Montse Fajardo, xornalista especialista en memoria histórica

Montse Fajardo A Nova Peneira

A medida que van pasando os anos e as experiencias se acumulan nos camiños da vida de cada persoa, como se amorean as follas nas inmensas tardes de outono, tendemos a mirar atrás con maior frecuencia, ás veces poderemos facelo con dozura e ás veces como expresaba aquel fermoso verso de Antonio Machado” mi historia, algunos casos que recordar no quiero”,porque todos temos feridas que nalgunha ocasión nos deixaron un pouso de amargura. Todas as persoas precisamos recordar, para sentirnos ben, o recordo, a posibilidade de ollar para atrás con tenrura debería ser o último porto seguro, a estación que nos proporcione acubillo antes de que todo se acabe, pero non todos os seres humanos poden facelo con naturalidade, a unha parte da sociedade española, a que estaba vinculada cos perdedores da guerra civil, roubóuselles ese dereito humano básico, ocultando ou mal contando o seu sufrimento, por iso as persoas como Montse Fajardo, que dedican o mellor da súa vida a darlle voz á quen non a ten, son das imprescindibles. Foi un pracer coñecela e conversar con ela, velaí vai o que deu de si a nosa charla

SE EXISTISE UNHA POLÍTICA DE MEMORIA HISTÓRICA RIGOROSA, SERÍA IMPOSIBLE QUE A EXTREMA DEREITA TIVESE OS DEPUTADOS QUE TEN”

Ti e eu non nos coñeciamos de nada, de casualidade asistín a unha charla que impartiches nas Neves sobre o terror que o réxime franquista exerceu contra as mulleres, e aínda que saín co corazón encollido pola dureza dos episodios que mencionaches, paseino moi ben e apetéceme coñecer o teu traballo, cóntanos como empezou todo?

Pois como tantas cousas na vida, foi por casualidade, eu estudaba políticas en Santiago

Caramba, debiches ter moi bos profesores?

Abofé que si, Beiras, Pedro Puy, Roberto Blanco Valdés

Bufff

Se a expresión vai por este último dicirche que , como é obvio, Roberto, non ten nada que ver politicamente comigo, el é un profesor excepcional, de feito foi quen dirixiu o meu TFN, ben pois pronto comecei a traballar

Cando remataches políticas supoño?

Non, estaba estudando aínda, combinei os últimos anos da miña carreira cun traballo nunha empresa que organizaba feiras e eventos, e alí coincidín cun xornalista do Faro que nos levaba as notas de prensa, el, Fernando, dicíame que a min se me daba ben escribir, e eu a verdade sempre quixeras ser xornalista. E nun momento que había un posto no Faro, en Arousa, xa me chamaron

De que ano estamos falando?

Comecei no Faro en 1999

Que facías no Faro?

Política municipal , sucesos e moitas cousas de memoria histórica

Como comezou a túa vinculación coa memoria histórica?

Cando eu era moi nena, a miña avoa Pepita contábame sempre a historia dunha veciña que tiña ao fillo agochado nun falso armario e que outra veciña delatárao e asasinárono, e eu non entendía como aos asasinos non lles pasara nada. A min sempre me apaixonou ese tema, eu entendo o xornalismo como a obriga ética de darlle voz a quen non a tiña, así teño por costume situarme sempre no bando dos perdedores. Como sabes o ano 2006 foi o ano da memoria e naquel momento se fixeron moitos actos en relación con ese tema, e os da miña zona sempre os cubría eu

Esa visión do xornalismo está cerca da realidade?

Eu creo que depende de cada un de nós. Teño que dicir que nos 9 anos que estiven no Faro sempre tiven total liberdade para escribir do que quixen

O 14 de abril é un día importante para ti verdade Montse?

Si, non recordo se no 2006 ou ano anterior, un colectivo republicano de Vilagarcía conmemoraba ese día e eu fun cubrir o acto, alí coñecín nunha señora nunha cadeira de Rodas, ela Carmen Meaños “A Carrilla” e coñecela marcou a miña vida. Ela é unha das protagonistas de MATRIARCAS, ese día contoume que cando ela tiña 8 anos os falanxistas conducidos polo veciño da casa de ao lado foron buscar ao seu pai, e a súa nai acabou toleando

Fálanos de Matriarcas?

