Rego confirma nas Pontes que o futuro de ENDESA está na negociación do BNG co PSOE de cara á investidura de Sánchez

Reunión Endesa As Pontes A Nova Peneira

A formación nacionalista manterá a “presión parlamentaria” para buscar unha solución, reclama unha mesa de negociación e que Galiza entre no reparto das axudas á descarbonización

Encontro co comité de crise que integra a todos os axentes locais afectados polo anunciado peche da térmica

Santiago de Compostela, 29 de Novembro de 2019

O deputado no Congreso, Nestor Rego, mantivo un encontro co comité de crise creado nas Pontes tras o anuncio de peche de ENDESA, e confirmou que este asunto é prioritario para o BNG e, por iso, forma parte dos temas que a formación nacionalista puxo na negociación co PSOE de cara á investidura de Pedro Sánchez.

“O BNG colocou a situación de ENDESA dentro do proceso negociador co PSOE de cara a posible investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado, poñendo sobre a mesa a necesidade de que haxa unha alternativa a través dunha mesa de traballo na que participen a Administración central, -a través de todos os ministerios con competencia neste asunto-, a Xunta de Galiza, a administración local e os axentes sociais das Pontes e que, desa mesa, saia un plan que consiga o obxectivo de manter a continuidade da actividade económica”, explicou o deputado nacionalista.

Rego salientou que o Bloque vai seguir na súa posición de “defensa activa” da continuidade da central térmica, e para iso recorrerá tamén “á presión parlamentaria” para evitar que o Goberno do Estado permita o cese e o peche de ENDESA sen garantir unha alternativa de futuro, en termos económicos e de postos de traballo.

“O cese de actividade sen alternativa previa non é razoable e imos traballar a favor de solucións e de alternativas que garantan a actividade económica e a continuidade do emprego, tanto neste concello como na comarca”, recalcou o nacionalista.

Ademais desa presión política aproveitando a representación no Congreso, o BNG formula medidas concretas, empezando por esixir as modificacións legais pertinentes para que Galiza se beneficie das axudas a descarbonización, “para que poida entrar no plan de acción urxente para países con centrais que usan o carbón e están ameazadas por peches e, neste sentido, teña o mesmo tratamento que Asturias, Aragón ou Castela-León”, explicou.

Igualmente, “que se recuperen os 55 M€ que estaban previstos nese plan de acción urxente para centrais en peche”, coa vista posta na ampliación do Polígono industrial de Penapurreira, hoxe xa sen espazo. “Se queremos que haxa novas actividades económicas na Pontes o primeiro que temos que facer é facilitar solo para acoller novos proxectos que contribúan ao mantemento do emprego”, argumentou Rego.

O deputado recalcou o compromiso do BNG na solución desta crise, empezando por conseguir “que o Goberno non autorice o cese da actividade nin o peche da fábrica sen que previamente haxa ese plan alternativo, e a garantía desde o punto de vista económico como político de que ese plan será executado. Hai que pasar das boas intencións aos feitos”, sintetizou.

O BNG tamén se suma ás denuncias dos representantes dos e das traballadoras e do comité de crise en relación á opacidade de ENDESA, e reclama que se lle trasladen á parte social os datos técnicos que supostamente fan inviable o mantemento da actividade con biocombustible. Na reunión tamén participaron o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, e a portavoz municipal, Silvia Pardo.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*