AporM considera “inmoral” a postura do PP ao culpar ao anterior goberno da débeda do Centro de Día

grupo municpal AporM Concello de Mondariz A Nova Peneira

Xoán Carlos Montes lembra que o sistema de pago foi acordado entre a Xunta do PP e a FGAM dirixida polo PSOE

Mondariz, 29 de novembro de 2019

Alternativa por Mondariz saíu ao paso das afirmacións realizadas pola portavoz do grupo municipal do PP, Ana Corredoira, nas que esta aseguraba que a débeda de 157.000 euros que o servizo tiña contraída co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar era debida “ás malas prácticas do anterior Goberno”.

Xoán Carlos Montes Bugarín, portavoz de AporM, cualificaba esas informacións de “falsas amais de inmorais” ao ocultar o Partido Popular que dito convenio foi asinado, no seu momento, polo alcalde popular Julio Alén. Curiosamente, asegura o portavoz de AporM “a Xunta non reclamou ata o 2017 o pago da débeda, dato que oculta o grupo municipal do PP”.

Montes subliña o feito de que, no mesmo momento en que o Consorcio reclamou a débeda, “tentamos negociar coa Xunta as formas de pago e unha solución viable que permitira manter un servizo que consideramos básico para a cidadanía”.

En todo caso, o portavoz de AporM quere salientar o feito de que o actual sistema de pago “foi pactado no seu día entre a Xunta de Galicia, gobernada polo PP e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) dirixida polo PSOE e con vicepresidencia do BNG”.

Xoán Carlos Montes Bugarín remata asegurando, de xeito contundente, que “é unha irresponsabilidade rescindir o contrato sen ter os deberes feitos: sen ter atado un convenio e sen ter avaliado economicamente o custe para o concello no caso de non chegar a acordos coa Xunta”. AporM asegura que “é unha loucura deixar no aire o benestar dos maiores” e utilizarán “todos os medios que teñamos a nosa disposición para evitar o Peche do Centro de Día” e urxe ao Goberno local “a iniciar negociacións para acadar unha solución beneficiosa para o Concello e a súa veciñanza”. “Neste vindeiro 2020 remata o convenio e é unha ocasión inmellorable para facer esas negociacións”, conclúe o portavoz de AporM.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*