Tomiño impulsa a redacción do proxecto “Camiño Escolar Seguro para o colexio de Goián”

Camiños escolares Concello de Tomiño Goián A Nova Peneira

Un dos principais obxectivos é que o alumnado vaia gañando autonomía persoal, xunto a adopción de hábitos saudables e actividade física

Tomiño, 5 de decembro de 2019

O Concello de Tomiño vén de adxudicar a redacción do proxecto e do plan de dinamización do “Camiño Escolar Seguro para o CEIP Pintor Antonio Fernández, en Goián (Tomiño)”.

O proxecto foi adxudicado á empresa “Muñiz Alfaya, SLU”, por valor de 33.333,33 euros, IVE incluído. A maior parte do custe procede dunha subvención da Deputación de Pontevedra, concedida o 14 de setembro pasado, para a redacción deste proxecto. O prazo de execución é de dous meses e a redacción inclúe unha primeira fase de recollida e análise de datos; unha segunda de diagnose e finalmente, a redacción da proposta.

Un dos principais obxectivos do proxecto é que o alumnado vaia gañando autonomía persoal, xunto a adopción de hábitos saudables, como a actividade física, a través dunha serie de medidas e actuacións nas que el mesmo participará de xeito directo, realizando tarefas dentro e fóra das aulas, coma por exemplo, unha “saída de exploración” polo entorno, na que acompañados por membros do equipo redactor, encargarase de realizar unha avaliación crítica (a través da toma de notas e fotografías) da morfoloxía urbana que rodea ao centro educativo: mobiliario urbano, zonas de cruce, de estacionamento, barreiras arquitectónicas, etc.

Días atrás, celebrouse unha reunión de presentación entre o equipo redactor da empresa, composto por profesionais de distintas áreas do Planeamento Urbano (arquitectura, enxeñería, socioloxía, etc.), e os concelleiros e técnicos da área municipal de Educación e Obras, e posteriormente, outra, cas nais e pais do alumnado do centro, para explicar o proceso de implantación do“Camiño escolar seguro”; un proxecto que se desenvolverá entre a dirección e a comunidade educativa do centro e o Concello de Tomiño, co apoio da Deputación de Pontevedra.

Durante estes meses de traballo sobre o propio terreo, e de oficina, os profesionais encargados de executar o proxecto, seguirán reuníndose con técnicos municipais, e ca dirección do centro escolar e da súa ANPA, para constituír un grupo dinamizador con representantes de cada área, coa intención de coordinar e consensuar as accións e actividades que se desenvolveran cos cativos e rapaces da escola.

Primer comentario

Deixa a túa opinión