corporación de Vigo

O outro día lía nun xornal dixital unhas supostas declaracións do teu compañeiro Alberto Pazos, nas que presuntamente defendía o acordo con Vox en Andalucía, que tes que dicir ao respecto?

Non coñezo esas supostas declaracións, si se fixeron realmente, e nese caso en que contexto as fixo, e eu non podo valorar o que non coñezo. O que si quero dicir é que teño moi claro que a sentencia dos ERES retrasouse a despois das eleccións voluntariamente

Rematamos Mari Carmen, o ano próximo hai eleccións autonómicas, na hipótese de que para manter a Xunta, precisarades os supostos votos de deputados de extrema dereita, se os houbera, cal sería o teu criterio?

Temos un magnífico presidente da Xunta, cunha amplísima maioría que o avala, unha estrutura política marabillosa do PPdG e agardo e desexo que a situación se poida manter despois das eleccións do ano 2.020,porque teño a certeza íntima de que a maioría absoluta do PP e a presidencia de Alberto Núñez Feijoo é o mellor para o conxunto da sociedade galega.

Si vale, pero non me contestaches?

Eu rexeito as actitudes extremistas tanto as de extrema dereita como as de extrema esquerda, e quero dicir que moito falamos de Vox pero nada das posicións de ultra esquerda.

Moi ben, pero non te escapes Mari Carmen, ti sénteste próxima a un discurso que nega a violencia de xénero, cuestiona o cambio climático e defende a necesidade do ensino nas escolas da caza e as touradas?

Non claro que non, eu non estou próxima ese tipo de visión da realidade. Eu síntome próxima ao PP, levo afiliada desde 1.992 e non cambiei nin cambiarei.

MOITAS GRAZAS

Primer comentario

Deixa a túa opinión