Ben, pois cando deixei o Faro quedei cun mono considerable de escribir, e naquel momento apeteceume facer algo que non tivese o compoñente temporal tan breve que ten a prensa e decidinme polo formato libro que recollera a historia de varias mulleres da posguerra. A primeira pinga de Matriarcas púxoa a miña avoa Pepita, e a segunda Carmen. Reflicte 10 historias de mulleres que sufriron a represión franquista ou padeceron a fame da posguerra, das dificultades que temos as mulleres polo feito de selo

Matriarcas que supuxo en ti ?

Supuxo que se antes tiña unha posición decidida ao lado dos vencidos, pois despois do libro pasou a ser unha posición militante

Despois de Matriarcas que?

Pois tiven unha época un tanto de deserto no que ao terreo laboral se refire, incluso cheguei a facer unha revista de fútbol

Vaia, pois iso si que me sorprende?

Ha ha ha, non é que me guste o fútbol especialmente, pero o meu pai estaba na directiva do AROSA e eu non sirvo para estar sen facer nada, facía unha cousa que se chamaba fora de xogo na que alén do futbolístico trataba distintos temas cos xogadores..en fin non entendo nada de fútbol pero foi un tema divertido e estando alí pois comecei a escribir UN CESTO DE MAZÁS, e xa me dediquei ao cen por cen a facer literatura con perspectiva de xénero, traballando en distintos programas da DEP e do Concello de Pontevedra

Entón podemos descartar que acabes de columnista no diario marca?

Ha ha ha ha, si, creo que o podemos descartar

Onte estiven por Fornelos de Montes, e resulta que tamén tes unha relación con ese concello

Alí déronme un premio de xornalismo que me fixo unha enorme ilusión

Xa, xa o sei, de feito onte coñecín de casualidade á persoas que organiza eses premios

Fíxache, non nos coñeciamos de nada e de súpeto comezo a aparecer en distintos sitios á vez

Ha ha ha ha, fálame do artigo co que gañaches ese premio de xornalismo?

O UNIVERSO DE CARLOS, ten que ver co autismo. Álvaro é un neno ao que eu quero moito fun ver un festival de nadal, del, e alí coñecín a Carlos, un neno que ten autismo. Álvaro que daquela tiña sete anos, explicoume con tal naturalidade o que é o autismo, que foi unha auténtica lección para min. Meses despois coñecín a existencia dese premio, fun ao cole, e descubrín que fóra desa aula Carlos tiña unhas dificultades enormes para desenvolver a súa vida con normalidade.

E agora quero coñecer máis de “Rexas”

Explica en poucos paneis, as características básicas da represión feminina, recolle os casos de 172 mulleres, todas da provincia de Pontevedra

Tes a certeza de que pode haber moitas máis que sufriron algún tipo de represión?

Si, si ,desde logo que si, primeiro hai moitas que non entraron en Rexas por falta de espazo. Asasinadas si que puxemos todas, pero houbo moitísimas que non couberon, e moitas que padeceron violencia, agresións sexuais e todo tipo de abusos, que estou segura que non coñezo. Sería imposible ter feito REXAS sen as asociacións de memoria xa existentes

Ti tes entrevistado a mulleres directamente afectadas por estes episodios de terror, non resulta complicado xestionar as emocións?, dígoo porque eu creo que a min me resultaría moi difícil non derrubarme

Si, é duro claro, pero é tan agradecido que compensa. Aínda que pareza que a xente que os padeceu non quixera contar eses espantosos sucesos, na maioría dos casos están desexando que lles preguntes por algo que leva 80 anos agochado. Pronto estrearemos un documental sobre o tema “ a xeración neta” no que as netas describen, como se transmitiu e ves, nelas, que as emocións ao respecto do sufrimento das súas avoas continúan nun punto de elevadísima intensidade.

A sociedade, refírome os segmentos non implicados, nin cos perdedores nin cos vencedores como percibe o teu traballo?

En liñas xerais moi ben, todos os seres humanos temos un sentido innato que nos permite distinguir o xusto do inxusto, e ata as persoas máis asépticas cando reciben a información resultan impactadas e empatizan con quen sufriu abusos. O problema é que a maior parte da xente aínda ignora o que aconteceu, porque unha parte da historia foi silenciada e ou mal contada equiparando as vítimas cos verdugos. Se neste país houbese unha política pública rigorosa de memoria histórica a extrema dereita non tería os deputados que ten